Constantino II de Grecia
Constantino II de Grecia | |
---|---|
Rei dos Helenos | |
![]() | |
Constantino II de Grecia. | |
Reinado | 6 de marzo de 1964 - 29 de xuño de 1973 (no exilio) |
Outros títulos | |
Nacemento | 2 de xuño de 1940 Psykhikó, Atenas ![]() |
Predecesor | Paulo I |
Sucesor | Fin da monarquía |
Consorte | Ana María de Dinamarca |
Descendencia | |
Casa real | Schleswig-Holstein-Sonderburg-Glücksburg |
Proxenitores | Paulo I de Grecia Federica de Hannover |
Na rede | |
http://www.greekroyalfamily.gr/en/king-konstantinos.html | |
![]() ![]() ![]() | |
Constantino II de Grecia, príncipe de Dinamarca (en grego, Κωνσταντίνος B', Βασιλεύς των Ελλήνων, Konstantinos II, Vasileus ton Ellinon), nado en Atenas, Grecia, o 2 de xuño de 1940, foi rei dos helenos entre 1964 e 1973.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Constantino é fillo do rei Paulo I e Federica de Hannover. Pertence á Casa de Schleswig-Holstein-Sonderburg-Glücksburg, tamén chamada Casa de Glücksburg, unha rama da dinastía danesa de Oldemburg. Está casado coa princesa Ana María de Dinamarca.
Na actualidade é coñecido como Constantino de Grecia, nome oficial que figura en español no seu pasaporte diplomático danés. Porén utiliza o título de xeito oficial en Dinamarca, ou por cortesía nalgúns países, de Súa Maxestade o Rei Constantino II de Grecia, Príncipe de Dinamarca. Cabe anotar que os títulos reais da familia real grega non son recoñecidos en Grecia, onde non hai títulos nobiliarios, pero son recoñecidos oficialmente en Dinamarca xa que todos os seus membros son príncipes de Dinamarca por ser descendentes do rei Cristian IX. É irmán da raíña Sofía de España e da princesa Irene de Grecia e Dinamarca.
O seu breve reinado estivo marcado pola inestabilidade política e pola Ditadura dos Conoreis. A comezos de 1967 un golpe de Estado militar depuxo ao goberno e estableceu unha xunta militar gobernamental. O xuramento de fidelidade que Constantino, como Rei e Xefe do Estado, tomou a xunta militar granxeoulle un forte resentimento popular. En decembro dese ano o rei fracasou no seu intento de derrocar a xunta cun contragolpe militar, e el e a súa familia marcharon ao exilio.
En xuño de 1973, o goberno militar depúxoo como rei, feito confirmado por un referendo nacional tras a restauración do goberno civil en 1974, significando isto a fin da monarquía en Grecia, aínda que Constantino xamais renunciou aos seus dereitos dinásticos ao trono.
Realiza frecuentes viaxes ao país para xestións inmobiliarias e familiares, estivo en litixio co goberno grego sobre a compensación a percibir despois de que este incautara as propiedades da familia real. Ten unha presenza destacada en todos os actos oficiais da realeza europea coa que está estreitamente emparentado. Durante o seu exilio de 46 anos fixou a súa residencia en Londres pero en 2013 volveu morar en Grecia.[1]
En decembro de 2021, un infarto cerebral obrigou a súa hospitalización.[2] En xaneiro de 2022 debeu ser ingresado de novo logo de contaxiarse de covid-19.[3]
Na ficción[editar | editar a fonte]
Constantino II de Grecia, no telefilme adicado á vida da súa irmá, a raíña Sofia, titulado Sofía (2010), foi interpretado na ficción polo actor Yon González.[4]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Greece's former king goes home after 46-year exile". the Guardian (en inglés). 2013-12-15. Consultado o 2022-01-12.
- ↑ "King Constantine of Greece Suffers Stroke". knews.com.cy. Consultado o 2022-01-12.
- ↑ "Constantino de Grecia está hospitalizado por covid aunque con síntomas leves". www.efe.com (en castelán). Consultado o 2022-01-12.
- ↑ Yon González
Predecesor: Paulo I |
![]() Rei dos Helenos 1964 - 1973 (exiliado desde 1967) |
Sucesor: Georgios Zoitakis |