Follente, Bemil, Caldas de Reis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Follente

Vista parcial de Follente (Bemil) desde a pontella de Moar.
ParroquiaBemil
ConcelloCaldas de Reis
Coordenadas42°36′42″N 8°39′35″O / 42.611758094348, -8.6596896108544Coordenadas: 42°36′42″N 8°39′35″O / 42.611758094348, -8.6596896108544
Poboación210 hab. (2020)
editar datos en Wikidata ]

Follente é un lugar da parroquia de Bemil, no concello pontevedrés de Caldas de Reis, na comarca de Caldas. Segundo o IGE[1], en 2020 tiña 210 habitantes (96 homes e 114 mulleres), o que supón unha diminución respecto ao ano 1999, cando contaba con 264 habitantes (137 homes e 127 mulleres).

Xeografía[editar | editar a fonte]

Esta aldea está situada na banda oeste da parroquia de Bemil, a tan só tres quilómetros do núcleo urbano de Caldas de Reis, do que a separa o pequeno monte da Canle. Ao sur do lugar ábrese a extensa chaira fluvial do río Umia, do que o río Follente é tributario. Cara o norte e oeste atópase delimitado polos primeiros contrafortes do Monte Xiabre, onde se localiza o monte veciñal en man común xestionado pola Comunidade de Montes da parroquia (CMVMC de Bemil).

Follente constitúe legalmente un único núcleo de poboación, mais dentro del se distinguen varios agrupamentos de casas, ou "barrios". Algúns dos principais son: Moar, O Regueiro e As Senras

A paisaxe de Follente presenta similitudes coa doutros asentamentos rurais tradicionais das Rías Baixas. Nese sentido, o espazo construído da aldea atópase no punto de transición entre as abas do Xiabre e o fondo do val do río Umia; deixando así libres os terreos de maior pendente, por unha banda, e os de maior produtividade agraria, pola outra. En canto a este último aspecto, o retroceso da actividade agraria plásmase no avance de especies arbustivas e arbóreas sobre o antigo mosaico de pequenas parcelas de cultivo.

Debido ás altas precipitacións rexistradas no alto do Xiabre, e á súa condición de val inundable, son frecuentes as enchentes invernais do Río Follente, que cobren de auga as veigas máis meridionais do lugar.

Historia e patrimonio[editar | editar a fonte]

O lugar presenta evidencias de ocupación humana desde cando menos a Idade do Ferro, entre as que sobresae o achado do Tesouro de Caldas, no veciño lugar da Canle. Do período castrexo, destaca a presenza dun castro a escasos 500 metros do núcleo, atribuído ao pobo prerromano dos Cilenos. Este castro foi estudado[2] a raíz dos traballos realizados en 1997 con motivo da construción do gasoduto Valga-Tui, ficando pendentes novas escavacións que permitan divulgar os seus valores históricos e culturais.

Vista parcial de Follente (Bemil) desde As Senras.

As edificacións labregas tradicionais, en moi variable estado de conservación, están construídas en pedras de cachotaría. Asemade, as novas vivendas ocupan na súa maior parte o óco deixado polas previas, ou emprázanse naquelas áreas intersticiais entre os diferentes barrios da aldea, de xeito que se mantén un núcleo compacto e unha dispersión da urbanización reducida. En Follente cóntanse numerosos hórreos (cabanas), que na súa maioría se compoñen dunha estrutura de granito, con carpintaría de madeira pintada en tons escuros. Non existen no lugar exemplos de arquitectura relixiosa, mais si conta cun campo da festa propio, onde se celebra a festividade da patroa.

Outros elementos de interese son as fontes, entre as que destaca pola súa calidade a coñecida como Fonte de San Lourenzo, que se atopa ao pé do monte comunal e conta con lavadoiro de seu.

A principal festividade da aldea é a dedicada á Virxe das Dores (fin de semana antes do 15 de setembro), que ten dous días festivos: o primeiro coa tradicional verbena e o segundo cunha misa e procesión campestre e un xantar de confraternidade con varios centos de veciñas. Nesta celebración, e máis na do Sacramento, un matrimonio da parroquia de Bemil adoitaba preparar o Ramo[3], que é unha pequena estrutura de madeira adornada con diversos motivos, como flores, froitos e un grande Roscón de Caldas.

En Follente, coma no resto da parroquia de Bemil, era popular até mediados do século XX o rito do "Anghenido" (Enganido), que buscaba a curación de nenos enfermos co baño nunha fonte situada preto da igrexa parroquial[3]. A localización de dita fonte, na coñecida como Carballeira dos Xitanos, foi destruída no ano 2007 coa construción do vial de circunvalación da N-550.

Economía[editar | editar a fonte]

A actividade agraria, a máis importante até a década dos anos 70, decaeu de xeito dramático até reducirse ao autoconsumo familiar puntual. Os cultivos de millo e de horta, outrora extensos, son cada vez máis reducidos, mentres que o único que mantén certa vitalidade é o viñedo. En canto á actividade silvícola, a principal fonte de ingresos está vencellada ao piñeiro e ao eucalipto, tendo iniciado a CMVMC de Bemil os traballos de repoboación con especies autóctonas. Existe un proxecto de concentración parcelaria aínda non executado[4].

Outro oficio con certa raigame foi o de fogueteiro, o cal xa desapareceu por completo.

En Follente houbo até datas recentes dúas tendas-taberna, onde se ofrecían produtos de primeira necesidade. Actualmente permanece aberto un destes negocios, na principal praza pública da aldea. Alén disto, existe un almacén de distribución de froitas e hortalizas e un campo de paintball.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Nomenclátor estatístico de Galicia". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2020. Consultado o 3 de maio de 2021. 
  2. Sáez, José Antonio López; Merino, Lourdes López; Díaz, Sebastián Pérez; Parcero-Oubiña, César; Criado-Boado, Felipe (30 de decembro de 2009). "Contribución a la caracterización de los espacios agrarios castreños: documentación y análisis palinológico de una posible terraza de cultivo en el castro de Follente (Caldas de Reis, Pontevedra)". Trabajos de Prehistoria (en castelán) 66 (2): 171–182. ISSN 1988-3218. doi:10.3989/tp.2009.09020. 
  3. 3,0 3,1 O patrimonio inmaterial de Bemil. Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Bemil. 2018. ISBN 978-84-948717-5-7. 
  4. Caldas, Redacción | (2020-01-31). "El gobierno caldense lleva a pleno la concentración parcelaria de Bemil". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2021-05-03. 

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Bemil[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Bemil no concello de Caldas de Reis (Pontevedra)

A Canle | Follente | A Lavandeira | Outeiro | Paradela | As Veigas de Almorzar

Parroquias de Caldas de Reis[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Caldas de Reis

Arcos da Condesa (Santa Mariña) | Bemil (Santa María) | Caldas de Reis (San Tomé e Santa María) | Caldas de Reis (Santa María) | Carracedo (Santa Mariña) | Godos (Santa María) | Saiar (Santo Estevo) | San Clemente de Cesar (San Clemente) | Santo André de Cesar (Santo André)