Fonte dos Cabalos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°52′43″N 8°32′39″O / 42.878588888889, -8.5442916666667

Non confundir coa fonte-monumento dos Cabalos da Praza de España en Vigo, nin coa Fonte dos Cabalos de Lalín.
Fonte coa Casa do Cabido no fondo.
A fonte coa fachada das Pratarías da catedral no fondo.

A Fonte das Pratarías, máis coñecida coma Fonte dos Cabalos (tamén Fonte dos Catro Cabalos ou dos Hipocampos) é unha fonte monumental de estilo barroco compostelán, obra de J. Pernas do ano 1825 que se atopa no centro da praza das Pratarías, na cidade vella de Santiago de Compostela.

Está formada por catro cabalos que botan auga pola boca, por riba dos cales se ergue un pedestal coa Arca Marmórica rematado cunha figura feminina co brazo alzado sostendo a estrela de Compostela. O seu significado ten suscitado diferentes interpretacións ao longo dos anos, mais crese que se trata dunha alegoría á cidade de Compostela.

Historia[editar | editar a fonte]

A praza das Pratarías data dos inicios da cidade, e xa sufrira danos importantes nas Revoltas Irmandiñas do século XII, cando o Arcebispo Xelmírez ordenou restaurar a fachada románica case por completo. A praza debe o seu nome por ser onde noutrora tiñan os seus obradoiros os artesáns da prata.

A mediados do século XVIII o cabido compostelán encarga a Sarela remodelar o estado da praza das Pratarías, até que en 1825 frei Xoán Conde a transforma coa actual fonte de hipocampos. Algunhas fontes din que a fonte se achaba orixinalmente no interior do claustro da catedral, pois no lugar que ocupa esta fonte hoxe en día, atopábase unha anterior, que sería a gran pía bautismal, que hoxe se atopa no centro do claustro. Outras fontes din, porén, que a pía formaba parte dunha fonte que se atopaba na praza diante da fachada da Acibecharía.[1] O escultor Juan Sanmartín, a mediados do século XIX, engadiulle a "Alegoría da Cidade de Santiago" (a figura da muller sentada sobre a arca apostólica a soster a estrela que indicou ao bispo Teodomiro o lugar do sepulcro.

Descrición[editar | editar a fonte]

Áchase no nivel máis baixo da Praza das Pratarías. Trátase dunha fontana de estilo italiano, encadrado no barroco compostelán. Feita en granito, a base do encoro é circular e cunha base dun metro de altura arrodeada dun chanzo. No centro érguese a escultura, cun primeiro nivel onde se atopan os catro hipocampos a botar chorros de auga pola boca. Destes parte un pedestal que remata coa arqueta do apóstolo e por riba dela unha figura feminina (disque é Compostela) que sostén nunha das súas mans a estrela compostelá. Cómpre salientar a fermosa contorna da fonte, arrodeada doutras obras de arte da cidade, como é a Casa do Cabido, o Museo das Peregrinacións, e a escalinata que conduce á porta Sur da Catedral, coa impresionante fachada das Praterías e a Torre da Berenguela.[2]

A fonte na cultura popular[editar | editar a fonte]

Federico García Lorca inspirouse nesta fonte para escribir o seu poema "Danza da lúa en Santiago" e de feito chámaa "Fonte do Soño".[3].

Nesta fonte é onde os viaxeiros adoitan botar moedas co desexo de volver a Santiago.[4]

Unha das novatadas que se fan aos novos estudantes da Universidade de Santiago é o "bautizo" na auga desta fonte; un dos veteranos fai mergullar a cabeza deste na fonte[5]. Outro costume habitual é facer mirar con detalle ao visitante as mans dos cabalos e de súpeto cando este se achega, mollalo.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Santiagoturismo
  2. "Turismo de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 19 de decembro de 2016. 
  3. "Arte e Historia.com". Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2016. Consultado o 19 de decembro de 2016. 
  4. Fonte dos cabalos
  5. [1]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]