Estadio Aldo Cantoni

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Estadio Aldo Cantoni é un estadio cuberto da cidade de San Juan (Arxentina). O Aldo Cantoni está situado nas inmediacións do Parque de Mayo, ao lado do chamado Estadio Abierto (en galego Estadio Aberto) que conta cun campo de fútbol, pista de atletismo e velódromo, neste estadio dispútanse partidos de hóckey a patíns, voleibol, baloncesto, fútbol sala ou tenis entre outros, amais de acoller outros eventos do eido cultural. Ten capacidade para 5.528 espectadores.

Historia[editar | editar a fonte]

O Estadio Aldo Cantoni construíuse a finais da década dos '50 dentro do proxecto de reconstrución da cidade, aínda que non se inaugurou ata os anos '70 con motivo do XIX Campionato do Mundo de hóckey a patíns. Porén, ese ano tamén se produciron as primeiras reformas da construción orixinal, tales como a reparación da pista de patinaxe, a habilitación de oito vestiarios e a reforma total das plateas altas, colocando butacas máis confortables (ocupadas daquela por autoridades e delegacións).

En 1978 o estadio acolleu novamente o Mundial de hóckey a patíns, mais desta vez cunha cota extra de esforzo, xa que un ano antes, a cidade de San Juan sufriu o segundo sismo máis demoledor do século que afectou notablemente á cidade. O estadio tamén se viu afectado: as columnas que sosteñen o teito víronse seriamente danadas e foi declarado lugar inhabitable. Grazas ao esforzo conxunto das autoridades provinciais e nacionais, conseguiuse licitar e reparar a tempo o estadio, podendo levarse a cabo finalmente o XXIII Campionato do Mundo de hóckey a patíns, proclamándose Arxentina campioa por primeira vez na súa historia.

Contra 1989 o Aldo Cantoni sufriu unha nova remodelación da pista acorde coas novas regulamentacións. Desta vez o piso tiña 20 m de ancho e 40 m de longo. Amais, a súa cuberta foi substituída con baldosóns graníticos de 40X40, reducindo así as cantidades de xuntas. Tamén os corredores perimetrais foron elevados en relación ao nivel do terreo. Así mesmo, trocouse o lugar destinado ás autoridades, abriuse un novo portón para facilitar o acceso e os baños foron reacondicionados, ademais da mellora da iluminación e outros detalles menores.

O ano 2001 marcou un antes e un despois para San Juan, tanto no organizativo como no edificio. O estadio foi completamente remodelado pola Subsecretaría de Deportes da Provincia, adaptándoo aos novos requirimentos internacionais no referente ás dimensións e superficie da pista, comodidades para a prensa, cabinas especiais para a retransmisión por radio e televisión, accesos para o público, iluminación e comodidade dos espectadores.

Características[editar | editar a fonte]

O Estadio Aldo Cantoni conta con catro vestiarios para xogadores con acceso directo ao campo de xogo e á porta do recinto, un vestiario para árbitros, unha sala médica, unha sala de prensa equipada con 20 ordenadores para uso exclusivo dos xornalistas con conexión permanente a internet e fax, unha sala de conferencias de prensa con sistema de son e paso para xornalistas dende a sala de prensa e zona de cabinas, 16 cabinas para retransmisións por radio e televisión con liñas telefónicas e acceso a internet, unha sala VIP con pase directo a palcos, unha sala de equipamento técnico, unha sala privada-set de televisión para entrevistas personalizadas e unha confeitaría para uso exclusivo das delegacións, xornalistas e autoridades.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]