Saltar ao contido

Imatra (cine)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


O Imatra foi unha sala de cinema da cidade de Tampere, Finlandia. A sala estaba situada no número 12 da rúa Hämeenkatu, no lugar no que na actualidade está situado o edificio do Tampereen Säästöpanki. O cine é tristemente famoso polo incendio que se desencadeou no seu interior durante unha proxección o 23 de outubro de 1927 e no que morreron 20 persoas e 28 resultaron feridas, das cales unha morreu posteriormente no hospital.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]
Salón de baile da Casa do Concello de Tampere, onde se presentou a primeira proxección cinematográfica da cidade.

A primeira proxección cinematográfica na cidade de Tampere data do día 2 de marzo de 1897, cando o xornal Aamulehti anunciou que esa mesma tarde o fotógrafo de Helsinqui K. E. Ståhlberg proxectaría cun cinematógrafo "fotografías vivas" no salón de baile da Casa do Concello de Tampere. O día seguinte e mesmo xornal sinalaba que as imaxes eran naturais e claras. Logo destas proxeccións tiveron lugar outros eventos organizados aleatoriamente nos que a xente puido ver outras proxeccións, mais non foi ata finais do ano 1905 cando se abriu a primeira sala de cinema da cidade e as proxeccións cinematográficas convertéronse nunha actividade de lecer habitual das persoas da cidade.[1]

O edificio

[editar | editar a fonte]
O lugar que ocupaba o cine Imatra está ocupado na actualidade polo edificio do Tampereen Säästöpanki.

O cine Imatra construíuse no lugar que albergaba un antigo almacén no número 12 de Hämeenkatu, a uns poucos bloques da estación de Tampere, no centro da cidade, onde na actualidade está situado o edificio do Tampereen Säästöpanki.[2] Aínda que as paredes exteriores do edificio eran de ladrillo, todas as paredes interiores eran de madeira.[3] O cine contaba cunha zona elevada ou "galiñeiro" con capacidade para 80 persoas que adoitaban ser persoas novas que traballaban nas fábricas da cidade. A este "galiñeiro" accedíase mediante unha escaleira de caracol estreita e empinada, e carecía de saída de emerxencia.[3]

No interior, o vestíbulo era estreito, e a construción dunha tenda de doces na entrada fixérao aínda máis estreito. Ademais, o último chanzo das escaleiras do galiñeiro ocupada parcialmente o vestíbulo, obrigando á xente a esquivalo. Dentro da sala de proxección, o corredor que separaba as dúas filas de asentos medía pouco máis dun metro, mais a última ringleira de butacas estendíase ata case a metade da porta de entrada da sala, polo que a entrada medía tan só 65 centímetros de ancho.[3]

En 1926 Simo Artturi "Arttu" Määtä, quen se gañara a vida como violinista tocando en filmes mudos, tivo acceso ao teatro Apollo, situado no número 12 de Hämeenkatu, que pechara debido a un crime contra a propiedade no verán dese mesmo ano. Logo de enviarlle ao maxistrado da cidade unha carta cos certificados precisos, este autorizou que Määtä se inscribira no rexistro de comerciantes, aínda que finalmente non o fixo. O Imatra comezara a desenvolverse coa axuda de Emil Mäkinen, e Määtä alugou por 4 500 marcos mensuais un teatro plantexado como almacén a Rosa Tirkkonen, viúva de Adam Tirkkonen. Con todo, xa en 1923 o interior do edificio fora habilitado para acoller proxeccións de imaxes en movemento.[4]

A noite da traxedia proxectábase no Imatra o filme de Gloria Swanson Wages of Virtue.

O 23 de outubro de 1927, durante unha proxección do filme Wages of Virtue, protagonizado por Gloria Swanson, tivo lugar un tráxico accidente no cine cando se iniciou un incendio na sala de máquinas do cine.[5]

Ás 19:40 o proxeccionista do Imatra observou que por debaixo da caixa que protexía o carrete inferior da película saía fume. O traballador abriu a caixa para retirar a película, mais daquela xa se encontraba completamente en chamas.[5][6] O lume axiña se propagou polo resto do edificio, de xeito que cando chegaron os bombeiros o interior do edificio estaba xa completamente envolto en chamas. Como resultado do incendio máis de 20 persoas faleceron, entre elas varias persoas novas.[7][8]

