Joaquín Jovellar Soler
Joaquín Jovellar Soler ou Jover, nado en Palma o 28 de decembro de 1819 e finado en Madrid o 6 de abril de 1892, foi un militar balear. Foi presidente do goberno de España en 1875, capitán xeneral de Cuba entre os períodos de 1872 a 1874 e de 1876 a 1878, e capitán xeneral de Filipinas entre 1883 e 1885.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou a súa carreira militar durante a Primeira Guerra Carlista. Durante case toda a década dos anos 1840 estivo destinado en Cuba. En 1859 foi secretario de campaña do xeneral Leopoldo O'Donnell na guerra de Marrocos, participando nalgunhas operacións militares, entre elas na batalla de Wad-Ras, onde foi ferido o 23 de marzo de 1860. En 1863 foi ascendido a brigadier, sendo no ano seguinte nomeado subsecretario do Ministerio da Guerra. En xuño de 1866 resultou ferido de novo combatendo a sublevación progresista dos sarxentos do cuartel madrileño de San Xil, promovida polo xeneral Joan Prim. Porén, o feito de ser relegado polo goberno a continuación incidiu notabelmente no seu estado de ánimo, adheríndose á Revolución de 1868, que destronou a Isabel II.
Algúns anos máis tarde foi ascendido a tenente xeneral e en 1873 o presidente da I República, Emilio Castelar, nomeouno capitán xeneral de Cuba. Desde ese posto tivo que facer fronte á delicada crise do denominado asunto do Virginius. Á súa volta a España, en 1874, foi designado xeneral-xefe do Exército do Centro, co cal se sumou aos preparativos do pronunciamento encabezado polo xeneral Arsenio Martínez Campos en Sagunto, que tentaba restabelecer no trono español a Casa de Borbón.
Desempeñou por vez primeira o cargo de Ministro da Guerra no primeiro goberno presidido polo conservador Antonio Cánovas del Castillo, entre decembro de 1874 e setembro de 1875, recibindo ademais o ascenso a capitán xeneral. Posteriormente foi designado presidente do goberno que, desde setembro ata decembro de 1875, debía xestionar a celebración das eleccións para formar as Cortes Constituíntes da Restauración borbónica, no cal de novo ostentou o cargo de ministro da Guerra. Cánovas conservouno como ministro do mesmo ramo no seguinte goberno e poucos días despois foi nomeado outra vez capitán xeneral de Cuba, posto no que permaneceu entre 1876 e 1878. Anos despois foi designado capitán xeneral de Filipinas (1883). Retornado á península en 1885, ocupou unha vez máis a carteira de Guerra (1885-1886), no primeiro goberno da rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena, encabezado polo liberal Práxedes Mateo Sagasta.
Predecesor: Antonio Cánovas del Castillo |
Presidente do Consello de Ministros de España 1875 |
Sucesor: Antonio Cánovas del Castillo |
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Joaquín Jovellar Soler |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Miranda García, Soledad; Cuenca Toribio, José Manuel (1992). «Sociología ministerial de la Restauración (1875-1902)». Revista de Estudios Políticos (Centro de Estudios Políticos y Constitucionales) (Nº78): pp. 71–104. ISSN 0048-7694.