Georgii Brianchaninov
Nome orixinal | (ru) Георгий Брянчанинов |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (ru) Глеб Анатольевич Брянчанинов 8 de xuño de 1919 Blagoveshchensk, Rusia |
Morte | 5 de abril de 2018 (98 anos) |
Relixión | Igrexa católica |
Familia | |
Familia | Q4097576 |
Georgii Brianchaninov (en ruso: Георгий Брянчанинов), nado como Gleb Anatolevich Brianchaninov (en ruso: Глеб Анатольевич Брянчанинов) o 8 de xuño de 1919 en Blagoveshchensk (RSFS de Rusia) e finado o 5 de abril de 2018 en Melbourne (Australia), foi un relixioso grecocatólico ruso, arquimandrita e membro do apostolado na diáspora.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu nunha familia ortodoxa, e foi bautizado co nome de Gleb. Emigrou xunto aos seus pais á China, onde en 1937 graduouse pola escola de San Nicolao de Harbin. Pouco despois entrou na Igrexa católica, e o 4 de decembro de 1938 ingresou na Congregación dos Padres Marianos, tomando o nome monástico de "Georgii".[1] A partir de maio de 1939 estudou en Roma, en 1944 foi ordenado sacerdote polo bispo Aleksandr Evreinov, e en 1947 doutorouse cunha tese sobre san Xoán Crisóstomo. O xeneral da súa orde Petras Pranciškus Būčys encargoulle entón traballar a prol dos cativos rusos en campos de refuxiados en Europa occidental, e até 1950 traballou no Comité Ruso para os Refuxiados da Santa Sé, trasladándose a Londres en 1956.
En 1957 trasladouse a Australia para colaborar con Andrei Katkov, compañeiro seu de estudos e de orde relixiosa. Xuntos fundaron o Centro Misioneiro para Católicos Orientais de Melbourne, atendendo aos católicos rusos que chegaban ao país.[2] A comezos da década de 1990, xa con cidadanía australiana, viaxou varias veces a Rusia, e até finais de 2007 viviu no Centro que fundara, e posteriormente nunha residencia sacerdotal en Northcote (un suburbio de Melbourne). Alí finou o 5 de abril de 2018.[3]
En 2002 foi distinguido polos seus servizos á comunidade, recibindo o premio á multiculturalidade do estado de Victoria.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Николаев, Константин Николаевич (2005). Експансия Рима в Россию: восточный обряд (en ruso). p. 169.
Два воспитанника лицея — Аполлон Котков и Глеб Брянчанинов , окончившие лицей один с золотой , а другой с серебряной медалями , 4 декабря 1938 г . приняли монашество и вошли в орден марианов «восточного обряда».
- ↑ Conferencia dos Bispos Católicos Australianos, ed. (6 de xuño de 2014). "Marian Fathers MIC". CathNews (catnews.com) (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2020. Consultado o 30/10/2020.
Two Marians currently live and work in Australia, under the direction of the Marians' Superior General. Fr George Brianchaninoff, MIC, used to work with Eastern-Rite Catholics, but is now retired.
- ↑ "Архимандрит Георгий Брянчанинов (1919-2018)". russiansinaustralia.info (en ruso). 17 de abril de 2018. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2021. Consultado o 31/10/2020.
5 апреля 2018 не стало Георгия Брянчанинова.
- ↑ "Alphabetical list of all successful individuals who have received Adwars for Excellenc in Multicultural Affairs" (PDF). Victorian Multicultural Commission (multiculturalcommission.vic.gov.au). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18/02/2021. Consultado o 30/10/2020.
Fr George Brianchaninoff M.I.C. Meritorious Service in the Community 2002.