Faustino Míguez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de marzo de 1831 Xamirás, España |
Morte | 8 de marzo de 1925 (93 anos) Xetafe (España) |
Relixión | Catolicismo |
Educación | Nosa Señora de Fátima |
Actividade | |
Ocupación | botánico, educador, farmacéutico |
Orde relixiosa | Escolápios (pt) |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 9 de febreiro |
Faustino Míguez González, en relixión Faustino da Encarnación, Sch. P., nado en Xamirás (Acevedo do Río, Celanova) o 24 de marzo de 1831 e finado en Xetafe (Madrid) o 8 de marzo de 1925[1], foi un sacerdote da Orde das Escolas Pías, fundador do Instituto Calasancio Fillos da Divina Pastora; educador e botánico, tamén foi fundador dos laboratorios Míguez. É venerado como santo pola Igrexa católica.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en 1831 en Xamirás, aldea de Acevedo do Río, no concello de Celanova, e foi bautizado co nome de Manuel. Foi o cuarto fillo dunha familia cristiá traballadora. Ao dezaseis anos marchou estudar Latín e humanidades ao Santuario da Nosa Señora dos Milagres, para facerse sacerdote. Alí estivo desde 1847 até 1850, e decidiu dedicar a súa vida ao ensino seguindo o carisma de san Xosé de Calasanz.[3]
Ingresou no noviciado dos escolapios de Madrid en 1850 e tomou os hábitos o 5 de decembro do mesmo ano, co nome de Faustino da Encarnación Sch. P. (nacera a véspera do día da Anunciación e a Encarnación do Señor). As persecucións relixiosas do goberno de Baldomero Espartero, en 1855, e o peche de seminarios coincidiron coa fin da súa formación. O mesmo ano foi ordenado diácono, e o 8 de marzo de 1856 sacerdote en San Marcos de Madrid, polo bispo de Burgos.
Foi enviado a Cuba, á casa dos escolapios, onde se formaban boa parte dos futuros mestres da entón colonia española.[4] Desde o colexio de Guanabacoa (Cuba) regresou a España en 1860, ao colexio de Madrid, Xetafe (1861) e Celanova. Foi bibliotecario do Mosteiro do Escorial e pasou polos colexios de Monforte de Lemos, onde foi reitor, e ao de Sanlúcar de Barrameda (1879). Neles foi profesor de latín, historia, álxebra, xeometría, retórica, xeografía, agricultura, física e química, historia natural, hixiene e francés. Destacou especialmente nas ciencias naturais e a súa didáctica. Publicou os libros de texto Nociones de historia natural, Nociones de física terrestre e Diálogos sobre las láminas de historia natural. Entregouse á ensinanza convencido da bondade da aprendizaxe continuada e dedicoulle especial atención aos máis pequenos e necesitados. Concibiu a escola como un lugar de encontro con Deus e como un lugar de formación da sociedade, que non é posible facer feliz e xusta mentres concibe a educación como;
a obra máis nobre, a máis grande e a máis sublime do mundo porque abraza a todo o home tal como Deus o concibiu.
Fundou o Instituto Calasancio Fillas da Divina Pastora ou Irmás Calasancias o 2 de xaneiro de 1885.
Ao mesmo tempo desenvolve a súa faceta científica. En Guanabacoa observou o uso tradicional que os seus habitantes fan das plantas para o tratamento de enfermidades e decidiu estudar de forma científica as plantas medicinais e a fitoterapia. De regreso á península, o concello de Sanlúcar de Barrameda encargoulle en 1872 a análise das propiedades das augas da localidade. Elaborou uns preparados medicinais que rexistrou en 1922 co nome de Específicos Míguez, orixe do futuro Laboratorio Míguez, dedicado á preparación de extractos de plantas medicinais, e encarou o proxecto do Instituto Calasancio.[5]
En 1888 retornou a Xetafe e permaneceu neste lugar até a súa morte, durante 37 anos. Xubilado como mestre, seguiu a súa actividade científica e como director espiritual. Morreu aos 94 anos en Xetafe en 1925.
Veneración
[editar | editar a fonte]O 25 de outubro de 1998 o padre Faustino Míguez foi beatificado na praza de San Pedro da Cidade do Vaticano polo papa Xoán Paulo II, nun proceso que comezara en 1953. O Colexio Divina Pastora de Xetafe instalou un museo dedicado ao fundador, que recolle a súa traxectoria e a súa obra. O 15 de outubro de 2017 foi canonizado na praza de San Pedro da Cidade do Vaticano polo papa Francisco.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "P. Faustino Míguez". Instituto Calasancio Hijas de la Divina Pastora (en castelán). Consultado o 2024-10-24. Carácter guión suave en
|título=
na posición 15 (Axuda) - ↑ "Faustino Miguez, Santo". Catholic.net (en castelán). Consultado o 2024-10-24.
- ↑ "San Faustino Míguez | Real Academia de la Historia". Consultado o 2023-06-16.
- ↑ "San Faustino Míguez" (en castelán). 2021-11-25. Consultado o 2023-06-16.
- ↑ "P. Faustino Míguez" (en castelán). Consultado o 2023-06-16. Carácter guión suave en
|título=
na posición 15 (Axuda) - ↑ "El Papa aprueba el milagro para hacer santo al sacerdote español Faustino Miguez" (en castelán). 2016-12-22. Consultado o 2023-06-16.