Historia de Cantón
Cantón é unha cidade no sur da China, capital da provincia de Guangdong.
Panyu
[editar | editar a fonte]A rexión do río das Perlas, na que se asenta a cidade, ten acollido presenza humana dende hai milenios. Algunhas fontes falan de que no comezo da dinastía Zhou (1111-771 a.C.) un xefe do pobo yue que habitaba a zona construíu unha cidade amurallada que chamou Nan-wu Ch'eng, na sección norte da cidade actual. No 887 a.C., Nan-wu Ch'eng foi tomada polo reino Chu e pasou a ser coñecida coma Wu-yang Ch'eng ("cidade das cinco cabras"). No 214 a.C., na época da unificación da China baixo o emperador Chin Shi Huang, fundouse un enclave portuario na beira norte do brazo mais setentrional do delta do río, preto da súa foz, que recibiu o nome de Panyu.
Inmediatamente, no ano 203 a.C., coa caída da dinastía Chin, Panyu converteuse en capital dun reino meridional autónomo que comprendía a parte setentrional de Vietnam e o reino de Nanyue. Panyu estendeuse e construíuse un pazo e xardíns reais. Converteuse nun florecente porto comercial. No 111 a.C. caeu en poder da nova dinastía Han. Panyu foi incendiada e reconstruída uns vinte quilómetros ao sueste, no norte de Shiqiao, no actual distrito homónimo de Panyu. Pasou a ser capital provincial e o principal porto nos intercambios do imperio chinés co estranxeiro (Ruta da Seda do mar), condición que mantivo ata o presente.
Cantón
[editar | editar a fonte]No último ano da dinastía Han, no 220, volveu ser trasladada á súa primitiva localización, que foi a definitiva. Pouco despois, no 226, foi nomeada sede da prefectura de Guang (Cantón) e foi amurallada.
Durante a dinastía Tang (séculos VII-IX) a cidade seguiu coa súa puxanza comercial, o que a converteu en cosmopolita (ata 100.000 estranxeiros asentados, moitos deles musulmáns). No 758 foi saqueada por piratas árabes e persas, que a coñecían como Sin-Kalan.
O crecemento continuou ata o baixo medievo, cando se converteu nunha das dez cidades mais poboadas do mundo (Século XIV). Para este período, algúns autores falan dun asentamento e muralla no outeiro Yü (a zona nordeste da cidade vella) durante a dinastía Tang, que foi ampliado no tempo da dinastía Song cun segundo asentamento e muralla no outeiro P'an (zona noroeste, fins do século XI). En 1380 ambos outeiros foro desmontados, a cidade foi agrandada polo sur con dous distritos auxiliares e todo o conxunto foi arrodeado cunha nova muralla. Finalmente, en 1535 engadiuse unha muralla exterior polo sur, incorporando os novos barrios comerciais que apareceran na beira norte do río. Esta será a conformación histórica da cidade[1].
Época colonial: Cantón
[editar | editar a fonte]Os portugueses foron os primeiros occidentais en ter concesións no porto (1517-1521). Despois de ser expulsados, en 1530 Cantón (corrupción do nome da provincia, Guangdong, ao portugués) abriuse ao comercio exterior, excepto para os portugueses, que en compensación obtiveron Macau. Os primeiros en asentarse foron os holandeses, no século XVII, e despois franceses e ingleses[2]. No século XVIII todos eles, e sinaladamente a Compañía Británica das Indias Orientais, podían comerciar unicamente dende o porto da cidade mediante o chamado Cantón System, restritiva regulamentación que só permitía o asentamento de temporada nunha área fóra de murallas, na beira do río, coñecida como as Thirteen Factories[3].
As restricións levaron ao conflito de intereses e finalmente ás Guerras do Opio, entre 1839 e 1860. De resultas destas guerras China tivo que ceder as pretensións británicas de apertura de novos portos ao comercio, Hong Kong entre outros. Para Cantón supuxo o fin do monopolio e unha perda de importancia. As factories foran destruídas nos disturbios, e entre 1860 e 1870 deseñouse un novo asentamento para estranxeiros na protexida illa de Shamian, uns centos de metros augas arriba[4]. A súa disposición ordenada contrastaba fortemente co labirinto apiñado da cidade chinesa[5].
Século XX
[editar | editar a fonte]Entre 1905 e 1910 construíuse o ferrocarril entre Cantón e Kowloon (Hong Kong) e un paseo de ribeira e peirao na fronte da cidade cara ao río Bund[6]. Coa república recuperou o vello nome de Guangzhou e derrubáronse as murallas. Trala toma do poder polos comunistas en 1949 foi fortemente industrializada. Establecéronse entón medidas para hixienizar o denso tecido urbano e dar vivenda a inxente poboación "flotante" (había máis de cen mil habitantes vivindo en shampáns no río). Finalmente, as reformas económicas dos anos setenta están a convertela nunha das metrópoles máis dinámicas e ricas da China[7].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ [1] Arquivado 11 de decembro de 2006 en Wayback Machine. Imaxe
- ↑ [2] Arquivado 26 de xuño de 2012 en Wayback Machine. Cantón, 1746
- ↑ [3][Ligazón morta] Imaxe
- ↑ [4][5][6][7][8] Imaxes
- ↑ [9] Arquivado 05 de xullo de 2011 en Wayback Machine. Imaxe
- ↑ [10] Arquivado 28 de xaneiro de 2007 en Wayback Machine. Imaxe
- ↑ [11] distrito de Tianhe, ao leste do centro
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia de Cantón |