Volksparkstadion

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Imtech Arena»)

Coordenadas: 53°35′13″N 9°53′55″L / 53.586944, 9.898611

Volksparkstadion
O Volksparkstadion en 2010.
Datos
LocalizaciónHamburgo
Construción
Inauguración12 de xullo de 1953
Estadio
Superficieherba
Dimensións105 × 68 m
Capacidade57 000 espectadores
PropietarioHamburger SV
OperaradoraHamburger SV
LocalíaHamburger SV

O Volksparkstadion é un estadio de fútbol de Hamburgo, Alemaña. Nel disputa os seus partidos como local o Hamburger SV.

Historia[editar | editar a fonte]

O estadio foi construído entre 1951 e 1953, sobre un máis antigo que ocupaba o mesmo lugar. Foi inaugurado o 12 de xullo de 1953 co nome de Volksparkstadion (Estadio do Parque do Pobo), recibindo o nome pola súa localización no Altona Volkspark (Parque do Pobo). A maioría dos materiais de construción procedían das ruínas de Eimsbüttel, un distrito de Hamburgo destruído polos bombardeos aliados durante a segunda guerra mundial. O novo estadio podía albergar ata 75.000 espectadores.

En 1963, cando o HSV se clasificou para a nova Bundesliga, pasou a xogar no Volksparkstadion, un estadio máis grande e moderno que a súa anterior sede, o Sportplatz at Rothenbaum.

En maio de 1998, o HSV decidiu substituír o impopular Volksparkstadion por un novo estadio, non só para axudar a Alemaña a prepararse para ser sede da Copa do Mundo de Fútbol, senón tamén porque cada vez era máis difícil cumprir as normas de seguridade cunhas instalacións tan antigas. O antigo estadio foi demolido e o novo estadio foi xirado 90° para ofrecer unha experiencia visual igual en todas as bancadas e aproveitar a luz solar. O custo estimado do novo estadio foi de entre 90 e 100 millóns de euros. A capacidade do estadio durante os partidos de clubs é de 57.000 espectadores, reducíndose a 51.500 durante os partidos internacionais. O récord de asistencia alcanzouse na vitoria do Hamburger SV sobre o Bayern de Múnic (1-0) o 30 de xaneiro de 2009, cando se contabilizaron 57.000 espectadores.

Vista aérea do estadio en 2010.

O 30 de abril de 1998 emitiuse a licenza de obra para o novo recinto. Elimináronse as instalacións de atletismo, reducindo así a distancia entre o terreo de xogo e as bancadas. O estadio foi reinaugurado o 2 de setembro de 2000 cun partido entre Alemaña e Grecia, gañando o equipo local por 2-0. Co novo estadio, o HSV conseguiu acadar unha media de 50.000 asistentes aos seus partidos. En 2004 abriu no estadio un museo dedicado á historia do HSV.

Trátase dun estadio de categoría 4 da UEFA, polo que é apto para albergar finais da UEFA Europa League e da Liga de Campións da UEFA.

En 2001, AOL comprou os dereitos do nome do Volksparkstadion por 15,3 millóns de euros, pasando este a chamarse AOL Arena. En marzo de 2007, os dereitos do nome foron comprados por HSH Nordbank por 25 millóns de euros, e o estadio foi rebautizado como HSH Nordbank Arena. Entre 2010 e 2015 chamouse Imtech Arena, recuperando a continuación o seu nome orixinal, Volksparkstadion.[1]

Torneos albergados[editar | editar a fonte]

Mundial de 1974[editar | editar a fonte]

O Mundial de 1974 celebrouse en Alemaña Occidental e o Volksparkstadion foi un dos estadios utilizados no torneo. O primeiro partido disputado foi o partido entre Alemaña Oriental e Australia (gañando os alemáns 2-0), cunha asistencia de só 17.000 espectadores. O seguinte partido foi un Alemaña Occidental-Australia, onde a asistencia subiu ata os 53.300 seareiros. A asistencia creceu aínda máis para o seguinte partido, ata os 60.200 espectadores, no partido que enfrontou ás dúas Alemañas, sendo a vitoria para os orientais por 1-0.

O Hamburger SV contra o Eintracht Frankfurt, en maio de 2004.

Eurocopa de 1988[editar | editar a fonte]

A RFA albergou a Eurocopa de 1988 e o Volksparkstadion foi un dos estadios anfitrións. Nese momento o estadio podía albergar 61.200 espectadores. O único partido do torneo que se disputou no estadio foi unha semifinal na que os anfitrións, Alemaña Occidental, caeron ante os Países Baixos por 1–2.

Mundial de 2006[editar | editar a fonte]

O estadio foi unha das sedes do Mundial de 2006, disputándose nel cinco encontros.

Final da UEFA Europa League 2010[editar | editar a fonte]

O estadio acolleu a final da UEFA Europa League de 2010, na que o Atlético de Madrid conquistou o título ao vencer por 2-1 ao Fulham inglés.[2]

Outros usos[editar | editar a fonte]

O estadio acolleu un combate de boxeo entre os pesos pesados Wladimir Klitschko e David Haye o 2 de xullo de 2011.

Tamén acolleu a etapa alemá da serie de concertos mundiais Live Earth o 7 de xullo de 2007. Entre os artistas que actuaron nese evento estaban Shakira, Snoop Dogg, Eminem e Cat Stevens. Tamén actuaron no Volksparkstadion en outras ocasións artistas como Michael Jackson, Tina Turner, Depeche Mode, Metallica, AC/DC, Coldplay ou Rihanna.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Letters disappearing - the legend Volksparkstadion is back!". hsv.de (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 10 de marzo de 2022. 
  2. "Atlético Madrid's Diego Forlán strikes to beat Fulham in Europa League". The Guardian (en inglés). 12 de maio 2010. Consultado o 10 de marzo de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]