Federica de Hannover

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Federica de Hannover
Raíña consorte de Grecia
Frederika of Greece 1.jpg

Reinado1 de abril de 1947 - 6 de marzo de 1964
Nome completoFriederike Luise Thyra Viktoria Margarete Sophie Olga Cecile Isabelle Christa
(en grego: Φρειδερίκη του Αννοβέρου)
Outros títulos
    • Princesa de Hannover
    • Duquesa de Brunswick e Luneburgo
  • Nacemento18 de abril de 1917
    Blankenburg, Alemaña Alemaña
    Falecemento6 de febreiro de 1981
    Madrid, España España
    SepulturaPalacio Real de Tatoi
    PredecesorSofía de Prusia
    SucesorAna María de Dinamarca
    Cónxuxe/sPaulo I de Grecia
    Descendencia
  • Casa realCasa de Hannover
    ProxenitoresErnesto Augusto III
    Vitoria Luisa de Prusia

    Federica de Hannover, nada en Blankenburg, Alemaña o 18 de abril de 1917 e finada en Madrid o 6 de febreiro de 1981, foi a raíña consorte de Grecia desde 1947, logo de casar con Paulo I en 1938. Era princesa de Hannover e duquesa de Brunswick e Luneburgo. Foi a nai de Sofía de Grecia, actual raíña de España.

    Traxectoria[editar | editar a fonte]

    Federica naceu o 18 de abril de 1917 en Blankenburg, Harz, Alemaña. Filla de Ernesto Augusto III, Duque de Brunswick e da princesa Vitoria Luísa de Prusia, a única filla do emperador Guillerme II de Alemaña e Augusta Vitoria de Schleswig-Holstein.

    Polo seu avó materno, Federica era bisneta do emperador alemán Federico III e de Vitoria de Saxonia Coburgo Gota. Como descendente do rei Xurxo III do Reino Unido, ela, no momento do seu nacemento, ocupaba o trixésimo cuarto posto na liña de sucesión ao trono británico.

    Os reis Paulo e Federica de Grecia.
    Estandarte persoal da Raíña Federica

    Casou co príncipe Paulo o 9 de xaneiro de 1938 en Atenas. Durante parte do seu matrimonio, residiron en Psychiko, un barrio residencial de Atenas. Dez meses logo da súa voda, o 2 de novembro de 1938, naceu o primeiro dos seus fillos; Sofía, futura Raíña de España. O 2 de xuño de 1940, naceu o seu fillo Constantino. Durante a Segunda Guerra Mundial tiveron que emigrar a Creta e logo a Suráfrica, onde naceu a súa terceira filla, Irene, o 11 de maio de 1941. Posteriormente trasladáronse a Londres.

    O 1 de setembro de 1946, Grecia decidiu mediante plebiscito restaurar ao rei Xurxo II no trono. Deste xeito Paulo e Federica convertíanse en príncipes herdeiros. Un ano máis tarde, o 1 de abril de 1947, o rei Xurxo II morría, e Federica e o seu marido ascendían ao trono.

    Tras a guerra civil (1946-1949) os reis, en calidade representativa, loitaron por reconstruír un país empobrecido tras unha gran inestabilidade política. Naqueles anos, a raíña Federica impulsou en todo o país a creación dunha rede de 53 orfanatos, para acoller a orfos e a nenos de familias empobrecidas e desestructuradas pola guerra civil, procedentes na súa maioría da rexión de Macedonia.

    A principios dos anos 60, parte da opinión pública próxima á oposición empezou a reprochar á familia real os gastos suntuosos que a coroa orixinaba ao Estado, nun país cuxa recuperación económica aínda dependía en boa medida da axuda estranxeira. O rei morreu o 6 de marzo de 1964 e Federica converteuse en raíña nai do seu fillo Constantino II. Durante o reinado do seu fillo, Federica foi criticada en numerosas ocasións por inducir en exceso ao novo rei. En 1967, tras o golpe dos coroneis, Federica fuxiu de Grecia xunto á familia real despois de que fracasase o contragolpe intentado por Constantino. Federica instalouse en Roma e, posteriormente, a familia real trasladouse a Londres.

    Logo da caída da ditadura e a restauración da democracia en 1974, o goberno provisional liderado por Konstandínos Karamanlís organizou un referendum a fin de que o pobo grego pronunciásese sobre a permanencia da monarquía. Constantino prometeu entón que se volvese reinar, mantería á súa nai afastada do país e da vida política. Os partidarios da república gañaron con ampla maioría (70%), e a familia real decidiu permanecer no exilio. Federica, coa súa filla Irene, foise a vivir a Madrás, na India. Pasou longas tempadas en España, país onde reinaba desde 1975 a súa filla Sofía, sen chegar a vivir definitivamente en Madrid.

    Federica morreu o 6 de febreiro de 1981 en Madrid. Faleceu dun infarto masivo logo dunha operación por unhas acumulacións de colesterina nas pálpebras. Foi enterrada en Tatoi, en Grecia.[1]

    Predecesor:
    Sofía de Prusia
    Raíña consorte de Grecia
    19471964
    Sucesor:
    Ana María de Dinamarca

    Notas[editar | editar a fonte]