Guillerme de Champlitte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guillerme de Champlitte
Nacementoanos 1160xuliano
Falecemento1209
Lugar de falecementoPuglia
NacionalidadeFrancia
Ocupacióncabaleiro
PaiOdão I de Champlite
NaiSibille de La Ferté-sur-l'Aube
CónxuxeEustachie de Courtenay e Alais (de Montréal), Dame de Meursault
FillosGuilherme II de Champlite, Elisabeth de Champlitte, Elisabeth de Champlitte, Dame de Meursault e Eudes de Champlitte, seigneur de Lamarche
IrmánsBeatriz de Champlite e Odão II de Champlite
editar datos en Wikidata ]

Guillerme I de Champlitte (en francés: Guillaume de Champlitte), nado sobre 1160 e finado en 1209, foi un cabaleiro francés que se uniu á Cuarta Cruzada e se converteu no primeiro príncipe de Acaia (1205–1209)[1][2][3].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e a Cuarta Cruzada[editar | editar a fonte]

Guillerme era o segundo fillo de Odón de Champlitte, vizconde de Dijon e da súa esposa, Sibila da Ferté[3][4]. Guillerme casou primeiro con Alais, a señora de Meursault.[4] Co consentimento da súa esposa, doou propiedades aos cistercienses da abadía de Auberive pola alma do seu irmán máis novo Hugo en 1196.[4][5] Despois casou con Isabel de Monte-Saint-Jean, pero se divorciaron en 1199.[4] Finalmente casou en 1199 con Eustaquia de Courtenay, viúva de Guillerme de Brienne[6].

Guillerme e o seu irmán, Odón II de Champlitte uníronse á Cuarta Cruzada en setembro de 1200 en Císter[4]. Guillerme foi un dos líderes cruzados que asinaron a carta escrita en abril de 1203 polos condes Balduíno IX de Flandres, Lois I de Blois e Hugo IV de Saint Pol ao Papa Inocencio III, que excomungara a toda a expedición despois da ocupación de Zara (actual Zadar en Croacia)[7][8]. Eles pediron ao Papa non castigar ao marqués Bonifacio de Montferrato, o líder da cruzada, co fin de preservar a integridade da expedición, a cal retivera a publicación da bula papal de anatema[9][10].

Os cruzados tomaron Constantinopla o 13 de abril de 1204 e deron o trono imperial a Balduíno IX de Flandres, que foi coroado cerimoniosamente o 16 de maio de 1204, pero Guillerme de Champlitte uniuse a Bonifacio de Montferrato que se converteu en rei de Tesalónica baixo o novo emperador [11][12][13][14] .Segundo a Partitio terrarum imperii Romaniae (Partición do Imperio bizantino), un tratado concluído por todos os dirixentes da Cuarta Cruzada, a República de Venecia recibía o dereito de ocupar, entre outros territorios, a maioría do Peloponeso (Grecia)[13].

Fundación do Principado de Acaia[editar | editar a fonte]

A principios de 1205 Godofredo de Villehardouin, un dos vellos amigos de Guillerme de Champlitte chegou ao campamento de Bonifacio I de Tesalónica en Nauplia[15]. Godofredo ocupara anteriormente algunhas partes de Mesenia e persuadiu ao rei de que, aínda que a parte nordés do Peloponeso estaba a ofrecer resistencia, no resto da península esta podería ser facilmente conquistada[15]. Godofredo tamén ofreceu compartir o territorio con Guillerme[16]. Bonifacio nomeou a Guillerme para que mantivese o Peloponeso como feudo[15]. Godofredo de Villehardouin logo rendeu homenaxe a Guillerme e os dous, cun centenar de cabaleiros que lles deu o rei ademais do séquito persoal de cada líder, lanzáronse a conquistar o resto da península[15].

Desde Nauplia Guillerme e Godofredo de Villehardouin fixeron o seu camiño cara ao norte até Corinto, e de alí ao longo da costa do golfo até Patras, onde tomaron tamén a cidade e o castelo[17]. Logo continuaron pola costa até Andravida, onde os arcontes locais e a poboación saíron ao seu encontro, con sacerdotes levando as súas cruces e as súas iconas[17]. Os gregos fixeron unha reverencia a Guillerme como o seu novo gobernante[17] . A caída de Andravida tamén significou a fácil ocupación de Elis[17]. Alí onde Guillerme non atopaba resistencia, recoñecía os dereitos dos gregos coas súas terras, costumes e privilexios[17].

O Peloponeso na Idade Media.

