Pranciškus Būčys

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Petras Pranciškus Būčys»)
Pranciškus Petras Būčys
Bispo da Igrexa católica bizantina rusa
Biografía
Nacemento20 de agosto de 1872 en Šilgaliai, concello de Šakiai, Lituania
Pasamento25 de outubro de 1951 en Roma, Italia
Ordes
Ordenación sacerdotal25 de marzo de 1899, por Karol Antoni Niedziałkowski
Consagración episcopal6 de xullo de 1930, por Kiril Kurtev
Superior Xeral da Congregación dos Padres Marianos
1927 - 1933
1939 - 1951
PredecesorJurgis Matulaitis-Matulevičius
Andrej Cikota
SucesorAndrej Cikota
Władysław Mroczek
Outros
Ficha en catholic-hierarchy.org

Pranciškus Petras Būčys,[1] nado o 20 de agosto de 1872 en Šilgaliai (Lituania) e finado o 25 de outubro de 1951 en Roma (Italia), foi un relixioso greco-católico lituano, bispo e superior da Congregación dos Padres Marianos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu o 20 de agosto de 1872 en Šilgaliai, unha poboación de Lituania, situada entón na gobernación de Suwałki da Polonia do Congreso e na diocese de Sejny.[2] Cursou os estudos secundarios en Marijampolė, e posteriormente entrou no seminario en Sejny para continualos na Academia Teolóxica de San Petersburgo e na Universidade de Friburgo. O 25 de marzo de 1899 foi ordenado sacerdote da arquidiocese de Mahilioŭ polo bispo auxiliar Karol Antoni Niedziałkowski,[3] e comezou a traballar como profesor de Apoloxética na Academia Teolóxica de San Petersburgo.

En 1908, xunto con Jurgis Matulaitis-Matulevičius, foi un dos inspiradores da renovación da Congregación dos Padres Marianos. O 29 de agosto de 1909, en presenza de Wincenty Sękowski e Kazimierz Ruszkiewicz, foi admitido en segredo ao novizado da congregación, e o 15 de setembro de 1910 profesou como sacerdote da Congregación dos Padres Marianos, facendo os votos perpetuos sete anos máis tarde, o 11 de xuño de 1917.

O 27 de xullo de 1927 foi elixido Superior Xeral da súa congregación.[2][4] Dedicado ao apostolado entre os cristiáns orientais, colaborou en 1929 co xesuíta Michel d'Herbigny en elaborar unha confesión de fe a ser empregada para a recepción de conversos rusos, da que foron enviadas copias a Pie Eugène Neveu.[5]

O 3 de xullo de 1930 foi nomeado bispo titular de Olympus.[2][3] Recibiu a consagración episcopal o 6 de xullo do mesmo ano,[3] de mans do exarca apostólico de Sofía Kiril Kurtev.

O 21 de xullo de 1933 renunciou como superior da súa orde, sendo sucedido por Andrej Cikota. O 22 de xullo de 1939 foi reelixido superior dos Padres Marianos.[4]

Retirouse o 14 de maio de 1951 e finou meses máis tarde, o 25 de outubro, en Roma.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Święty Stanisław, biskup krakowski [Santo Estanislau, bispo de Cracovia] (en polaco). Cracovia. 1902. 
  • Švenčiausiosios Paneles apsireiškimas Liurde [A revelación da Santísima Virxe en Lourdes] (en lituano). Sejny: Laukaičio ir B-vės spaustuvėje. 1909. 
  • Jėzus Kristus, pasaulio Išgelbėtojas [Xesús Cristo, Salvador do mundo] (en lituano). 1930. 
  • Rusai stačiatikiai ir sentikiai Lietuvoje [Ortodoxos rusos e vellos crentes en Lituania] (en lituano). Kaunas. 1936. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tamén Franciszek Buczys.
  2. 2,0 2,1 2,2 Annuario pontificio per l'anno 1942 (en italiano). p. 454. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Annuario pontificio per l'anno 1950 (en italiano). p. 536. 
  4. 4,0 4,1 Račis, Antanas; Brijūnas, Viktoras; Pečiulienė, Ona (2001). Visuotinė lietuvių enciklopedija. Mokslo ir enciklopedijų leidybos institutas. p. 292. ISBN 9785420014868. 
  5. Tretjakewitsch, Léon (1990). Bishop Michel d'Herbigny SJ and Russia: A pre-ecumenical approach to Christian unity (en inglés). Augustinus-Verlag. p. 241. ISBN 9783761301623. 


Dignidades da Igrexa católica
Predecesor:
Jurgis Matulaitis-Matulevičius
 Superior Xeral dos Padres Marianos da Inmaculada 
1927 - 1933
Sucesor:
Andrej Cikota
Predecesor:
James Michael Liston
 Bispo titular de Olympus 
1930 - 1951
Sucesor:
Segundo García Fernández
Predecesor:
Andrej Cikota
 Superior Xeral dos Padres Marianos da Inmaculada 
1939 - 1951
Sucesor:
Władysław Mroczek