Evaristo González Pérez
Evaristo González Pérez | |
---|---|
Nome completo | Evaristo González Pérez |
Alcume | Rocesvinto |
Nacemento | 1916 |
sen etiquetar | |
Falecemento | 20 de abril de 1949 |
Chavaga, Monforte de Lemos | |
Nacionalidade | España |
Ocupación | membro da resistência |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Evaristo González Pérez, Rocesvinto, nado en Dragonte (Corullón) en 1916 e finado en Chavaga (Monforte de Lemos) o 20 de abril de 1949, foi un guerrilleiro antifranquista.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Ao inicio da Guerra Civil fuxiu ao monte, pero chegou a un pacto para volver, co cal se afiliou á Falange e incorporouse ao exército sublevado. Mais, desertou para unirse ao Exército da República. Cando rematou a guerra foi detido e sometido a consello de guerra, condenado a morte, conmutáronlle a pena pola de 30 anos. Fuxiu da cadea xunto con outros tres reclusos o 30 de setembro de 1942 e integrouse na Federación de Guerrillas de León-Galicia, na que chegou a ser dirixente da tendencia comunista. Foi un dos sete guerrilleiros que foron rodeados en Sobrado en outubro de 1943.
O 21 de outubro de 1945 presentouse en Dragonte con outros catro guerrilleiros e mataron o párroco Rocesvinto Ruiz (de onde tomaría o seu apelativo) e outros catro veciños.
En 1946 seguindo a táctica dos comunistas, encabezou a liña secesionista que rompeu coa Federación o 18 de agosto, abandonando a maior parte dos militantes e simpatizantes do PCE a zona de León para concentrarse en Ourense.
En 1949, foi nomeado xefe do sector lucense da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, denominado destacamento Santiago Carrillo. O 20 de abril varios guerrilleiros e enlaces foron rodeados en dúas casas nas aforas da aldea do Piricallo na parroquia de Chavaga (Monforte de Lemos). Loitaron varias horas, e finalmente morreu Rocesvinto, resultando apresada a súa compañeira Luisa López Centeno. Outros tres guerrilleiros (Guillermo Morán García, Gregorio Colmenero Fernández e Julián Acebo Alberca) e dous enlaces morreron tamén nos combates.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Serrano, Secundino (2001). Maquis. Historia de la guerrilla antifranquista. Madrid: Temas de Hoy. ISBN 84-8460-103-X.