Gaspar (golfiño)
Gaspar, é un arroaz adulto macho de máis de tres metros de lonxitude e 400 kg de peso que apareceu no porto de Cangas (provincia de Pontevedra) en decembro do ano 2007. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños conseguiu descubrir que se trataba do mesmo exemplar que na Bretaña era coñecido como Jean Floc'h. Naquela altura levaba a cabo o seguimento o colectivo Reseau Cétacès. Dende entón, o arroaz foi visto polas costas atlánticas galegas e do norte de Portugal, e tamén polas augas do mar Cantábrico. Recibiu o nome de Gaspar o 5 de xaneiro de 2008 no porto de Ribeira en vésperas do día de Reis, co nome dun dos Reis Magos.
Os expertos en animais mariños da CEMMA que levaron a cabo o seguimento de Gaspar consideran que o seu comportamento, definido como golfiño solitario e embaixador[1], é pouco habitual. Ademais de rexeitar o contacto con outros arroaces busca a compaña dos seres humanos. Esta situación deriva posiblemente do trauma da separación da súa nai e polo tanto coa manda de orixe. A negativa a abandonar a manda, unha vez cumpridos os tres anos, provocaría unha expulsión violenta por parte doutros exemplares, a reiterada tentativa de entrar nesa ou noutra manda provocaría reiterados enfrontamentos violentos, como así o indican diversas cicatrices de dentes no seu corpo, sobre todo na aleta dorsal e pedúculo caudal.
Cos humanos, Gaspar é un animal sociable que gosta de xogar. Goza perseguindo ou acompañando barcos, nadando a poucos centímetros da hélice, especialmente se teñen motor a turbina, e xogando cos nadadores, o que provocou problemas cos mergulladores profesionais que traballan nas dársenas do porto de Vigo, Lorbé e outros, que reclamaron que o cetáceo fose trasladado a outro lugar ou a un acuario, logo que Gaspar golpease e arrastrase un mergullador que trataba de soldar baixo a a auga[2][3], os feitos aconteceron cando durante a inmersión xogaron con el e despois trataban de deixar o xogo para poñerse a traballar, cousa que o arroaz non admitía. A Xunta de Galicia rexeitou esta posibilidade, argumentando que o arroaz só quería xogar e que non presenta unha actitude agresiva, pero en realidade a administración negouse a dar consellos sobre o animal publicamente eludindo a súa responsabilidade. Por outra banda, a CEMMA, pola súa banda recomendou precaución ós mergulladores durante as súas inmersións, e pediu á xente que non xogase co golfiño para evitar problemas, estas recomendacións foron extensamente difundidas nos medios a través das actividades divulgativas da entidade, editando un tríptico divugativo.
Orixe
[editar | editar a fonte]A particular actitude de Gaspar e as características do seu comportamento chamaron a atención dos especialistas en golfiños solitarios de toda Europa, sendo analizado o seu caso en diversos foros de especialistas[4] como a Sociedade Europea de Cetáceos[5], onde a CEMMA presentou o caso. O seu comportamento non difire substancialmente doutros golfiños solitarios do mundo nin de arroaces solitarios que xa recalaron historicamente nas costas de Galicia.
O Grupo de Rescate e Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (Gremmar), trasladou aos medios de comunicación a teoría de que o animal podería ter sido adestrado en catividade con fins militares e explicou que dende hai moitos anos se adestran golfiños porque son quen de patrullar amplas zonas litorais, actuando coma "gardacostas"[6]. Esta teoría fantasiosa foi desmentida pola propia oficina: Public Affairs Office do Space and Naval Warfare Systems Center Pacific da Armada estadounidense[7], logo das investigacións do colectivo francés Reseau Cétacès.
A hipótese máis plausible, apoiada polo precedente doutros arroaces solitarios e polas múltiples cicatrices e polas sinais que mostraba Gaspar no seu corpo, é que o animal fose expulsado da súa manda de orixe, como acontece cos machos adolescentes ao cumlir tres anos de idade e por tanto separarse definitivamente das súas nais. Moi posiblemente esta emancipación non sempre é amable, e en ocasións pode ser violenta e frustrante, o que provoca o rexeitamento do golfiño expulsado cara ao seu propio grupo ou a súa propia especie. Existen varias evidencias a favor desta hipótese, como a reclusión de Gaspar no porto de Ribeira fuxindo das mandas de arroaces que pasaban polo exterior, mesmo nadando paralelo aos muros do peirao. Ou que cando, a principios de agosto de 2008, un grupo duns 35 arroaces chegaron ás costas de Baiona, Gaspar apareceu con diversas feridas no fociño, o que indicaría que foi novamente rexeitado ó tratar de entrar en contacto con eles.
Comportamento
[editar | editar a fonte]Un dos comportamentos máis típicos da súa especie, que presenta Gaspar, é navegar na proa ou segui-los ronséis das embarcacións coas que se cruza. É quen de facelo a grande velocidade: nunha ocasión puido seguir de preto unha lancha do Servizo de Vixilancia Aduaneira que navegaba entre Vilagarcía de Arousa e Ribeira, acadando unha velocidade de entre 42 e 60 nós (78–111 km/h). Este comportamento é natural nos arroaces que adoitan nadar na proa dos barcos sen esforzo, aproveitando o volume de auga que desprazan, ou surfear nos ronseis dos barcos de pasaxe e mercantes, seleccionando ben que barcos seguir.