Houbo varios factores que conduciron á traxedia do cine Imatra. Por unha banda houbo unha carencia na supervisión da seguridade do cine, ademais cometéranse erros na renovación do edificio, que tamén carecía de saídas de emerxencia, non se seguiran as regulacións, e houbo erros humanos unha vez se desencadenou o incendio. Con todo, o problema final foi a propia película de nitrato que se empregaba para as filmacións, que era altamente inflamable e podía chegar a arder a unha temperatura de tan só 40º de xeito rápido e explosivo.[9][6]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

O incendio do cine Imatra provocou unha serie de mudanzas nos cines de todo o país. En 1929 entrou en vigor un decreto sobre seguridade nos cines de Finlandia. Creouse o "Valtion filmiteknillinen lautakunta" (traducible ao galego como "Xunta Técnica Estatal de Cine"), cuxo cometido era supervisar a seguridade dos cines en caso de incendios. O "Valtion filmiteknillinen lautakunta", que sería suprimido en 1976, contou con inspectores itinerantes e comezou a formación para os encargados de proxectar nas salas de cine, e que debían completar un curso antes de conseguir a súa licenza. Logo da traxedia do Imatra, estableceuse que a máquina de proxección debía estar illada do resto do espazo e a sala de proxección dos teatros de cine de Finlandia debía ter unha saída de emerxencia separada.[9][6]

Memorial adicado ás vítimas da traxedia no cemiterio de Kalevankangas.

En 1928 erixiuse un memorial ás vítimas do incendio do cine Imatra no cemiterio de Kalevankangas, obra do arquitecto Veikko Kallio.[10]

O 1 de outubro de 2021 abriu as súas portas a exposición "Tampere liekeissä" (en galego "Tampere en chamas"), que repasaba a historia dos incendios e a loita contra eles na cidade de Tampere. Na exposición había un espazo adicado aos feitos ocorridos no cine Imatra, con filmacións, paneis informativos e imaxes da prensa da época. A exposición estivo aberta ata o 30 de abril de 2023.[11]

  1. Stenlund, Pekka. "Tampereen ensimmäinen elokuvanäytös" (en finés). koskestavoimaa.fi. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2023. Consultado o 24 de abril de 2023. 
  2. Tampereen kantakaupungin rakennuskulttuuri 1998 (en finés). Tampere: Tampereen kaupungin kaavoitusyksikkö. 1998. p. 153. ISBN 951-609-076-1. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Raevuori, Antero (3 de novembro de 2019). "Elokuvateatteri Imatrasta tuli kuolemanteatteri vuonna 1927 – Palavasta filmistä levinnyt tulipalo vaati useita kuolonuhreja Tampereella" (en finés). Seura.fi. Consultado o 24 de abril de 2023. 
  4. "Tampereelle - elokuva-alalle" (en finés). oocities.org. 3 de novembro de 2019. Consultado o 26 de abril de 2023. 
  5. 5,0 5,1 Panel ELOKUVATEATTERI IMATRAN TULIPALO. The Imatra cinema fire da exposición "Tampere liekeissä" no museo Vapriikki (consultado o 30 de abril de 2023)
  6. 6,0 6,1 6,2 Lounema, Tomi (14 de febreiro de 2017). "Blogi: Tulenarka selluloidi - säädös historian myrskyissä" (en finés). Turvallisuus- ja kemikaalivirasto. Consultado o 1 de xuño de 2023. 
  7. Hokka, Jenni. "1927. Selkkauksia ja onnettomuutta" (en finés). koskestavoimaa.fi. Consultado o 3 de maio de 2023. 
  8. Hokka, Jenni. "AHERRUSTA JA MURHETTA v.1927" (en finés). koskestavoimaa.fi. Consultado o 3 de maio de 2023. 
  9. 9,0 9,1 Panel TRAAGINEN TULIPALO KIINNITTÄÄ HUOMIOTA TURVALLISUUTEEN. Tragic fire calls attention to safety da exposición "Tampere liekeissä" no museo Vapriikki (consultado o 30 de abril de 2023)
  10. "Cemeteries in Tampere. Kalevankankaan hautausmaa" (en inglés). Tampereen seurakunnat. Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2023. Consultado o 3 de maio de 2023. 
  11. "Tampere liekeissä" (en finés). Museokeskus Vapriikki. Consultado o 3 de maio de 2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]