Hespéridos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Hesperioidea»)
Véxase tamén: Hespérides.
Signeta flammeata (Trapezitinae)

Os hespéridos (Hesperiidae) son unha familia de bolboretas. Esta familia fora anteriormente situada nunha superfamilia propia denominada Hesperioidea; porén, a taxonomía máis recente sitúaa dentro da superfamilia Papilionoidea. Son diúrnas e teñen un voo moi rápido e errático. A maioría teñen os extremos das antenas modificados formando unha proxección parecida a un gancho. Recoñécense máis de 3 500 especies de hespéridos, e viven en todo o mundo, pero cunha maior diversidade nas rexións neotropicais de América Central e Suramérica.[1]

Descrición e sistemática[editar | editar a fonte]

Placa de Biologia Centrali-Americana que mostra Pyrginae (a 3 ao centro á dereita — negra e marrón azulada) e Eudaminae (as outras)
Eiruga dun hespérido

Tradicionalmente, as Hesperiidae situábanse nunha superfamilia monotípica chamada Hesperioidea, porque eran morfoloxicamente distintas dos outros Rhopalocera (bolboretas), a maioría das cales pertencían á superfamilia máis típica das Papilionoidea. A terceira e máis ben pequena superfamilia de bolboretas era a Hedyloidea, que estaba restrinxida ao Neotrópico. Porén, análises filoxenéticas recentes suxiren que os tradicionais Papilionoidea son parafiléticos, e así as subfamilias tiveron que ser reorganizadas para reflectir as verdadeiras relacións cladísticas.[2][3]

En conxunto, estes tres grupos de bolboretas comparten moitas características, especialmente nos estadios de ovo, larva e pupa.[1] Porén, os hespéridos teñen antenas moi separadas na base e en maza con ganchos cara a atrás como unha agulla de facer gancho, mentres que as bolboretas típicas teñen antenas con extremos en maza, e as Hedyloidea téñenas plumosas ou pectinadas (en peite) similares ás das avelaíñas. Os hespéridos adoitan ter corpos máis grosos e ollos compostos máis grandes que os outros dous grupos, con músculos alares máis fortes no seu gordo tórax, no cal lembran máis a avelaíñas que aos outros dous grupos de bolboretas. Pero, a diferenza delas, por exemplo, os Arctiidae, as ás son xeralmente pequenas en proporción co seu corpo. Algunhas teñen ás máis grandes, pero só raramente chegan a ser tan grandes en proporción ao corpo coma noutras bolboretas. Cando están en repouso, os hespéridos colocan as súas ás normalmente nun ángulo cara a arriba ou estendidas, e só raramente as pregan completamente.[1]

As ás son xeralmente arredondadas cunhas ás anteriores con punta máis ou menos aguda. Hai algunhas con colas prominentes nas ás posteriores, e outras que teñen ás máis anguladas; porén, a forma da á básica dun hespérido non varía moito en comparación cos Papilionoidea. A maioría teñen unha coloración bastante apagada na que predominan as cores marrón e gris; algunhas son máis nitidamente brancas e negras. Os tons amarelo, vermello e azul encóntranse rara vez, pero algunhas especies que en gran parte son marróns teñen tamén unha rica coloración. As cores verdes e metálicas iridescentes están xeralmente ausentes. O dicromatismo sexual está presente nalgunhas; os machos poden ter unha banda de tons negros ou unha mancha de escamas aromáticas (que soltan feromonas) nas ás anteriores.[1]

As veas das ás anteriores non presentan ramificacións, partindo todas da base da á ou da cela; teñen cinco veas radiais, que parten todas desde a cela. As súas eirugas son cilíndricas, de cabeza grande e pescozo estreito e viven agochadas baixo follas que enrolan e fixan con fíos de seda.

Moitas especies de hespéridos son moi parecidas entre si. Por exemplo, algunhas especies dos xéneros Amblyscirtes, Erynnis e Hesperia non poden distinguirse nun exame de campo nin sequera por expertos, que teñen que recorrer para diferencialas a diseccións e exames microscópicos dos xenitais, os cales teñen estruturas características que impiden o apareamento con outras que non sexan da súa propia especie.[1]

Subfamilias[editar | editar a fonte]

A Euschemon rafflesia é o hespérido máis peculiar, que se clasifica na súa propia subfamilia

Hai unhas 3 500 especies de hespéridos. Actualmente son clasificadas nas seguintes subfamilias:[4]

Coeliadinae[editar | editar a fonte]

Subfamilia de bolboretas relativamente grandes cun tórax ensanchado e un abdome comparativamente estreito e curto. Teñen ollos prominentes e as súas principais características diagnósticas (pouco aparentes) son ter o terceiro segmento dos palpos labiais longo e delgado (en forma de subela ou punzón), posuír un único par de sedas sensoriais (chaetosemata) sobre a cabeza (dúas nas demais subfamilias) e por non ter na base das antenas (como no resto de subfamilias), un mechón de escamas filiformes (pestanas) que se estende sobre o ollo. As ás anteriores son longas e estreitas e as posteriores arredondadas. As eirugas, de cores vivas, aliméntanse de dicotiledóneas. Hai 75 especies, que viven nas zonas tropicais de África, Australasia e Asia Oriental.

Euschemoninae[editar | editar a fonte]

Subfamilia cunha única especie australiana (Euschemon rafflesia). Trátase dunha bolboreta grande, de cores vivas, cunha característica absolutamente única na familia das Hesperiidae e nos ropalóceros en xeral: as ás anteriores e posteriores teñen frénulo e retináculo, estruturas constituídas por escamas modificadas que manteñen as dúas ás unidas durante o voo.

