Escola de música e baile tradicional Abertal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Escola de Música e baile tradicional Abertal é unha das actividades da asociación cultural sen ánimo de lucro do mesmo nome que ten a súa base no concello da Rúa. Ten por obxectivo o mantemento e recuperación da tradición musical galega e o seu ensino ás seguintes xeracións. Ten sobor de 80 alumnos da comarca valdeorresa que aprenden diferentes disciplinas: tambor, bombo, gaita, canto, baile, acordeón e pandeireta. Dela saen os compoñentes da Agrupación Abertal, banda de gaitas do mesmo concello.

Historia[editar | editar a fonte]

Actuación de fin de curso de 2011, no Centro Cultural Avenida da Rúa.

Nace en 1989 da man de Manuel Anxo Durán Blanco, cos seguintes principios fundacionais que manteñen até a actualidade: "recuperar, conservar e divulgar esta parte tan importante da nosa cultura, transmitindo, a través do ensino, o legado cultural que nos deixaron os nosos antergos." Este valdeorrés de Anguieiros (Quiroga) retorna de facer a súa vida en Barcelona para establecerse na Rúa. Entendendo que a tradición musical galega estábase a perder na comarca decide ofrecerse voluntario ao concello para dar clases de Gaita.

Dende aquela a agrupación e a escola non pararon de crecer. Actuacións foron moitas e moi diversas, como varios programas de televisión, na CRTVG e en RTVE ademais de dous programas de Lume na Palleira da Radio Galega. Actuaron por toda Galicia, en Madrid, Cantabria, Castelas, País Vasco, País Valenciano e norte e centro de Portugal, as cidades francesas de Grasse (Costa Azul) e Campan (Alto Pireneo) e en formato quinteto en Bournemouth (Inglaterra).

Portada do terceiro traballo de Abertal

O froito dese traballo recóllese no ano 2001 coa gravación dun CD, que leva por título o mesmo nome da agrupación, Abertal.[1]. Este traballo foi posible grazas á participación de Xaquín Xesteira como profesor durante este período, facendo os arranxos e produción do CD.

Doutra banda, tamén as pandeireteiras de Abertal participaron na gravación doutro CD compartido, co título Esta noite hai un serán. Así mesmo todo este traballo se viu recompensado co premio á mellor agrupación galega outorgado polo programa Luar da CRTVG nos anos 2001-2002.

Unha parella de bailadores da agrupación foi Subcampioa do concurso Vai de Baile do programa Luar no 2007.

En 2009 edítase o segundo traballo discográfico titulado No Forum Gigurrorum,[2] que tamén inclúe un DVD cun documental titulado Espírito Abertal, conmemorativo do XX Aniversario. Neste mesmo ano, recibe o Premio O Recuncho da Palleta[3] do programa Lume na Palleira de Radio Galega; tamén neste mesmo ano, o 29 de abril, emitiuse un programa adicado a Abertal e Manuel Durán (coma director e fundador) dentro da programación da Televisión de Galicia no programa Alalá.

En 2019, co gallo do 30 aniversario, editan o seu terceiro traballo titulado: "Co Noso Acento, seis lustros no corazón de Abertal". Un libro-CD no que se conta a historia de Abertal. O traballo fonográfico contén pezas dos outros traballos e outras novas.

A agrupación conta co seguinte grupo de profesores:

  • Oscar Guerra (Gaita e director da banda)
  • Manuel Cobas (baile, pandeireta e canto tradicional)
  • Xilda Durán (percusión)
  • Suso (Acordeón)

Foron mestres desta escola:

  • Manuel Durán (gaita, pandeireta e canto coral), tamén foi membro do grupo folk Tornaxeira. Actualmente presidente da asociación.
  • Mabel Rodríguez (baile)
  • Montserrat Rivera (baile, pandeireta e canto tradicional) e membro do grupo Leilía
  • Xaquín Xesteira (gaita e percusión e canto coral), integrante de diversas agrupacións, de entre as que destaca Treixadura
  • Manuel Olegario (acordeón)

As modalidades impartidas nesta agrupación son gaita, percusións, pandeireteiras e cantareiras, canto coral, acordeóns, baile tradicional e cantos de taberna.

Notas[editar | editar a fonte]