Paco de Aguiño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde «Francisco Lorenzo Mariño»)
Francisco Lorenzo Mariño
Medalla de Galiza.svg
Nacemento8 de setembro de 1929
Lugar de nacementoPorto do Son
Falecemento16 de xaneiro de 2004
Lugar de falecementoAguiño
SoterradoNoal
NacionalidadeEspaña
Alma máterPontificia Universidade Gregoriana
Ocupaciónsacerdote e mestre
editar datos en Wikidata ]

Francisco Lorenzo Mariño, nado en Porto do Son o 8 de setembro de 1929[1] e finado en Aguiño (Ribeira) o 16 de xaneiro de 2004, foi un sacerdote galego coñecido popularmente como Paco de Aguiño, párroco de Aguiño desde a fundación da parroquia no 1959 ata o seu pasamento no 2004.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orfo de pai, emigrou con seis anos coa súa familia a cidade da Coruña onde pasou a súa infancia. Estudou no seminario de Santiago de Compostela e licenciouse en teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma, aínda que comenzou a licenciatura en Salamanca.[2]

Tras a súa ordenación, e despois de exercer dous anos como sacerdote en Sada, foi nomeado párroco de Aguiño o 23 de setembro de 1959. Converteuse así no primeiro párroco de Aguiño, xa que a parroquia era de nova creación: foi segregada da de Carreira ese mesmo ano.

No seu labor como párroco en Aguiño foron moitas e importantes as obras realizadas por Paco ou nas que colaborou, contribuíndo de xeito decisivo á dinamización cultural, social e veciñal da parroquia. Entre as entidades: a S.D. Xuventú Aguiño, a Asociación Veciñal Ardora, a Fábrica do Xeo, o Consello Parroquial Aguieiro, a Comisión de Festas do Carme, a Asociación Cultural A Dourixeira...; como eventos a Cabalgata de Reis, Festa dos Maios, Romería do Neno en Couso...; en publicacións o Vicanso Cultural, o xornal O Carreiro...

No ano 1960 a parroquia adquiriu os terreos para a construción do templo, por 160 000 pesetas, pero os traballos de construción non se empezaron ata dous anos máis tarde e a nova igrexa foi consagrada o 14 de xullo de 1967. O arquitecto foi Antonio Tenreiro[3] e o mestre de obras Manuel Ameal. Ten forma de barco e un campanario co escudo e a bandeira de Galicia. A decoración da igrexa foi dirixida persoalmente por Paco de Aguiño, cos viacrucis en galego e debuxos de Castelao, cun sagrario feito con rochedos de couso, áncoras, temóns, poutadas, cabos e outros elementos mariñeiros que o decoran.[4]

Foi un dos impulsores da Romaxe de Crentes Galegos (xunto a Pepe Chao, Torres Queiruga, Agustín Bueno, Daniel López Muñoz, Araúxo Iglexias, Manuel Dourado...), da Asociación e Revista Irimia, da Festa do Lume, o Bienio Irmandiño, as Irimianzas, o Grupo Boa Nova etc. A II Romaxe de Crentes Galegos tivo lugar en Aguiño en setembro de 1979 e a XVIII en setembro de 1995 baixo os lemas "Batidos polo Mar" e "Somos pedras Vivas", foron as máis numerosas en participación.

Nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia amosou o seu carácter progresista dentro da Igrexa daquel tempo ao afirmar que o sexo non é o centro do pecado, que a homosexualidade é un fenómeno máis da pluralidade da vida ou manifestarse ao favor do divorcio[5].

Atribúeselle a honra de ser o primeiro cura en misar en galego.[6], pero pode que a primeira misa oficiada integramente en galego fose a oficiada polo xesuíta Xaime Seixas o 25 de xullo de 1965. Segundo testemuño do propio Paco de Aguiño el empezou a misar en galego tamén nese ano:

Coido que foi desde o ano 65, cando cantou misa Andrés Torres Queiruga, que é de aquí. Ese día empecei a utilizal-lo galego na liturxia e xa desde entón empecei a te-las misas de domingo; ó pouco tempo xa, en galego e a pasar os cantos todos ó galego.[2]

Foi mestre de relixión no Instituto de Ribeira entre 1977 e 1994, e antes catro anos no colexio Galaxia. Exerceu tamén como correspondente do xornal La Voz de Galicia durante un cuarto de século, colaborador na revista Encrucillada, membro da mesa de redacción de Irimia etc.

Finou o 16 de xaneiro de 2004 tras unha longa enfermidade. O día seguinte celebrouse un multitudinario funeral de corpo presente, presidido polo arcebispo de Compostela Julián Barrio e no que participou o seu amigo e teólogo de Aguiño Andrés Torres Queiruga. Os seus restos mortais foron trasladados despois ata o camposanto de Noal, en Porto do Son, para recibir sepultura.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Igrexa parroquial de Aguiño

Recibiu numerosos galardóns, recoñecementos e homenaxes, sendo Socio de Honra da Asociación Musical Albéniz, da Asociación A Dourixeira, da SD Xuventú Aguiño, da Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, da Asociación Ardora, da Asociación Pax in Requiem etc. Tamén foi homenaxeado cun busto no adro da igrexa o 25 de xullo de 2021, e polo Concello de Ribeira poñendo en 2003 o seu nome á principal rúa da vila, así como polo Colectivo Home Novo da Coruña, a Asociación Irimia. Entre estes galardóns está tamén a Medalla de Bronce de Galicia, concedida polo Goberno Galego no ano 2002.

Legado[editar | editar a fonte]

Dende o ano 2005 existe unha Asociación Cultural, Recreativa e Veciñal que leva o seu nome e organiza actos de promoción e difusión da cultura e patrimonio de Aguiño, na defensa dos intereses dos veciños e veciñas, e realiza actividades na súa memoria que contribúan a seguir co labor e o traballo que el empezou como a Semana Cultural de xaneiro

Bibliografía[editar | editar a fonte]

González Suárez, Unai (2009). Aguiño, 50 anos de parroquia. Historia e memoria dun pobo mariñeiro. Asociación Cultural, Recreativa e Veciñal Francisco Lorenzo Mariño. ISBN 9788461370559.  Editado con motivo do 50 aniversario da parroquia, coordinado por Unai González Suárez e coa colaboración de Andrés Torres Queiruga, Rubén Aramburu Molet, José Antonio Otero Sobrido, José Luis Monteagudo Calviño e Ricardo Pérez Queiruga.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Abuín, Espe (28/04/1994). "Xa me fixen á idea de xubilarme". La Voz de Galicia ed. Barbanza: 39. 
  2. 2,0 2,1 López Múñoz, Daniel (1989). O idioma da Igrexa en Galicia. Consello da Cultura Galega. ISBN 8487172504. 
  3. "Antonio Tenreiro Brochón". Real Academia da Historia (en castelán). Consultado o 04/09/2022. 
  4. Abuín, Espe (08/05/1994). "Aguiño Celebrará mañana el 35 aniversario de su fundación". La Voz de Galicia ed. Barbanza: 40. 
  5. García Bayón, C. (12/05/1996). "Cristo fue el primer teólogo de la liberación". La Voz de Galicia ed. Barbanza: 42. 
  6. "Paco de Aguiño: o primeiro cura que misou en galego". Vieiros. Consultado o 04/09/2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]