Os conquistadores atoparon o seu primeiro obstáculo serio en Arcadia, na fortaleza de Ciparisia, xa que non estaban preparados para tomala[17]. Os cruzados continuaron até Modona (actual Methoni), pero os nativos de Nikli, Veligosti, e Esparta, xunto con algúns dos eslavos melingos do monte Taixeto e os montañeses de Maina, formaron un exército para oporse ao seu avance[17]. A resistencia pronto se uniu a un tal Miguel que é identificado pola maioría dos historiadores con Miguel I Comneno Ducas, que se fixo gobernante de Epiro en 1205[17][18]. Guillerme rapidamente fortificou Modona e preparouse para se enfrontar cos gregos[17]. A batalla que decidiu o futuro de Acaia librouse nun oliveiral chamado Kunduras no verán de 1205[17]. Aí os cruzados mellor armados e disciplinados conseguiron unha vitoria esmagadora sobre as máis numerosas forzas gregas[17]. Miguel fuxiu do campo de batalla e Guillerme en pouco tempo ocupou Coron (actual Koroni), Kalamata e Ciparisia[17].

Fortaleza en Modona.

Aínda que a península non fora invadida completamente (por exemplo León Sguro aínda mantiña na súa posesión o Acrocorinto, Argos e Nauplia) no outono de 1205 Guillerme asumira o título de Príncipe de Acaia[17][18]. O nome derivaba da rexión de Acaia na parte noroeste da península, unha das primeiras rexións que os cruzados someteran[18]. O título de príncipe de Acaia, con todo referíase a todo o Peloponeso[18]. O 19 de novembro de 1205 o Papa Inocencio III, nunha carta a Tomé Morosini, o novo patriarca latino de Constantinopla, referiuse a Guillerme como princeps totius Achaiae provinciae («príncipe de toda a provincia de Acaia»)[19][20].

Con todo, os venecianos, co fin de se asegurar o control dos portos claves entre Italia e Constantinopla, esixiron que os seus dereitos outorgados no tratado de partición de 1204 fosen recoñecidos[21]. A principios de 1206 ocuparon Modona e Coron, e expulsaron as guarnicións francas[21]. En 1208 Guillerme soubo da morte do seu irmán Luís en Borgoña e decidiu regresar a Francia para reclamar as terras da súa familia[21][22]. Deixou a Godofredo de Villehardouin como bailío para administrar Acaia ata que o seu sobriño Hugo chegase a substituír a Godofredo como bailío[21]. Guillerme, con todo, morreu de camiño a casa en Apulia[4][21][23].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Runciman 1951, p. 126.
  2. Longnon 1969, p. 239.
  3. 3,0 3,1 Evergates 2007, p. 220.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Cawley, Charles. "Burgundy Duchy, Nobility – Chapter 11: Comtes et Vicomtes de Dijon – C.: Vicomtes de Dijon (Champlitte)". fmg.ac (Foundation for Medieval Genealogy). 
  5. Bouchard 1987, p. 121.
  6. Cawley, cap. 6. Burgondy Nobility, C. Vicomtes de Dijon.<
  7. Runciman 1951, p. 115.
  8. Andrea 2000, pp. 54-56.
  9. Runciman 1951, p. 111.
  10. Andrea 2000, p. 55.
  11. Fine 1994, p. 62.
  12. Runciman 1951, pp. 124-125.
  13. 13,0 13,1 Runciman 1951, p. 125.
  14. Setton 1976, p. 16.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 Fine 1994, p. 69.
  16. Longnon 1969, p. 237.
  17. 17,00 17,01 17,02 17,03 17,04 17,05 17,06 17,07 17,08 17,09 17,10 17,11 17,12 Setton 1976, p. 25.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 Fine 1994, p. 70.
  19. Runciman 1951, p. 124.
  20. Setton 1976, p. 26.
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 Fine 1994, p. 71.
  22. Setton 1976, p. 33.
  23. Setton 1976, p. 34.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Andrea, Alfred J. (2000). Contemporary Sources for the Fourth Crusade. Brill. ISBN 90-04-11740-7.
  • Bouchard, Constance Brittain (1987). Sword, Miter, and Cloister: Nobility and the Church in Burgundy, 980-1198. Cornell University Press. ISBN 0-8014-1974-3.
  • Evergates, Theodore (2007). The Aristocracy in the County of Champagne, 1100-1300. University of Pennsylvania Press. ISBN 978-0-8122-4019-1.
  • Fine, John V. A. (1994). The Late Medieval Balkans: A Critical Survey from the Late Twelfth Century to the Ottoman Conquest. The University of Michigan Press. ISBN 0-472-08260-4.
  • Joinville, Jean de; Villehardouin, Geoffroi de; Shaw, Margaret R. B. (1963). Chronicles of the Crusades. Penguin Books. ISBN 0-14-044124-7.
  • Longnon, Jean (1969). The Frankish States in Greece, 1204-1311. In: Setton, Kenneth M.; Wolff, Robert Le; Hazard, Harry W. (1969); A History of the Crusades, Volume II: The Later Crusades, 1189-1311; The University of Wisconsin Press. ISBN 0-299-04844-6.
  • Runciman, Steven (1951). A History of the Crusades, Volume III: The Kingdom of Acre and the Later Crusades. Cambridge University Press. ISBN 0-521-06163-6.
  • Setton, Kenneth M. (1976). The Papacy and the Levant (1204-1571), Volume I: The Thirteenth and Fourteenth Centuries. The American Philosophical Society. ISBN 0-87169-114-0.