Tesouro de Caldas de Reis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Tesouro de Caldas de Reis
Museo Pontevedra, Ed. Sarmiento 02-12c.JPG
Tesouro de Caldas de Reis
Data da descuberta Década de 1940
Exposto Museo de Pontevedra
Web museo.depo.es

O tesouro de Caldas de Reis é un conxunto de 36 pezas por un total de 14,9 kg de ouro de máis de 20 quilates pertencente á Idade de Bronce galaica e con concomitancias coas Illas Británicas, Irlanda, Bretaña e Centroeuropa. A súa datación oscilou dende o Bronce Final ata os que defenden que se inclúa no Bronce Inicial (cronoloxicamente cara ao 1900-1800 a.C.).

O tesouro de Caldas fai pensar nunha certa comunidade cultural coas fisterras europeas e dunha sociedade estruturada de xeito xerárquico baixo elites que comezaban a monopolizar as relacións comerciais e a acumulación de riqueza. Bouza Brey, quen o deu a coñecer, di que o tesouro non foi o agocho dun ourive local [1] afirmou: "Mejor nos inclinamos por creerlo riqueza tribal oculta ante peligro de invasión enemiga". Blanco Freijeiro nega esta hipótese: "Este tesoro de Caldas no pudo ser, pues, ... la riqueza de una tribu ocultada ante un enemigo invasor", aínda que non aventura unha hipótese alternativa.

Representa, hoxe por hoxe, a maior acumulación de ouro de toda a Prehistoria europea.

Historia[editar | editar a fonte]

O tesouro apareceu na zona das Silgadas, inmediata a Caldas, en 1940. O 20 de decembro, varios homes estaban colocando esteos para unha viña nun terreo acabado de rozar, cando Amalio Touceda Devesa, ó facer un burato na terra, observou que co ferro que estaba a cravar saía un pedazo de ouro. Xunto cos outros obreiros que traballaban con el, escavaron e atoparon o tesouro tan só a uns 20 cm de profundidade. O tesouro estaba directamente na terra, sen recipiente ningún.

Os descubridores decidiron calar o achado e proceder á súa venda ós poucos, pero foron descubertos en xuño de 1941 pola Garda Civil, que procedeu a intervir o que lles quedaba e avisar ós expertos. O 21 do mesmo mes, Fermín Bouza-Brey, como Comisario provincial de Escavacións Arqueolóxicas, xunto a Manuel Lois Vidal e Benxamín Valladares Salgado, acudiron ó cuartel da Garda Civil e recoñeceron o valor histórico e arqueolóxico do achado. Ese mesmo día depositaron o tesouro no Banco de España de Pontevedra.

A noticia do achado apareceu no Boletín da Real Academia Galega nº 264, de 1942[2]. Pronto pasaron a formar parte dos fondos do Museo de Pontevedra, que hoxe os expón no Edificio Sarmiento.

Descrición[editar | editar a fonte]

Como se vendeu boa parte dos obxectos que conformaban o tesouro, resulta imposible saber con exactitude a súa composición. Polas declaracións dos descubridores suponse que podería estar formado por uns 25 kg[3], dos que se conservan 14,9 kg [4]. Das mesmas declaracións dedúcese que o que se perdeu foron lingotes, non ningunha peza singular.

O tesouro que hoxe se conserva está formado por catro tipos de obxectos:

  • Tres vasos ou xerras, cunha asa.
  • Un peite con tres semicírculos con raizames no Alto Rhin.
  • 31 lingotes anulares, un de gran tamaño (21 cm de diámetro máximo e 870 g de peso) e o resto de tamaños comprendidos entre os 13 e os 7 cm de diámetro (ou entre os 735 e os 40 g de peso). Inicialmente estes elementos foron considerados como un torque, o maior, e brazaletes os menores (función que aínda se admitía en 1998), pero agora se asume que son simplemente lingotes de ouro en forma de anel para transportar engarzados no anel de maior tamaño, que sería un portalingotes. Este remata en dous remaches planos cun burato, fórmula claramente distinta da empregada noutros torques coñecidos, e que permitían abrir e pechar o aro con facilidade. Tres destes lingotes mostran sinais de haber sido cortados e dobrados polos descubridores, é dicir, serían parte doutros lingotes-aro de maior tamaño (trátase dos máis pequenos, con pesos comprendidos entre os 40 e os 69 g de peso)
  • Seis fragmentos que formarían parte dunha lámina de tiras [5].

Recentemente se descubriu outro tesouro, este dentro da cidade, que se deu en denominar Tesouro de Caldas II, algo posterior ó principal. Está formado por un aplique cónico e 53 finas láminas enroladas en forma de pequenos tubos, que se supón proceden dun diadema de liñas que foi troceada.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. De feito, non se atopou ningún resto arqueolóxico na leira da que procede nin nas proximidades.
  2. "El tesoro de Caldas de Reyes" Arquivado 29 de outubro de 2013 en Wayback Machine., artigo no Boletín da Real Academia Galega nº 264, 1942.
  3. "Ourivería antiga", sección na web do Museo de Pontevedra.
  4. Blanco Freijeiro fala de cerca de 30 kilos e mesmo engade que poderían ser 50 kilos según otras estimaciones, sen especificar as súas fontes.
  5. Que Bouza Brey identificaba como unha jarretera.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]