Francisco Javier de Landaburu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Francisco Javier de Landaburu
Nacemento5 de setembro de 1907
 Vitoria
Falecemento6 de maio de 1963
 París
SoterradoCemetery of Santa Isabel, Vitoria-Gasteiz
NacionalidadeEspaña
EtniaPobo vasco
Ocupaciónpolítico e avogado
FillosEneko Landaburu e Gorka Landaburu
editar datos en Wikidata ]

Francisco Javier de Landaburu Fernández de Betoño, tamén coñecido como Xabier Landaburu, nado en Vitoria o 5 de setembro de 1907, e finado en ParísFrancia o 6 de maio de 1963 foi un avogado, xornalista e político de ideoloxía nacionalista vasca.

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Naceu en Vitoria en 1907. Estudou no Colexio dos Marianistas desta cidade e posteriormente marchou á Universidade de Valladolid onde realizou a carreira de Dereito.

Tras completar os seus estudos regresa a Vitoria onde estabelece un bufete de avogado. Durante os anos seguintes compatibilizaría o seu traballo como avogado, coa actividade xornalística, que comezou en 1926, o seu labor como axitador cultural e o seu labor político no seo do Partido Nacionalista Vasco. Dirixiu durante un curto lapso de tempo o xornal donostiarra «El día» creado en 1930 e foi letrado asesor da Cámara de Comercio e Industria de Áraba.

Segunda República e a Guerra Civil[editar | editar a fonte]

Como membro da Sociedade de Estudos Vascos foi un dos comisionados para redactar o anteproxecto do que máis tarde sería coñecido como Estatuto de Estella. Foi membro da sección arabesa de devandita comisión. Con posterioridade participaría activamente na campaña do PNV a prol do estatuto de autonomía vasco.

Nas eleccións xerais de España de 1933 foi elixido deputado ao Congreso, representando a Áraba, sendo un dos dous deputados electos desta provincia e un dos 12 deputados do PNV no Congreso. O seu programa baseouse no apoio ao Estatuto de autonomía vasco. Durante o bienio radical-cedista loitou no Congreso para obter o estatuto. Tamén foi destacable a súa participación na comisión que investigou o escándalo do estraperlo. En 1936 a bipolarización en Áraba entre a Fronte Popular e os tradicionalistas, deixouno sen acta de deputado, ó perder a reelección.

O 17 de xullo de 1936 estalou unha sublevación militar que triunfou parcialmente en España quedando o país dividido en dúas zonas, unha controlada polos militares sublevados e outra polo goberno republicano da Fronte Popular. Era o inicio da Guerra Civil Española. A cidade de Vitoria, así como case toda a provincia de Áraba quedaron en mans dos sublevados e Landaburu atopábase nela naquel momento.

Landaburu, ex deputado e membro en activo do comité executivo do PNV (Euskadi Buru Batzar), era unha figura política moi relevante deste partido, das máis relevantes que quedaran en territorio nacional tras o levantamento. As novas autoridades detiveron nos primeiros días despois do levantamento até en dúas ocasións a Landaburu, pero volveron liberalo. A aínda vacilante actitude do PNV naquel momento do conflito sen decantarse aínda por un ou outro bando e unhas declaracións públicas do propio Landaburu manifestándose en contra da Fronte Popular, fixeron que o político puidese seguir libre nun territorio entón moi hostil ós nacionalistas vascos.

Porén, ó ser advertido por un sopro de que ía ser detido por terceira vez (quizais esta xa de forma definitiva), agochouse, literalmente emparedado, nun refuxio que fabricara na súa propia casa. Estivo escondido nese agocho da súa propia casa durante 13 meses, até setembro de 1937.

Naquel momento, cando xa todo o País Vasco caera en mans dos sublevados, agochado no maleteiro dun coche, Landaburu logrou alcanzar a fronteira francesa onde se uniu a outros dirixentes do seu partido no exilio.

O seu labor no exilio[editar | editar a fonte]

Como outros dirixentes do seu partido establécese no País Vasco Francés, máis concretamente en Saint-Jean-de-Luz. É nese momento da súa vida cando contrae matrimonio con Konstantiñe Illarramendi. O matrimonio tería 7 fillos, nacidos no exilio francés. Entre eles atópanse os xornalistas Gorka e Ander Landaburu e o político Eneko Landaburu.

O lehendakari José Antonio Aguirre pediu a Landaburu que se trasladase a París para realizar diferentes funcións. O seu labor realizouse principalmente no seo da liga Internacional de Amigos dos Vascos, un lobby de apoio ao Goberno Vasco creado en París. Landaburu actuou como ligazón entre o Goberno Vasco e dita organización, así como secretario da mesma. Tamén actuou como representante do Goberno Vasco e do PNV en París. Tras estalar a Segunda Guerra Mundial, cando os alemáns están xa avanzando sobre París é desterrado polo Goberno Francés á Rochelle. Cando se asina ao armisticio, Landaburu atópase na Francia ocupada, regresa a París e logra vivir na clandestinidade, sen ser detido pola Gestapo. Durante a ocupación alemá formou parte dunha organización vasca de contraespionaxe que traballou a prol dos Aliados. Cando París foi liberado ocupou xunto con outros compañeiros a Delegación do Goberno Vasco na avenida Marceau e actuou como representante do Goberno Vasco ata que foron chegando os seus integrantes.

A partir de 1944 figura como delegado do Goberno Vasco en París. Nos anos seguintes participou na fundación de varios organismos internacionais en representación do PNV, como a Unión Europea de Federalistas (Movemento Europeo), a Unión Federalista de Comunidades Étnicas de Europa e os Novos Equipos Internacionais (Internacional Demócrata Cristiá). Landaburu caracterizouse pola súa ideoloxía europeista e influíu notablemente no seu partido neste aspecto.

En 1960 faleceu José Antonio Aguirre, o seu posto como lehendakari pasou a ocupalo o vicepresidente Jesús María de Leizaola e Francisco Javier de Landaburu, foi á súa vez nomeado vicelehendakari do Goberno Vasco no exilio, ocupando a posto vacante deixado por Leizaola.

Con todo non permaneceu demasiado tempo neste cargo, xa que só 3 anos despois faleceu en París sen chegar a cumprir os 56 anos de idade. Foi o 6 de maio de 1963.

O Concello de Vitoria deu o seu nome a unha rúa da cidade, situada no novo barrio de Lakua-Arriaga, a rúa Francisco Javier de Landaburu.

Obras publicadas[editar | editar a fonte]

O seu libro máis coñecido é La causa del Pueblo Vasco, que publicou en 1956. Trátase dunha alegación nacionalista dirixido aos mozos vascos que vivían naquel momento baixo a Ditadura franquista. A terceira edición, en 1977, foi a primeira edita en España.

En 1982 foron publicadas as súas Obras Completas, en 5 tomos. Estas inclúen os artigos que escribiu durante anos para a revista Alderdi do PNV nos que disertaba sobre o socialcristianismo ou o movemento europeista.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]