Tamén gosta do contacto humano, polo que intenta xogar cos nadadores e mergulladores que encontra no seu camiño, seguindo as rutinas aprendidas na súa estancia na Bretaña[8] dende o ano 2004 ao 2007, onde chegaba a deseñar actuacións "teatrais" simulando estar en risco de afogamento baixo a auga e atándose el mesmo un cabo no pedúnculo, para que a xente que o observaba se tirase á auga a rescatalo. En xaneiro de 2008 comezou a atraer á xente, mediante saltos e cabriolas, que acudía cada día a velo nos portos ou nas praias. Entre outros portos que visitou está o de Ribadeo durante unha tempada, en febreiro de 2008, onde había xente coa que se relacionar: se alguén lle lanzaba unha boia, poñíase a xogar[9]. Con todo, a lexislación actual prohibe achegarse ou nadar cos golfiños ou con outros mamíferos mariños,[10] polo que as autoridades galegas trataron de recomendar[11] á xente que evitase nadar ou manter un contaco directo co cetáceo, tanto por precaución como polo cumprimento da lexislación vixente. Por exemplo, en abril de 2008 un grupo de mergulladores rodaron un documental no porto de Ribadeo, e despois de ser reiteradamente apercibidos da improcedencia do seu comportamento, pola Garda Civil e Protección Civil, remataron sancionados por varios motivos: por gravar imaxes dun animal pertencente a unha especie protexida perturbando o seu comportamento, por non ter autorización para iso e por bañarse en augas portuarias[12]. Varias persoas foron apercibidas tamén por bañarse nas instalacións portuarias tratando de achegarse ao golfiño. Sorprendía, e mesmo volcaba, aos piraguistas, acompañaba aos navegantes solitarios, aos mergulladores da navalla, aos marscadores. Engelledaba os rizós e áncoras dos barcos que estaban amarrados, romía os raños que ilegalmete saían das bordas das embarcacións abarloadas, interrompía os traballos submarinos e mesmo foi inxustamente acusado de fundir unha embarcación en Porto do Son.
Gaspar, en Galicia, non permaneceu moito tempo na mesma zona e móvese[13] dun punto a outro da costa rapidamente. Foi visto por primeira vez en Cangas do Morrazo o 17 de decembro de 2007, e logo en Ribeira na ría de Arousa[14], onde foi examinado por primeira vez pola CEMMA, en Ribadeo, en Muros, na Guarda e en Portugal, onde pasou un tempo en Leixões, e chegou ata Aveiro. No verán foi visto na ría de Vigo[15], e xa no outono, téñense noticias súas na Costa da Morte[16], na ría da Coruña, en Cudillero (Asturias)[17]. En 2009 foi avistado ademais nas rías de Viveiro[18], O Barqueiro, Betanzos[19] e Ferrol[20]. Co paso do tempo cada vez era máis difícil de localizar espazando as súas entradas nos portos. Finalmente o último rexistro do exemplar foi preto das Lobeiras, na enseada de Corcubión, en maio de 2010.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dauphins Ambassadeurs ou Dauphins Solitaires Arquivado 25 de xullo de 2014 en Wayback Machine., Reseau Cétacès (en francés).
- ↑ "Buceadores denuncian a Gaspar". 13 de agosto de 2008. Consultado o 17 de marzo de 2009.
- ↑ "'Gaspar', un delfín polémico en la ría de Vigo", El País, 13 de agosto de 2008 (en castelán).
- ↑ [1]
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2014. Consultado o 17 de xullo de 2014.
- ↑ "El delfín Gaspar podría tener adiestramiento militar". 31 de xullo de 2008. Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2014. Consultado o 17 de marzo de 2009.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2014. Consultado o 18 de xullo de 2014.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2014. Consultado o 18 de xullo de 2014.
- ↑ "El delfín «Gaspar» encandila en Ribadeo". 26 de xaneiro de 2008. Consultado o 17 de marzo de 2009.
- ↑ R. D. 1727/2007
- ↑ [2]
- ↑ "Primeras multas por bañarse con el delfín «Gaspar»". 19 de abril de 2008. Consultado o 17 de marzo de 2009.
- ↑ [3]
- ↑ "Un delfín solitario decide afincarse en el puerto de Ribeira". 6 de xaneiro de 2008. Consultado o 17 de marzo de 2009.
- ↑ "«Gaspar» continúa en la ría de Vigo y tiene una herida en el hocico". 4 de agosto de 2008. Arquivado dende o orixinal o 25/07/2014. Consultado o 17 de marzo de 2009.
- ↑ "«Gaspar» endulzó la tarde a los vecinos de Corme". 28 de novembro de 2008. Consultado o 17de marzo de 2009.
- ↑ "Gaspar se deja ver por Cudillero". 11 de decembro de 2008. Consultado o 17 de marzo de 2009.
- ↑ "¿Qué pasa con el arroaz Gaspar". 4 de marzo de 2009. Arquivado dende o orixinal o 25/07/2014. Consultado o 17 de marzo de 2009.
- ↑ "Un chapuzón con Gaspar". 17 de marzo de 2009. Consultado o 17 de marzo de 2009.
- ↑ "Gaspar se pirra por el rojo". 24 de marzo de 2009. Consultado o 31 de marzo de 2009.