Ivan Osiier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ivan Osiier
Nacemento16 de decembro de 1888
 Copenhague
Falecemento23 de setembro de 1965
 Copenhague
NacionalidadeDinamarca
Ocupaciónesgrimista e médico
CónxuxeEllen Osiier
editar datos en Wikidata ]

Ivan Joseph Martin Osiier, nado en Copenhague o 16 de decembro de 1888 e finado na mesma localidade o 23 de decembro de 1965, foi un médico e tirador de esgrima danés, gañador dunha medalla olímpica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Osiier era médico, graduándose en 1915, estivo residente nun hospital militar entre 1915 e 1917 e como axudante no Instituto Farmacolóxico (1915-1916). En 1916 estivo coa Cruz Vermella Danesa na fronte rusa, traballando tamén na Cruz Vermella Británica en 1918. Despois da guerra volveu a un hospital militar como residente e tras 1919 estableceu a súa propia consulta en Copenhaguen. En 1943 debido á persecución dos xudeus polos nazis tivo que marchar a Suecia, onde exerceu no Hospital Sankt Görans de Estocolmo. Tras a derrota nazi en 1945 volveu a Dinamarca.

Deportivamente comezou pracicando o remo pero ao pouco centrouse na esgrima, estivo entre os fundadores dos clubs Fægteklubben af 1907 e Akademisk Fægteklub do que foi presidente (1930-1937), o seu adestrador foi o mestre de armas francés radicado en Dinamarca Leonce Mahaut. Participou nos Xogos Olímpicos de 1908, chegando á segunda rolda en espada individual. Nos Xogos Olímpicos de 1912 logrou a medalla de prata en espada individual. Nos Xogos Olímpicos de 1920 chegou ás roldas finais nas tres probas nas que competiu , foi cuarto en florete por equipos, sexto en sabre por equipos e oitavo en florete individual. Nos Xogos Olímpicos de 1924 chegou ás finales en florete individual, quedando na sexta praza, ao igual ca en sabre individual, en florete por equipos Dinamarca chegou ás seminifais onde perdeu diante Italia e Bélxica mentre que en espada por equipos quedou eliminada en cuartos de final. Nestes xogos por primeira vez apareceu a categoría feminina de esgrima, e a súa dona Ellen Osiier gañou a medalla de ouro. Nos Xogos Olímpicos de 1928 competiu en cinco probas, en sabre individual chegou ás semifinais, en espada individual tamén chegou ás semifinais, en espada por equipos Dinamarca quedou eliminada en cuartos de final, en espada por equipos non pasou de semifinais e en espada por equipos Dinamarca foi eliminada na primeira rolda.

Osiier competiu en cinco probas nos Xogos Olímpicos de 1932, en espada por equipos Dinamarca chegou ás semifinais antes de ser eliminada polos Estados Unidos, en florete por equipos quedou en cuarta praza tras Dinamarca perder con Italia, Francia e os Estados Unidos. En florete individual chegou ás semifinais, en sabre individual foi sétimo e por equipos Dinamarca non pasou da primeira rolda. Osiier que era xudeu boicoteou os Xogos Olímpicos de 1936 en Berlín en protesta pola política nazi [1]. Con 59 anos, Osiier volveu á competición olímpica nos Xogos Olímpicos de 1948, 40 anos despois de participar por primeira vez nas olimpiadas, participou só nunha proba, espada por equipos, e Dinamarca resultou eliminada na primeira rolda.

Osiier foi un dos grandes campións daneses e escandinavos, gañou 25 campionatos nacionais nas tres armas, florete, espada e sabre. Gañou o campionato en florete en 1913, 1915, 1917–19, 1923–24 e 1927–29, en espada en 1915–17, 1927–28 e en sabre en 1913, 1916–20, 1922–23 e 1928–29. Foi o campión escandinavo de florete en 1920–21, 1923, 1927, 1929 e 1931, en espada en 1920, e en sabre en 1921, 1923, 1927, 1929, 1931, e 1933. Foi durante moito tempo o presidente da Federación De Esgrima Danesa.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Dansk Biografisk Leksikon-Ivan Osiier (en dinamarqués)