Fracking

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquema da técnica do fracking.

Fracking, ou fractura hidráulica, é un termo anglosaxón empregado para referirse a unha técnica de aumento da extracción de gas natural e petróleo do solo.

Proceso[editar | editar a fonte]

O primeiro paso do proceso extractivo é a escavación dun pozo vertical na superficie terrestre cunha profundidade que pode chegar ós tres quilómetros. Posteriormente continuase a perforación facendo un xiro preto ós 90º. Esta prolongación horizontal do pozo pode oscilar entre un e os dous quilómetros. Deste xeito o pozo acada a forma dunha L.

Neste pozo introdúcese unha tubaria pola cal transportase un paquete explosivo que, ó estourar no fondo do pozo crea pequenas fractura na tubaria, que poñen en contacto o interior do pozo artificial co substrato do terreo.

Seguidamente inxéctanse millóns de litros dunha mestura de auga, area e produtos químicos a unha gran presión. Esta presión fai que a rocha subterránea crebe liberando o gas natural apresado dentro dela. Debido a esta mesma presión, o gas coase cara á superficie, namentres a area inxecta fai que as fractura na rocha permanezan abertas permitindo a filtración de máis gas.

Orixe[editar | editar a fonte]

Esta técnica extractiva, creada nos Estados Unidos, foi empregada por primeira vez a finais da década de 1990. Os primeiros pozos abríronse en Texas (xacemento de Barnett Shale) e en Dakota do Norte (xacemento de Bakken Shale). Mais o grande impulso desta metodoloxía chegou coa descuberta do xacemento de Marcellus Shale. Xacemento que se estende dende Nova York ata o oeste de Virxinia. Este xacemento, próximo a áreas densamente poboadas e grandes consumidoras de enerxía, estimouse que contiña gas suficiente coma para cubrir as necesidades enerxéticas dos Estados Unidos durante decenios. Posteriormente estas estimacións foron modificadas á baixa, aínda que as cifras continuaron a considerarse de grande importancia.

Problemática[editar | editar a fonte]

Aspectos económicos[editar | editar a fonte]

Unha das grandes vantaxes desta técnica é que permite a explotación de reservas de gas previamente consideradas inalcanzábeis. Estes xacementos proporcionan a países, comunidades locais e á industria grandes beneficios. Ademais axudan os diferentes países a acadar unha maior independencia enerxética cos conseguintes beneficios xeoestratéxicos.

Loita contra o cambio climático[editar | editar a fonte]

Inicialmente este técnica recibiu apoios dende diferentes sectores, incluíndo grupos ecoloxistas. Isto debeuse ó feito de que a queima de gas emite menos CO2 que a queima de carbón ou petróleo. Porén investigacións posteriores puxeron en dúbida as vantaxes desta técnica na loita contra o cambio climático. Por un lado o propio gas natural (CH4) é un poderoso gas de efecto invernadoiro, sendo moi perigosa a súa filtración directa á atmosfera durante o proceso de extracción.

Por outro lado a carreira pola explotación destes xacementos puido e pode levar, de acordo ós comentarios dos expertos, ó estancamento no desenvolvemento de fontes verdadeiramente limpas coma a solar ou a eólica. Ademais outros expertos argumentan que aínda que a queima de gas sexa máis limpa que a queima de combustibles fósiles tradicionais, o aumento global do consumo enerxético levaríanos ó cambio climático irremediablemente.

Impacto en augas subterráneas[editar | editar a fonte]

Un dos problemas derivados do fracking é a posible contaminación dos pozos e acuíferos que provén de auga potable á poboación. A industria argumenta que as barreiras de cemento introducidas nas perforacións, evitan o posible paso de substancias nocivas ás capas freáticas onde pode atoparse auga potable.

Porén diversas investigacións feitas pola Universidade de Duke e pola EPA (Axencia para a protección do Medio Ambiente dos Estados Unidos) demostraron a presenza de metano, disolventes químicos e outras substancias, en mostras de auga tomadas preto das perforacións.

Impacto en augas superficiais[editar | editar a fonte]

Durante o proceso de fracking, unha parte considerable da mestura de auga, produtos químicos e area que é inxectada na perforación, é devolta á superficie. Ademais, neste proceso a auga transporta á superficie substancias que estaban atrapadas na profundidade, tales coma ferro, cromo, radio ou cal.

Este refugallo é altamente contaminante e pode causar desastres ambientais en caso de filtración ós ríos e depósitos de augas superficiais. O exemplo clásico desta posible contaminación aconteceu no río Dunkard Creek, en setembro de 2009. Unha invasión de algas microscópicas matou gran parte da vida autóctona do río. Posteriormente sóubose que varias empresas fixeran verteduras ilegais de augas que proviñan de diversos centros de perforación.

Unha das alternativas propostas foi a de tratar estas augas en plantas de depuración tradicionais. Porén diversos expertos salientaron que estas plantas non estarían preparadas para depurar estas augas completamente, especialmente no referente á limpeza de substancias radioactivas (radio).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]