Fratría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As fratrías[1] (en grego φρατρία, phratría = irmandade, derivado de φρατήρ - irmán, que deu en latín fraternus) eran un tipo de agrupación social típica da Grecia antiga. Nun sentido antropolóxico, é a agrupación de dous ou máis clans dunha tribo ou pobo.

Phratría na antiga Grecia[editar | editar a fonte]

Na Grecia preclásica, cada tribo (phylè, filé) estaba dividida en phratrías (fratrías). A natureza destas é, en palabras dun historiador, "o problema máis escuro entre as institucións sociais [gregas]"[2]. Pouco se sabe do seu papel na vida social grega, pero existiron dende a Idade Escura até o século II. a. No mundo xónico da Grecia antiga, ao longo do período arcaico, cada tribo está dividida en fratrias.

Homero refírese a eles varias veces, en pasaxes que parecen describir o ambiente social da súa época. [3] En Atenas, a inscrición nunha fratría parece ser o requisito básico para a cidadanía, antes das reformas de Clístenes de Atenas en 508 a. C. Desde o seu apoxeo na Idade Escura, cando parecen ser unha forza substancial na vida social grega, as fratrías foron diminuíndo progresivamente en protagonismo ao longo do período clásico a medida que outros grupos (como os partidos políticos) gañaban influencia ás súas costas. Durante o período clásico, as fratrías evolucionaron ata converterse en divisións territoriais formais do estado ateniense.

Esta unidade autónoma que conta con maxistrados propios, encabezados polo fratriarca, constitúe un marco de relixiosidade e sociabilidade gregas, grazas á organización de banquetes e festas como as Apaturias. Tamén serven de marco para a preparación e participación nalgúns cultos cívicos.

As fratrías eran asociacións informais de individuos ou familias reagrupadas en función da ascendencia común afirmada, aínda que non necesariamente había lazos de sangue entre elas, a diferenza dos xenos.

As fratrias contiñan pequenos grupos familiares chamados xeno; estes parecen aparecer máis tarde que as fratrias, e parece que non todos os membros das fratrias pertencían a un xeno; a admisión nestes grupos máis pequenos puido estar limitada ás elites. Nun nivel menor, o grupo de parentesco básico das sociedades gregas antigas era o oikos (casa, familia).

Fratría como termo antropolóxico[editar | editar a fonte]

En numerosos textos antropolóxicos, sobre todo nos máis antigos, o termo fratría emprégase para designar a agrupación socialmente recoñecida de varios clans nunha división intermedia entre o clan (agrupación de liñaxes) e o pobo no seu conxunto. Este tipo de agrupación está documentada en varios pobos nativos americanos, como os tlingit, os navajos e os lenape, e implicaban certas obrigas e dereitos entre os clans membros do grupo, incluíndo dereitos ou restricións ao matrimonio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Dicionario; fratría". Real Academia Galega. Consultado o 2022-07-12. 
  2. Nilsson, M.P. Cults, Myths, and Oracles in Ancient Greece, citado en J.V. Fine, The Ancient Greeks: A Critical History.
  3. Fine, The Ancient Greeks

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]