Hans Wehr
Nome orixinal | Hans Bodo Wehr |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 5 de xullo do 1909 Leipzig, Imperio Alemán |
Morte | 24 de maio do 1981 (71 anos) Münster, Alemaña do Oeste |
País de nacionalidade | Alemá |
Educación | Universidade de Leipzig |
Actividade | |
Campo de traballo | Filoloxía |
Ocupación | Lingüista |
Período de actividade | Século XX |
Empregador | Universidade de Münster Universidade de Greifswald (pt) Universidade Humboldt de Berlín |
Partido político | Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores |
Alumnos | Brigitte Groneberg |
Lingua | Alemán |
Obra | |
Obras destacables Arabisches Wörterbuch für die Schriftsprache der Gegenwart |
Hans Bodo Wehr, nado o 5 de xullo do 1909 e finado o 24 de maio do 1981, foi un estudoso alemán da lingua árabe.[1] É recoñecido polo seu dicionario de árabe e o sistema de transliteración empregado nel. Foi membro do Partido Nazi.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Wehr naceu en Leipzig no 1909. Estudou no gymnasium de Halle, e logo nas universidades de Halle, Berlín e Leipzig. Doutorouse no 1935 e obtivo a súa habilitation no 1939.[1]
Wehr uniuse ao Partido Nazi no 1940, e escribiu un ensaio defendendo que Alemaña debía aliarse cos árabes en contra de Inglaterra e Francia. Naquela época, comezou a traballar no seu dicionario árabe-alemán, para o que recibiu financiamento do goberno, dado que desexaban traducir o Mein Kampf ao árabe. Durante un tempo, Wehr tivo como asistente no proxecto á arabista xudía Hedwig Klein, que sería asasinada no campo de concentración de Auschwitz.[2]
O dicionario, titulado Arabisches Wörterbuch für die Schriftsprache der Gegenwart, saíu no 1952. Unha versión inglesa, A Dictionary of Modern Written Arabic, editada por J. Milton Cowan, publicouse no 1961.[1] O sistema de transliteración deseñado para o volume coñécese como sistema Hans Wehr. O dicionario non recoñece o traballo realizado por Klein na súa elaboración, agás un breve agradecemento.[2]
Wehr foi profesor na Universidade de Münster dende 1957 até a súa xubilación no 1974. Faleceu nesa mesma cidade no 1981.[1]