Ingravidez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Astronauta en ingravidez realizando actividades extravehiculares

A ingravidez é o estado no que un corpo ten peso nulo. Para que iso sexa posible a forza centrífuga, ou outra forza da mesma intensidade que o peso pero que actúe na dirección oposta ha contrarrestar a forza gravitacional. A ingravidez de persoas e obxectos, durante a caída libre denomínase microgravidade, e non é un estado de ingravidez [1], aínda que é equivalente á ausencia de gravidade para os fenómenos físicos.

Efectos no organismo humano[editar | editar a fonte]

As funcións fisiolóxicas case non se alteran polo estado de ingravidez pero pode afectar nalgún grao á saúde [2]. Pode prexudicar o sentido da orientación xa que en terra está rexido polos otólitos (minúsculas concrecións calcarias no oído interno). Ao non pasar os otólitos, prodúcese vertixe, náusea e outros trastornos concordantes cun mareo común. Non obstante, unha preparación axeitada, como a que reciben os astronautas, pode atenuar esas molestias. Unha consecuencia, non aparente, da ingravidez é unha leve atrofia muscular e a desmineralización ou perda de materia ósea polo esqueleto logo dunha estada prolongada no espazo.

Nos voos e estacións espaciais realízanse experimentos biolóxicos mediante observacións persoais ou con animais de laboratorio. Tamén existen satélites biolóxicos deseñados para estudaren os problemas relativos ao comportamento dos organismos en estado de ingravidez e sometidos ás radiacións cósmicas.

A síndrome de adaptación ao espazo é un dos principais efectos sobre o corpo humano da ingravidez, consiste nun malestar que acaece en diferente medida segundo cada organismo humano e tan só se manifesta no primeiro día en ingravidez, bardante algún caso durante dous días. Maniféstase por mareos e vómito así como abatemento xeral. Empregouse a escopolamina con pouco éxito, mais a prometazina dá mellores resultados.

Outro efecto é o desprazamento de líquidos cara á parte parte superior do copo, ese movemento cara ao tórax e a cabeza orixinan inchazo e sensación de pulsacións no pescozo, obstrución nasal e adelgazamiento das extremidades inferiores e da cintura[3]. Este efecto provoca intolerancia ortostática, dificultade para permanecer de pé, ao regresar á Terra. Acálmase bebendo un litro de solución salina antes de volver a condicións de gravidade normal. Tamén afecta ao descondicionamento cardiovascular e á perda de glóbulos vermellos. O corazón reduce o seu traballo por mor da redución de líquidos no corpo, aproximadamente un 10%. Tamén diminúen os glóbulos vermellos por causas que aínda no se coñecen. Este efecto non lles afecta na práctica aos astronautas e desaparece logo de varias semanas na Terra.

Tamén se produce descondicionamento muscular xa que debido á falta de gravidade os músculos tenden a perder masa xa que as pernas non teñen que cargar o peso do corpo como na Terra, ademais a maioría do resto dos músculos requiren só unha ínfima parte da súa enerxía para mover o corpo humano, xa que o peso das extremidades e cabeza desaparece quedando só a inercia. Este efecto repárase coa realización de exercicio durante todo o tempo de ingravidez. Por último tamén se produce deterioración ósea, ao descalcificarense os ósos en estadas longas, non é algo reversible e é un dos problemas máis serios.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Space myths and misconceptions – space flight". OMNI. 15 (7): 38ff. May 1993
  2. Chang, Kenneth (27 de xaneiro de 2014). "Beings Not Made for Space". New York Times. 
  3. "The Pleasure of Spaceflight Arquivado 27 de novembro de 2019 en Wayback Machine.", Toyohiro Akiyama, Journal of Space Technology and Science, Vol.9 Nº.1 primavera 1993, pp.21-23