Germán Taibo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Germán Taibo González»)
Germán Taibo
Autorretrato de Germán Taibo, 1906.
NomeGermán Taibo González
Nacemento27 de xaneiro de 1889
 A Coruña
Falecemento1919
 París
NacionalidadeEspaña
editar datos en Wikidata ]

Germán Taibo González ou simplemente Germán Taibo, nado na Coruña o 27 de xaneiro de 1889[1] e finado en París (Francia) en 1919, foi un pintor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sendo moi novo a súa familia emigra á Arxentina. O rapaz non tardou en amosar o seu talento para a pintura, e con dez anos de idade realizou un retrato dos seus pais, que decidiron envialo á Escola de Belas Artes de Buenos Aires, onde chamou a atención da mecenas María Jáuregui de Pradere,[2] que pagou a súa viaxe e estadía en París cando o rapaz aínda con cumprira os 16 anos.[3]

Taibo ingresou na prestixiosa academia Julien da capital francesa, superando unha dura proba de admisión.[4] As súas visitas aos museos parisienses mostráronlle distintas técnicas, especialmente o impresionismo, que pronto dominaría a súa pintura.[3] De acordo co xornalista e crítico de arte herculino Alejandro Barreiro, Taibo permaneceu na academia Julien seis ou sete anos.[4] En 1908, logo de casar coa que fora modelo de varios dos seus cadros, Simone Nafleux, en 1908 realizou unha viaxe á Coruña, onde entrou en contacto con outros pintores galegos da provincia, con todo, a primeira noticia da produción de Taibo nesa cidade non chegou ata 1912, cando participou na primeira Exposición de Arte Gallego, con catro obras, entre elas o seu autorretrato de 1906. O pintor non asistiu á exposición ao encontrarse traballando na Costa Azul no cadro que o consagraría cunha medalla de prata no Salón dos Campos Elisios ao ano seguinte na capital francesa, A pastoral.[1][3]

En 1916 expuxo a súa obra no Palace Hotel de Madrid cun grande éxito da crítica e o público, conseguindo vender varias obras, o que lle reporta unha suma de cartos que lle permitiu realizar varias viaxes na procura de atopar escenarios para iniciar unha nova etapa onde a paisaxe pasara a ser a protagonista.[5] Un ano despois presentou de novo algunhas obras na segunda Exposición de Arte Gallego na súa cidade natal, aínda que novamente non asistiu á mostra por encontrarse pintando en París obras como a súa conmovedora Morte de Abel, deixando atrás as súas viaxes pola Costa Azul e Belle-Île-en-Mer (Bretaña) e as súas obras de recreacións paisaxísticas.[3] A epidemia de gripe de 1918 que estaba a causar numerosas mortes levou a Germán Taibo a deixar a capital francesa xunto coa súa muller e a súa filla Raimunda, e regresa á Coruña con varias obras que finalmente quedarían alí. Logo duns meses na cidade e finalizada xa a primeira guerra mundial, Taibo volve a París coa súa familia a finais dese mesmo ano.[4] Con todo, ao pouco de chegar á capital francesa, Taibo enferma da gripe de 1918 e falece o 14 de febreiro de 1919 na súa casa da rúa Moulin Vert cando acababa de cumprir 30 anos e logo de pintar o seu derradeiro cadro, O leñador e a morte.[3][4] Seu pai, que acudira ao leito do seu fillo, presidiu o cortexo funerario do pintor.[4]

Costa da Bretaña, ca. 1910, Pinacoteca Francisco Fernández del Riego.

Logo da súa morte, as obras que se encontraban no estudio de Taibo cruzaron o Atlántico para ser expostas, con todos os honores, na Exposición de Arte Gallego de Buenos Aires, despois da cal o pai do pintor ofreceulle algúns cadros á cidade da Coruña, que finalmente os adquiriu por 40 000 pesetas.[4]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Referencias
  1. 1,0 1,1 Fernández García, Ana María (1997). Arte y emigración: la pintura española en Buenos Aires 1880 - 1930 (en castelán). Universidad de Oviedo. p. 261. ISBN 84-7468-929-5. 
  2. Fernández García 1997.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Bugallal, Isabel (24 de outubro de 2016). "Taibo, el genio interrumpido". La Opinión (en castelán). Consultado o 8 de xaneiro de 2017. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "Germán Taibo "Germán Taibo González" [A Coruña 1889 - París 1919]". Catálogo Afundación (en castelán). Colección Afundación. Consultado o 8 de xaneiro de 2017. 
  5. "'A Fonte da Fábrica de Mistos' (1921) de Germán Taibo". Real Academia Galega . Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2017. Consultado o 9 de xaneiro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bugallal, José Luis (1947). Exposición Germán Taibo. A Coruña. 
  • Barreiro, Alejandro (1917). Del arte gallego. A Coruña. 
  • Pablos, Francisco (1981). Plástica Gallega (en castelán). Caja de Ahorros Municipal de Vigo. pp. 152–153. ISBN 84-7231-603-3. 
  • Pablos, Francisco (1981). Pintores gallegos del Novecientos. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza. pp. 150–159. 
  • VV. AA. (1984). "Un siglo de pintura gallega, 1880/1980". Buenos Aires: Museo Nacional de Bellas Artes, 1984

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]