Igrexa de Santa María do Naranco
Monumentos de Oviedo e do reino de Asturias | |
---|---|
Fachada oriental de Santa María do Naranco | |
Patrimonio da Humanidade - UNESCO | |
País | España |
Localización | Oviedo 43°22′45″N 5°51′57″O / 43.37917, -5.86583 |
Tipo | Cultural |
Criterios | i, ii, iv |
Inscrición | 1985 |
Rexión da UNESCO | Europa e América do Norte |
Identificador | 312 |
Santa María do Naranco (en asturiano: Ilesia de Santa María'l Narancu) é unha igrexa prerrománica de estilo asturiano ou ramirense. Foi construída orixinariamente coma palacio polo monarca Ramiro I de Oviedo no 842, formando parte dun conxunto palacial no monte Naranco,[1] e reconvertida a igrexa probablemente no século XII. Está situada na aba sur do Naranco, a tres quilómetros de Oviedo, en Asturias.
En 1885 foi declarada, xunto con San Miguel de Lillo, como monumentos nacionais;[2] e levouse a cabo a restauración do monumento entre 1929-1934 dirixida por Luis Menéndez Pidal, que recupera o aspecto actual.[3] En 1985, foi declarada, como parte do prerrománico asturiano, Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.[4][5]
Historia
[editar | editar a fonte]Construída por Ramiro I como palacio, ou Aula Rexia, formaba parte dun conxunto de edificios reais máis amplo que contaba tamén coa igrexa de San Miguel de Lillo,[6] que está a 100 m de distancia.
O seu carácter de edificio civil mudou no século XII pois tralo derrubamento da cabeceira e parte das naves de San Miguel de Lillo, será transformada en igrexa, como queda rexistrado na crónica silense en 1015, que xa a denomina templo de Santa María. No seu altar, unha inscrición en latín indica a data da consagración:(...) Per Famulum Tuum Ranimirum. Principe Gloriosum Cum Paterna Regina Coniuge Renovasti Hoc Habitaculum Nimia. Vetustate Consumptvm Et Pro Eis Aedificasti Hanc Haram Benedictionis Gloriosae. Sanctae Mariae In Locum Hunc Summum Exaudi Eos De Caelorum Habitaculo Tuo Et. (...) Die VIIIIo Kalendas Iulias Era DCCCLXXXVIA[7]
Descrición arquitectónica
[editar | editar a fonte]O material fundamental consiste en perpiaños pequenos, de diversos tamaños, en fileiras horizontais coma é característico na arte asturiana e consta de dúas naves superpostas.[8]
Ten unha planta rectangular de 21 metros de largo por 6 de largo, e está dividida en dous andares, cunha altura total duns 9 m,[9] resultando unha planta bastante alongada. Nos lados maiores existen dous saíntes dos cales, no lado longo, aparece unha escaleira de dúas aberturas con pórtico, pola que se accede á planta superior. A do lado oposto está arruinada.
A planta baixa consiste nun amplo corpo central cuberto por unha bóveda de canón dividida en tramos por varios arcos de faixa que se apoian sobre columnas acaroadas no muro, tendo grandes semellanzas coa capela inferior da Cámara Santa de Oviedo. Aínda que posiblemente foi empregado como oratorio palatino,[10] tamén se pensa na hipótese de que fose unha cámara rexia onde o rei recibía audiencia. Esta teoría apóiase na bancada que percorre as paredes. Nos flancos aparecen dúas cámaras laterais con cuberta de madera destinadas a diversos servizos. Unha destas cámaras, a do lado leste, tivo funcións de sala de baño ou alxibe, pois conserva a pía e aparecen restos de conducións de augas,[10] aínda que segue a ser unha interpretación discutida. A do lado oeste só é accesible dende o exterior, descoñecéndose a súa función, quizais unha garita.
A planta superior foi a planta nobre, presentando unha distribución moi semellante á da planta baixa. A gran sala central, rectangular e cuberta con bóveda de canón peraltada cruzada por seis arcos de faixa que se apoian en canzorros.[11] Os lados maiores están percorridos por unha arquería cega que se apoia na columnas dobres de fustes sogueados de orixe céltica. Nos lados curtos, aparecen dous miradoiros ou tribunas tamén abovedados. No lado leste aparece un altar, seguramente reutilizada do oratorio do andar inferior,[12] que e empregará no seu uso posterior como igrexa.
No exterior, nos lados maiores, pódense ver os contrafortes que se corresponden cos arcos de faixa interiores.[8] Nos lados menores, a fachada estrutúrase en dous andares, dos cales o superior é o da planta nobre cuxos miradoiros ábrense ao exterior mediante tres arcos de medio punto peraltados nos que o central é lixeiramente maior. Este mesmo esquema, a unha escala moito máis pequena e estilizada, repítese por riba deles, formando as fiestras de dúas cámaras ás cales só se pode acceder coa axuda dunha escaleira e a súa utilidade era a de gardar o tesouro do nobre.
