Aleksandr Evreinov
Александр Николаевич Евреинов (Aleksandr Nikolaevich Evreinov) | |
---|---|
Arcebispo da Igrexa católica bizantina rusa | |
Biografía | |
Nacemento | 8 de marzo de 1877 en San Petersburgo, Imperio Ruso |
Pasamento | 20 de agosto de 1959 en Roma, Italia |
Ordes | |
Ordenación sacerdotal | 7 de decembro de 1913, por Lazar Mladenov |
Consagración episcopal | 6 de decembro de 1936, por Mykolai Charnetskyi |
Arcebispo titular de Parium | |
1947 - 1959 | |
Predecesor | Eugeniusz Baziak |
Sucesor | Segundo García de Sierra |
Outros | |
Ficha en catholic-hierarchy.org |
Aleksandr Nikolaevich Evreinov (en ruso: Александр Николаевич Евреинов), nado en San Petersburgo o 8 de marzo de 1877 e finado en Roma o 20 de agosto de 1959, foi un converso da ortodoxia ao catolicismo, diplomático e bispo da Igrexa católica bizantina rusa.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Primeiros anos[editar | editar a fonte]
Naceu nunha familia nobre de San Petersburgo o 8 de marzo de 1877,[1][2][3][4] fillo do tenente-xeneral Nikolai Danilovich Evreinov. En 1897 graduouse polo Liceo de Tsarskoe Selo, e serviu no corpo diplomático imperial.[3] O seu primeiro posto foi o de secretario da embaixada de Rusia en Constantinopla, entre 1900 e 1906,[3][4] e durante a súa estadía en Constantinopla se converteu ao catolicismo.[3][4] Posteriormente foi segundo secretario da embaixada en Roma, até 1909, cando decidiu entrar no seminario.[3][4] Estudou no Pontificio Colexio Grego de Santo Atanasio, e o 7 de decembro de 1913 foi ordenado sacerdote por Lazar Mladenov.[1][2][3][4] Entre 1916 e 1921 traballou na nunciatura apostólica de París, como secretario do nuncio Bonaventura Cerretti.[3][4] Polo seu traballo a prol das relacións entre a Santa Sé e Francia, recibiu o título de protonotario apostólico, e foi condecorado coa Orde da Lexión de Honor.[4]
Ministerio en París e entre a diáspora rusa[editar | editar a fonte]
En 1925 Evreinov celebrou a primeira liturxia en París segundo a tradición litúrxica rusa, na cripta da igrexa da Madalena, o que marcou o comezo da creación da parroquia grecocatólica rusa dedicada á Santa Trindade.[3] Os sacerdotes Vladimir Abrikosov e Dmitrii Kuzmin-Karavaev tamén estiveron asociados a esta comunidade, formada por membros da diáspora rusa. En 1927 a parroquia obtivo as súas propias instalacións, que foron consagradas por Pranciškus Būčys.
En 1928 Evreinov foi elevado ao rango de arquimandrita,[4] e en 1930 fundou e editou o xornal «Благовест» (Blagovest).[4] En 1932, por iniciativa de Evreinov, a parroquia formou a Irmandade do Prelado e Obrador de Milagres Nicolao, con reunións os terceiros domingos do mes para facer lecturas e oracións especiais, así como a Irmandade de Oración pola Unidade da Igrexa, que continuou a tradición moscovita de reunions conxuntas entre ortodoxos e católicos dedicadas á unidade da Igrexa, estabelecidas por Tikhon Bellavin e Leonid Fedorov.
O 17 de marzo de 1933, na igrexa de San Sulpicio, Evreinov asistiu a Mykolai Charnetskyi na celebración da divina liturxia, xunto ao profesor do Instituto Católico de París Georgii Tsebrikov. A partir de 1934 a parroquia trasladouse á súa localización actual. Logo de Evreinov, o párroco pasou a ser o dominicano Christophe Dumont.
Episcopado[editar | editar a fonte]
Foi chamado a Roma para formar parte da Congregación para as Igrexas Orientais, e nomeado bispo ordenante para o rito bizantino na cidade.[3][4] O 6 de decembro de 1936 Evreinov foi consagrado bispo titular de Pionia.[1][2][3][4] A consagración tivo lugar na igrexa de Santo Antón Abade no Esquilino a carón do Russicum, de mans de Mykolai Charnetskyi,[4] e tivo como co-consagrantes principais ao arcebispo de Beirut e Xibail Maksimus Sair e ao bispo de Lungro Giovanni Mele.[5]
Con ocasión do 950º aniversario da cristianización da Rus de Kíiv, o 21 de maio de 1938 Evreinov celebrou na basílica de San Pedro[4] xunto con outros eclesiásticos da Igrexa católica bizantina ucraína como Yosyf Slipyi e o abade Klymenty Sheptytskyi, futuro exarca de Rusia. Estaban tamén presentes os sacerdotes Cyrille Korolevskij e Viktor Novikov, futuro exarca de Siberia. O 19 de marzo de 1947 foi elevado ao rango de arcebispo, co título de Parium.[1][4]
Evreinov ordenou sacerdotes a moitos representantes do apostolado ruso, como Andrei Katkov, Karol Kozine, Andrei Sterpin, Teodor Romzha[6] e outros. Durante a segunda guerra mundial dirixiu o Comité Pontificio para a Axuda aos Prisioneiros de Guerra, e entre 1947 e 1959 dirixiu a División da Prensa Estranxeira da Secretaría de Estado da Santa Sé.[4] En Roma continuou a ter contacto coa emigración rusa. O 5 de xuño de 1952 o arcebispo consagrou un novo altar, doado polos greco-católicos eslovacos do Canadá e dos Estados Unidos de América, na basílica de San Clemente, na capela onde está a tumba de san Cirilo.
O arcebispo viviu en Roma no Pontificio Colexio Ruso. Finou o 20 de agosto de 1959,[2][4] e foi enterrado no mosteiro greco-católico de Grottaferrata segundo o seu desexo.[7][4]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Annuario pontificio per l'anno 1952 (en italiano). Roma. p. 570.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Phyrigos, Antōnēs, ed. (1983). Il Collegio greco di Roma: ricerche sugli allunni, la direzione, l'attività. Pontificio Collegio Greco S. Atanasio. p. 300.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 3,9 Nikolaev, Konstantin Nikolaevich (1950). Восточный обряд (en ruso). YMCA Press. p. 260.
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 4,13 4,14 4,15 4,16 Пономарёв, В. П. (2002). "ЕВРЕИНОВ, Александр Николаевич". Православная энциклопедия 17. Moscova: Церковно-научный центр «Православная энциклопедия». pp. 209–210. ISBN 9785895720301.
- ↑ Пономарёв, В. П. (2002). "ЕВРЕИНОВ, Александр Николаевич". Православная энциклопедия 17. Moscova: Церковно-научный центр «Православная энциклопедия». pp. 209–210. ISBN 9785895720301.
Хиротонию, состоявшуюся 6 дек. в рим. ц. св. Антония при папской коллегии Russicum, совершили апостольский визитатор для славян визант. обряда в Польше титулярный Лебедский еп. Николай Чарнецкий, Бейрутский архиепископ Мелькитской католической Церкви Максим Сайег и Лунгрский епископ Итало-Албанской католической Церкви Джованни Меле.
- ↑ Puskás, László. Teodor Romža. La Casa di Matriona. p. 29. ISBN 9788887240184.
- ↑ "Informazioni e notizie". Bollettino della Badia Greca di Grottaferrata (en italiano) (Scuola Tipografica Italo-Orientale "S.Nilo") XIII: 166. 1959.