Roscón de Caldas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Roscóns tradicionais de Caldas de Reis á venda nunha feira.

O Roscón de Caldas é un doce tradicional do concello de Caldas de Reis. Malia que os ingredientes son similares ao roscón (ou rosca) convencional, o método de elaboración artesán, a presentación antropomórfica e o feito de ser elaborado durante todo o ano, confírenlle unhas características propias.

Características propias[editar | editar a fonte]

O principal trazo diferenzador desta sobremesa é a presentación con dúas figuras antropomorfas: unha grande, que fai de base, e outra moito máis pequena coroando, chamada "Santiño". Para elaborar ambas, enrólanse dúas tiras alongadas de masa até que semellan dous brazos e dúas pernas. Son múltiples as interpretacións realizadas para explicar a orixe desta disposición, entre elas as que a atribúen á Natividade, mais non existe consenso na materia.

A diferenza do que é habitual nos roscóns e roscas de Pascua e Reis, amplamente difundidos nas xeografías galega e estatal, o Roscón de Caldas non posúe adornos de froita confeitada na súa receita orixinal. Unicamente se engade unha capa de ovo e de azucre sobre a masa antes do enfornado.

Malia que se preparaban durante todo o ano, as fins de semana, as vodas, o Domingo de Ramos e os días nos que se realizaba a matanza, eran os momentos máis comúns para o seu consumo. No lugar de Follente (Bemil) era costume durante a Romaría das Dores (primeira semana de setembro) a colocación dun roscón como parte da decoración do "Ramo", unha pequena estrutura de madeira con herbas, flores, froitos e demais motivos.[1] A durabilidade destas pezas permitía tradicionalmente o seu consumo ao longo de até dúas semanas.

Historia e situación actual[editar | editar a fonte]

Até mediados do século XX era habitual a súa cocción nos fornos da vila de Caldas de Reis e, cando menos, das parroquias de Carracedo e Bemil, sendo distribuídos nas panadarías locais, ou directamente elaborados para autoconsumo.

Nas últimas décadas a súa elaboración foi relegada progresivamente á venda nas panadarías e pastelarías do concello, cun risco real de perda definitiva da receita. Por ese motivo, en 1995 comezouse a celebrar a Festa do Roscón, con presenza de parte das reposteiras e hostaleiras da vila. As dificultades e os conflitos internos limitaron esta celebración, que rematou por desaparecer en 2001, 6 anos despois de iniciarse[2]. Tras algún intento esporádico de recuperar o evento[3], pódese afirmar que a tradición do Roscón de Caldas segue completamente nas mans das persoas que continúan a elaborar día tras día este doce.

O Roscón de Caldas distribúese na actualidade en media ducia de establecementos do concello, que na súa maioría realizan unha fornada semanal debido á súa durabilidade[4]. Tradicionalmente, este doce distribuíuse tamén en feiras e mercados doutros concellos da contorna, da man de resposteiras caldenses.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O patrimonio inmaterial de Bemil. Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Bemil. 2018. ISBN 978-84-948717-5-7. 
  2. "El Concello de Caldas descarta asumir la organización de la Festa do Roscón". La Voz de Galicia (en castelán). 2001-03-15. Consultado o 2021-05-07. 
  3. "EN RED El Centro de Iniciativas Turísticas de Caldas rescata la Festa do Roscón". La Voz de Galicia (en castelán). 2006-04-13. Consultado o 2021-05-07. 
  4. "«Los roscones en Caldas se hacen bien, porque secreto no hay ninguno»". La Voz de Galicia (en castelán). 2007-12-07. Consultado o 2021-05-07.