O resultado é un edificio elevado (con tendencia á verticalidade),[13] esvelto e elegante, modulado pola simetría dos contrafuertes e a graza dos seus arcos de medio punto peraltados, e con algunhas solucións construtivas (coma as bóvedas de canón, os arcos de faixa, os contrafortes exteriores) e decorativas (a supeditación da decoración escultórica á arquitectura), que supuxeron un claro antecedente da arte románica.[14]
Decoración escultórica
[editar | editar a fonte]A decoración atópase supeditada aos elementos arquitectónicos é resulta algo vulgar e simple, o que denota unha certa influencia tardorromana, mais tamén crea un edificio austero e, ao mesmo tempo, de grande harmonía e beleza.
O motivo elemento decorativo fundamental é o sogueado que está presente nos fustes e nos capiteis. Nestes tamén aparecen animais[11] (que tamén están presentes nos trinta e dous medallóns localizados nas enxuntas dos arcos), aves, cuadrúpedes, cabalos e cabaleiros en actitude de combate. Os medallóns aparecen tanto no interior coma no exterior do edificio, coma remate interior das pilastras ou de faixas, longas e estriadas no exterior e curtas baixo os canzorros nos que apoian os arcos de faixa interiores. Algúns autores afirman, nestes medallóns, a influencia de motivos decorativos propios da arte bizantina.[12]
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]A igrexa e os arredores aparecen en varias escenas da película Vicky Cristina Barcelona, do director Woody Allen.[15]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Contorna de Santa María do Naranco.
-
Fachada norte
-
Fachada sur
-
Arcada do miradoiro
-
Detalle dun medallón
-
Detalle fuste sogueado
-
Bóveda de canón con arcos de faixa
-
Bóveda do andar inferior
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ García Cuetos (1997), p. 98.
- ↑ García Cuetos (1997), p. 97.
- ↑ Cuenca (1997), p. 317.
- ↑ Cuenca (1997), p. 318.
- ↑ "Monumentos de Oviedo y del reino de Asturias". whc.unesco.org. Consultado o 01-08-2018.
- ↑ Gallego García (2009), p. 148.
- ↑ De Selgas (1909), p. 18
- ↑ 8,0 8,1 Cabezas (2012), p. 115.
- ↑ "Santa María de Naranco". mirabiliaovetensia.com (en castelán). 8 de febreiro de 2012. Archived from the original on 08 de febreiro de 2012. Consultado o 13 de decembro de 2021.
- ↑ 10,0 10,1 De Olaguer (1998), p. 190.
- ↑ 11,0 11,1 Cabezas (2012), p. 117.
- ↑ 12,0 12,1 De Olaguer (1998), p. 194.
- ↑ Espino Nuño (1996), p. 46.
- ↑ Espino Nuño (1996), p. 44.
- ↑ Redacción (5 de xaneiro de 2009). ""Vicky Cristina Barcelona", Woody Allen descubre España". coveralia.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2021. Consultado o 13 de decembro de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Igrexa de Santa María do Naranco |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cabezas López, Araceli (2012). Historia del arte en España. Col. Aula Mentor. Madrid: Ministerio de Educación. ISBN 978-84-369-5427-2.
- Cuenca Busto, Cosme (1997). "La restauración del patrimonio asturiano en la primera mitad del XIX". La intervención en la arquitectura prerrománica asturiana. Col. Cursos de verano nº 9. Oviedo: Universidade de Oviedo. pp. 311–320. ISBN 84-8317-011-6.
- De Olaguer, Fernando; Alonso, Feliu (1998). Arte medieval español hasta el año 1000. Col. Ensayos nº 127. Madrid: Ed. Encuentro. ISBN 978-8474904888.
- De Selgas, Fortunato (1 de maio 1909). "Las Iglesias del Naranco". Boletín de la Sociedad de Excursiones (en castelán) (Madrid) XVII: 19–40.
- Espino Nuño, Jesús (1996). Los orígenes de la Reconquista y el reino asturiano. Col. Historia del mundo para jóvenes. Madrid: Akal. ISBN 84-460-0459-3.
- Gallego García, Raquel (2009). Historia del Arte 2º Bachillerato. Madrid: Editex. ISBN 978-8497715171.
- García Cuetos, Mª Pilar (1997). "La restauración del patrimonio asturiano en la primera mitad del XIX". La intervención en la arquitectura prerrománica asturiana. Col. Cursos de verano nº 9. Oviedo: Universidade de Oviedo. pp. 97–118. ISBN 84-8317-011-6.