Saltar ao contido

Hipocondría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hipocondría
Clasificación e recursos externos
ICD-10F45.2
ICD-9300.7
MedlinePlus001236
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O trastorno hipocondríaco, tamén denominado hipocondría[1] , hipocondriase, nosofobia ou neurosis hipocondríaca, é unha enfermidade na cal o paciente mostra unha actitude de preocupación exacerbada pola súa saúde. A orixe do termo provén do hipocondrio, unha rexión anatómica localizada na parte superior do abdome, xusto baixo as costelas e o apéndice xifoides. Segundo a escola médica humoral, a etioloxía deste trastorno estaba orixinada nesa rexión[2].

As persoas hipocondríacas tenden a esaxerar os seus sufrimentos, que poden ser reais ou imaxinarios, crendo que padece unha enfermidade grave. A interpretación catastrófica dos signos corporais máis ínfimos por parte do individuo é o mecanismo que provoca a hipocondría. A hipocondría, pois, é unha resposta ou reacción do individuo perante unha doenza.

Síntomas

[editar | editar a fonte]

O principal síntoma da hipocondría está relacionado intimamente coa ansiedade. Trátase da preocupación exacerbada que o individuo ten coa súa saúde. A principal preocupación do individuo é a de padecer unha doenza grave ou incurable. Dita preocupación baséase na interpretación de signos ou síntomas tales coma taquicardia, diarrea ou mesmo feridas ou lunares.

Diagnóstico

[editar | editar a fonte]

O diagnóstico de hipocondriasis require diferencialo da personalidade aprehensiva[3]. Ao contrario que nos casos nos que a a preocupación pola enfermidade é un trazo da personalidade, na hipocondriase o malestar e tal que interfire e afecta á vida social, laboral e persoal do individuo. Para diagnosticar a doenza, ademais, cómpre que os síntomas perduren no tempo un mínimo de seis meses desde o inicio dos síntomas.

Segundo o CIE-10, a diagnóstico de trastorno hipocondríaco inclúe[4]:

  • Preocupación persistente pola posibilidade de sufrir un ou máis trastornos físicos graves e progresivos.
  • Os doentes manifestan queixas somáticas persistentes ou unha preocupación polo seu aspecto físico.
  • As sensacións normais son a miúdo interpretadas polo paciente coma anormais, angustiantes, e habitualmente enfoca a atención en só un ou dous órganos ou sistemas corporais,
  • Frecuentemente existe depresión e ansiedade marcadas que poden fundamentar diagnósticos adicionais.

Tratamento

[editar | editar a fonte]

O tratamento baséase na combinación de fármacos antidepresivos coa psicoterapia cognitivo condutual[5]. De feito, é moi común que psiquiatra e psicólogo traballen xuntos ante esta enfermidade. Os medicamentos reducen o desánimo pero por si sos non son suficientes para eliminar as ideas de enfermidade. Débense tomar conxuntamente co tratamento psicolóxico.

A psicoterapia en si diríxese a paliar a angustia e o medo que senten estas persoas ensinándolles a enfrontar o seu problema. Un punto vital radica en saber diferenciar os síntomas reais dos ficticios. Normalmente úsanse técnicas como a desensibilización, o control do pensamento e a relaxación.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para hipocondría.
  2. Marangoni, Alberto (Maio de 2019). "El origen de las palabras: etimología de algunos términos usados en medicina". Revista Argentina de Radiología. 2 (73): 149–152. ISSN 1852-9992. 
  3. A aprehensión é, segundo a RAG, a actitude de quen desconfía de algo, sen fundamento ou con pouco motivo, por temer algún perigo, sobre todo para a súa saúde.
  4. "CIE-10-código F45.2". ICDcode.info. Consultado o 4 de xullo de 2022. 
  5. Nakao, Mutsuhiro (Outubro de 2021). "Cognitive-behavioral therapy for management of mental health and stress-related disorders: Recent advances in techniques and technologies." (PDF). Biospycosocial Medicine 15. doi:10.1186/s13030-021-00219-w. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]