Andrei Katkov

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Андрей Катков
(Andrei Katkov)
Bispo da Igrexa católica bizantina rusa
Biografía
Nacemento26 de outubro de 1916 en Irkutsk, Imperio Ruso
Pasamento18 de setembro de 1995 en Roma, Italia
Ordes
Ordenación sacerdotal30 de xullo de 1944, por Aleksandr Evreinov
Consagración episcopal21 de decembro de 1958, por Aleksandr Evreinov
Bispo titular de Nauplia
14 de novembro de 1958 - 18 de setembro de 1995
Outros
Ficha en catholic-hierarchy.org

Andrei Katkov (en ruso: Андрей Катков), nado como Apollon Vladimirovich Katkov (en ruso: Аполлон Владимирович Катков) o 26 de outubro de 1916 en Irkutsk (Imperio Ruso) e finado o 18 de setembro 1995 en Roma (Italia), foi un relixioso mariano ruso, bispo grecocatólico ruso, que exerceu o seu apostolado na diáspora.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos en Rusia e na China[editar | editar a fonte]

Naceu nunha o 26 de outubro de 1916 en Irkutsk,[1] recibiu o nome de Apollon no seu bautismo na Igrexa ortodoxa rusa. En 1920 a familia trasladouse a Manchuria, e entre 1929 e 1937 Apollon Katkov estudou no Liceo de San Nicolao de Harbin, parte da estrutura do exarcado apostólico de Harbin para os católicos rusos de rito bizantino.

Logo dos seus estudos e de se converter ao catolicismo, ingresou como novizo na Congregación dos Padres Marianos, onde o seu mentor foi o bielorruso Tamaš Padziava. Katkov fixo os votos monásticos e tomou o nome de Andrei o 4 de decembro de 1938.

Roma[editar | editar a fonte]

En 1939 Andrei marchou a Roma para continuar a súa educación, e estudou Filosofía na Pontifícia Universidade de San Tomé de Aquino. En 1941 recibiu a tonsura monástica con votos perpetuos.

Foi ordenado sacerdote o 30 de xullo de 1944 polo bispo Aleksandr Evreinov.[1] Doutorouse en Filosofía en 1945, e posteriormente tamén graduouse polo Pontificio Instituto Oriental e residiu no Colexio Ruso. En Roma traballou cos refuxiados da Unión Soviética.

Diáspora rusa[editar | editar a fonte]

Por motivos pastorais foi trasladado a Inglaterra en 1950, e en 1951 a Australia, onde canda o arquimandrita Georgii Brianchaninov fundou un centro misioneiro en Melbourne para a atención dos católicos de rito oriental. En Australia organizou á comunidade de rusos católicos emigrados dende a República Popular da China. En 1958 o hieromonxe foi chamado a Roma polo papa Xoán XXIII, onde o 14 de novembro foi nomeado bispo titular de Nauplia. Recibiu a consagración episcopal o 21 de decembro de mans de Aleksandr Evreinov, e foi nomeado bispo coadxutor de rito bizantino.

En 1960 foi nomeado membro da Congregación para as Igrexas Orientais e visitador apostólico para os grecocatólicos rusos no exterior, cargo que exerceu até 1984. Viviu en Roma, onde seguiu a axudar aos emigrantes rusos, moitas veces chegados a través de Harbin.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Fyrigos, Antonis, ed. (1983). Il Collegio greco di Roma: ricerche sugli allunni, la direzione, l'attività (en italiano). Pont. Coll. Greco S. Atanasio. p. 301.