Hieronymus Duquesnoy o Vello

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Non confundir con Hieronymus Duquesnoy o Novo fillo de Hieronymus Duquesnoy o Vello.
Para outros personaxes co mesmo apelido, ver a páxina de homónimos Duquesnoy.
Hieronymus Duquesnoy o Vello
(Jérôme Duquesnoy o Vello)
Bruxelles Manneken Pis cropped.jpg
O Manneken Pis, obra de Hieronymus Duquesnoy o Vello
Data de nacemento Ca. 1570
Lugar de nacemento Blason ville fr Le Quesnoy (Nord).svg Le Quesnoy
Nord-Pas-de-Calais-Picardie Icône.svg Rexión de Alta Francia
Flag of France.svg Francia
Data de falecemento Ca. 1641
Lugar de falecemento Greater coat of arms of the City of Brussels.svg Bruxelas
Flag Belgium brussels.svg Rexión de Bruxelas
Bélxica Bélxica
Área Escultura
Obras Manneken Pis.
Esculturas da igrexa de San Martiño de Aalst.
Influenciado por Manierismo italiano e francés.
Iconoclastas protestantes do século XVI.
Fillos Hieronymus Duquesnoy o Novo.
François Duquesnoy.
editar datos en Wikidata ]

Hieronymus Duquesnoy o Vello (coñecido tamén polo seu nome de pía en francés: Jérôme), nado na localidade actualmente francesa de Le Quesnoy cara a 1570 e finado en Bruxelas arredor do ano 1641, foi un escultor brabantino da corte de Alberte e Isabel.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estatua de Duquesnoy na igrexa de San Martiño de Aalst

Foi un escultor moi influído polas obras do manierismo francés e italiano. Ademais das obras civís para o palacio e os xardíns da corte, logo da eclosión dos iconoclastas protestantes de mediados do século XVI nos Países Baixos, Duquesnoy dedicouse particularmente á elaboración de moblaxe e composicións escultóricas para igrexas, e tamén á súa reconstrución, logo da destrución orixinada polos conflitos relixiosos de finais do século XVI. Entre as súas obras desta orde cómpre salientar a torre do Santo Sacramento da igrexa de San Martiño, de Aalst, na provincia belga de Flandres Oriental, ergueita por el no corredor do coro, aproximadamente a nivel do altar. [2]

Duquesnoy é tamén o autor dunha alegoría de Xustiza e Verdade, para o municipio flamengo de Halle, e dunha María Madalena feita para o parque do palacio do Coudenberg, en Bruxelas, que foi substituída máis tarde por unha copia e o orixinal pasou a formar parte da colección do museo municipal da antiga casa do Sindicato de Panadeiros, hoxe coñecida como Maison du Roi d'Espagne ("Casa do Rei de España"; en neerlandés: Den Coninck van Spaignien), na Grand Place de Bruxelas.[3]

Na igrexa gótica de Nosa Señora da Boa Esperanza de Vilvoorde tamén hai un epitafio de mármore, na honra de Henricus van Bronchorst (finado en 1629) cuxa autoría se lle atribúe a Duquesnoy.

No entanto, a súa obra máis famosa non é de carácter relixioso, senón profano: o Manneken Pis, unha popular estatua-fonte de bronce de 1619 que reproduce un neno ouriñando, cuxa copia está situada no centro da vila de Bruxelas e cuxo orixinal se conserva no Museo da Cidade de Bruxelas.[4]

Casou arredor do ano 1595 e foi pai do tamén escultor e arquitecto Hieronymus Duquesnoy o Novo e de François Duquesnoy, que foi tamén un afamado escultor da corte de Alberte VII de Austria.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Hieronymus of Jerome Duquesnoy de Oudere". En Oilsjt, goi stad van men droeimen (en neerlandés)
  2. La sculpture au temps de Rubens. Museo de Arte Antiga (Musée d'Art ancien). Bruxelas, 15 de xullo - 2 de outubro de 1977. Páxinas 85-86 (limiar de Philippe Roberts-Jones e René De Roo) (en francés)
  3. Vlieghe, H. Flemish art and Architecture 1585-1700. Capítulo 11: Sculpture. Yale University Press. 1998. Páxina 233 [ISBN 0-300-07038-1] (en inglés)
  4. Información sobre o Manneken Pis. En IlotSacre.be (en castelán)
  5. Hadermann-Misguich, L. Les Du Quesnoy. Editions J. Duculot. Gembloux, 1970. Páxinas 7-14 (en francés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • De Busscher, E. "Les sculpteurs De Quesnoy, Delvaux, Calloigne". En Annales de la Société Royale des Beaux Arts. Gante, 1877 (en francés)
  • Philippot, P. et al. L'architecture religieuse et la sculpture baroques dans les Pays-Bas méridionaux et la principauté de Liège 1600-1770. Éditions Mardaga. Wavre, 2003. Páxinas 769-771 [ISBN 978-2-87009-838-7] (en francés)