Joaquín Ascaso Budría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Joaquín Ascaso Budría
Nacemento1906
Lugar de nacementoZaragoza
Falecementomarzo de 1977
Lugar de falecementoCaracas
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónanarcosindicalista e anarchist militiaman
editar datos en Wikidata ]

Joaquín Ascaso Budría, nado en Zaragoza en 1906 ou 1907 e finado en Caracas en marzo de 1977, foi un militante anarcosindicalista, presidente do Consello Rexional de Defensa de Aragón entre 1936 e 1937. Era curmán de Francisco Ascaso.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De profesión obreiro albanel, na súa mocidade afiliouse á organización anarcosindicalista Confederación Nacional do Traballo, participando na agrupación anarquista "Los Indomables" e colaborando con outra chamada "Los Solidarios".

Foi detido en Zaragoza polas súas actividades anarcosindicalistas en 1924, e a ficha policial dálle unha idade de dezasete anos. Tras isto fuxiu a Francia ata a chegada da Segunda República Española, véndose moi influenciado pola Sublevación de Jaca.

O inicio da Guerra Civil española sorpréndeo en Barcelona, no contexto da Revolución Española. Parte cara á fronte de Aragón, primeiro integrado na Columna Durruti e posteriormente na Columna Ortiz. Recibiu o nomeamento oficial de delegado gobernamental do Consello Rexional de Defensa de Aragón o 19 de xaneiro de 1937.

Trala disolución do Consello, foi detido por orde do Goberno da República o 19 de agosto de 1937, permanecendo preso 38 días na prisión de San Miguel de los Reyes, preto de Valencia, e finalmente marchou a Francia a través de Andorra con Antonio Ortiz Ramírez, desde onde partiu cara a Uruguai, pasando tamén por Chile e Paraguai, establecéndose en Venezuela, onde formou na década de 1960 o grupo anarquista "Fuerza Única", xunto a Antonio Ortiz e outros membros libertarios no exilio.

O historiador Alejandro Díez Torre rescatou e publicou en 2006 un libro escrito polo propio Ascaso, Memorias, 1936-1938, editado pola Universidade de Zaragoza. Tamén o escritor Francisco Carrasquer, irmán do tamén escritor Félix Carrasquer, publicou ese mesmo ano Ascaso y Zaragoza. Dos pérdidas: la pérdida, un traballo de investigación sobre Ascaso e o Consello.