Pyrginae[editar | editar a fonte]

Subfamilia na que as ás dianteiras dos machos presentan a miúdo un pregamento costal que alberga as androconias. Pousan coas ás estendidas, frecuentemente no envés das follas. A á posterior ten unha forma arredondada ou trapezoidal. As eirugas aliméntanse de dicotiledóneas. Comprende 130 xéneros e unhas 1 150 especies, de distribución cosmopolita pero das cales unhas 750 son neotropicais. Inclúe as especies da antigamente considerada subfamilia Pyrrhopyginae.

float left float left

Eudaminae[editar | editar a fonte]

Igual que as bolboretas da subfamilia Pyrginae, na que antes estaban incluídas, pousan coas ás estendidas. Á posterior alongada ao longo das veas anais, ás veces prolongada por unha rechamante cola, dándolle á á un perfil máis ou menos triangular. As eirugas aliméntanse de dicotiledóneas. Exceptuando un único xénero de Asia Oriental (Lobocla), a maioría das especies desta subfamilia viven no Neotrópico alcanzando algunhas especies Norteamérica. Ten 52 xéneros.

float left

Heteropterinae[editar | editar a fonte]

Subfamilia de bolboretas pequenas, duns 30–40 mm de envergadura, de corpo esvelto e ás comparativamente anchas. A cabeza e o tórax son menos anchos que noutras Hesperiidae. O abdome é máis estreito e xeralmente máis longo que as ás posteriores. Teñen dous caracteres distintivos, aínda que pouco evidentes a simple vista, son os palpos labiais alongados e pelosos así como a ausencia ou a forte redución da epífise na tibia das patas anteriores. As ás teñen xeralmente a cara superior de cor castaña escura con manchas crema ou alaranxadas. A cara inferior reproduce o mesmo debuxo, coas manchas dunha cor máis clara. En repouso, ao tomaren o sol, manteñen as ás abertas uns 45 graos. As eirugas aliméntanse de herbas da familia das Poáceas. Comprende 16 xéneros e 170 especies de África tropical, Paleártico e Neotrópico (100 especies neotropicais).

float left float left

Hesperiinae[editar | editar a fonte]

Nesta subfamilia, as ás en repouso, teñen unha disposición particular, coas ás dianteiras horizontais e as traseiras medio abertas, formando un ángulo coas dianteiras. A vea M2 da á dianteira está marcadamente curvada cara á vea M3. As eirugas aliméntanse principalmente de monocotiledóneas, e algunhas especies especializáronse en perforar as raíces e os talos de Yucca e Agave. Estas especies agrupábanse antigamente nunha subfamilia separada (Megathyninae) pero os caracteres particulares que presentan débense, fundamentalmente, ao alto grao de especialización alcanzado por estas especies. Ten 325 xéneros e 2 000 especies de distribución cosmopolita, a metade delas neotropicais.

float left float left

Trapezitinae[editar | editar a fonte]

Subfamilia estreitamente emparentada coa anterior, da cal se diferencia por ter as veas discocelulares da á traseira dirixidas cara ao ápex da á (estas son verticais ou apuntan cara á base da á nos Hesperiinae). As eirugas, como ocorre nos Hesperiinae, aliméntanse de monocotiledonas. Consta de 16 xéneros e 60 especies de Australia, Nova Guinea e illas próximas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Ackery, P.R.; de Jong, R. & Vane-Wright, R.I. (1999): The Butterflies: Hedyloidea, Hesperioidea and Papilionoidae. En: Kristensen, N.P. (ed.): Handbook of Zoology. A Natural History of the phyla of the Animal Kingdom. Volume IV Arthropoda: Insecta, Part 35: Lepidoptera, Moths and Butterflies Vol.1: Evolution, Systematics, and Biogeography: 263-300. Walter de Gruyter, Berlin, New York.
  2. Heikkilä, M., Kaila, L., Mutanen, M., Peña, C., & Wahlberg, N. (2012). Cretaceous origin and repeated tertiary diversification of the redefined butterflies. Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences, 279(1731), 1093-1099.
  3. Kawahara, A. Y., & Breinholt, J. W. (2014). Phylogenomics provides strong evidence for relationships of butterflies and moths. Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences, 281(1788), 20140970.
  4. Brower, Andrew V.Z. & Warren, Andrew (2008): Tree of Life Web ProjectHesperiidae Arquivado 08 de setembro de 2015 en Wayback Machine.. Version of 2008-APR-07. Retrieved 2009-DEC-24.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brower, Andrew V.Z. & Warren, Andrew (2006): The higher classification of the Hesperiidae (Lepidoptera: Hesperioidea) Full Article. Consultado o 26 de outubro de 2012.
  • Evans, W.H. (1951): A Catalogue of the Hesperiidae indicating the classification and nomenclature adopted in the British Museum (Natural History). Part I. Pyrrhophyginae. - Londres, British Museum. 92 pp. + p15. 1-9.
  • Evans, W.H. (1952): A Catalogue of the Hesperiidae indicating the classification and nomenclature adopted in the British Museum (Natural History). Part II. Pyrginae. Section I. - Londres, British Museum. 178 pp. + pls. 10-25.
  • Evans, W.H. (1953): A Catalogue of the Hesperiidae indicating the classification and nomenclature adopted in the British Museum (Natural History). Part III. Pyrginae. Section II. - Londres, British Museum. 246 pp. + pls. 26-53.
  • Evans, W.H. (1955): A Catalogue of the Hesperiidae indicating the classification and nomenclature adopted in the British Museum (Natural History). Part IV. Hesperiinae and Megathyminae. - Londres, British Museum. 499 pp. + pls. 54-88.
  • Korolev, Vladimir A. (2014): Catalogus on the collection of Lepidoptera. Part I. Hesperiidae. - Moscow, 310 p. ISBN 978-5-00077-066-5 [1].

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]