Saltar ao contido

Estrela da Mañá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Estrela da mañá»)
Modelo:BiografíaEstrela da Mañá
Nome orixinal(chy) Vóóhéhéve Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1810 Editar o valor en Wikidata
Montana, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Morte1883 Editar o valor en Wikidata (72/73 anos)
Lugar de sepulturaLame Deer Cemetery (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
OcupaciónXefe tribal Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoDull Knife Fight (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

WikiTree: Cheyenne-14 Find a Grave: 7951097 Editar o valor en Wikidata

Vóóhéhéve,[1] máis coñecido como Estrela da Mañá (tradución do inglés Morning Star), nado c. 1810 nalgún lugar do val do río Rosebud, Montana,[2] e finado en 1883,[3] foi un gran xefe dos cheyenne do norte durante o século XIX. Fíxose notar pola súa activa resistencia á colonización do Oeste e contra o Goberno Federal dos Estados Unidos de América. É debido á coraxe e determinación de Estrela da Mañá e outros líderes cheyennes que os cheyennes do norte aínda posúen terras no seu territorio tradicional (hoxe en día Montana).

O seu nome en lingua cheyenne era Vóóhéhéve, pronunciado [voː.hɪ.hɪv],[4] que significa Estrela da Mañá (en inglés: Morning Star).[1] Porén, foi máis coñecido como Tamílapéšni (pronuncia lakota [ta.mɪ.la.peʃ.nɪ]), o nome que lle deron os seus aliados lakota,[5] co significado de Coitelo Desafiado (en inglés: Dull Knife).[6]

Coiote Pequeno e Estrela da Maña.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

En 1868, Estrela da Mañá representou á súa tribo na sinatura do Tratado de Fort Laramie.[2][7][8]

Posteriormente, aliouse cos lakota e outras tribos contra os Estados Unidos na gran guerra síux de 1876, que levou á derrota do xeneral Custer na Batalla de Little Bighorn en 1876. Logo da batalla os indios dispersáronse, e os cheyennes dividíronse en dous grupos, descoñecéndose durante moito tempo a situación do campamento de Estrela da Mañá,[9] que estaba entón nas Montañas Bighorn. Cando finalmente foi atopado, o 25 de novembro de 1876, os soldados americanos ao mando de Ranald S. Mackenzie destruírono por completo.[3] Os cheyennes pasaron entón o inverno no campamento de Cabalo Tolo no río Powder, e na primavera de 1877 rendéronse.[10] A maioría deles foron trasladados ao Territorio Indio de Oklahoma.

Por mor das febles poboacións de bisontes no sur, e incapacitados para cazar, a tribo padeceu fame e doenzas. A situación durou un ano, até setembro de 1878, cando Estrela da Mañá comezou a levar á tribo de volta ao norte, cara ás súas terras natais en Montana.[3][10]

Loitando a través de Kansas, os cheyennes foron capaces de evitar o exército federal até que foron capturados preto de Fort Robinson, en Nebraska. O 8 de xaneiro de 1879, a tribo tentaba escapar ó norte cando moitos dos cheyennes, maioritariamente mulleres e nenos, foron asasinados polo exército federal. Non obstante, unha pequena parte da tribo, incluíndo a Estrela da Mañá, conseguiu fuxir.

Estrela da Mañá morreu de causas naturais en 1883[2] e foi queimado nunha gran pira preto do río Rosebud, mirando á terra onde quedou a maioría do seu pobo.

A Reserva india dos Cheyennes do Norte, na esquina inferior dereita do mapa.

Como era común entre os indios das grandes pradarías, Estrela da Mañá tivo dúas mulleres. A primeira delas foi unha muller pawnee, chamada simplemente Muller Pawnee (Pawnee Woman), que capturara aos pawnee, e quen lle deu catro fillas e un fillo. A súa segunda muller foi A Pequena (Short One), con quen tivo tres fillos varóns e tres fillas máis.[11]

Un ano logo da súa morte, o 26 de marzo de 1884, o Goberno dos Estados Unidos de América estabeleceu de xeito oficial unha parte do territorio de Montana, a Reserva india dos Cheyennes do Norte, como fogar dos cheyennes do norte.[2]

En 1975 foi creado en Lame Deer, Montana o Chief Dull Knife College, unha institución de ensino superior que leva o seu nome pola importancia de Estrela da Mañá como xefe e líder do seu pobo. Entre as diferentes titulacións que ofrece, destacan os estudos en lingua e culturas cheyennes.[12]

  1. 1,0 1,1 Segundo a ortografía do cheyenne estandarizada. Wayne Leman, Marie Sanchez, Leroy Pine Sr (2013). Lulu Enterprises Incorporated, ed. Cheyenne Dictionary. ISBN 9781847287069. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Starita, 2004, p. 572.
  3. 3,0 3,1 3,2 Palmer, 2011, p. 246.
  4. As vogais en posición final vólvense xordas en cheyenne.
  5. Os documentos cítano como Tah-me-la-pash-me; de ta (seu) + míla (gran coitelo) + péšni (desafiado).
  6. Eugene Buechel SI, Paul Manhart SI (edición) (2002). University of Nebraska Press, ed. Lakota Dictionary: Lakota-English/English-Lakota. ISBN 9780803261990. 
  7. "Treaty with the Northern Cheyenne and Northern Arapaho". 1868. Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2012. Consultado o 15 de abril de 2014.  (Imaxe do tratado coa sinatura de Estrela da Mañá (Tah-me-la-pash-me) Arquivado 01 de marzo de 2013 en Wayback Machine.).
  8. Tratado recompilado en: Charles Joseph Kappler (1904). U.S. Government Printing Office, ed. Indian Affairs: Treaties. p. 1015. 
  9. Bird, 1983, p. 359.
  10. 10,0 10,1 Bird, 1983, p.398.
  11. Starita, 2002, p. 73.
  12. "Chief Dull Knife College" (en inglés). Consultado o 19 de abril de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]