Escola Universitaria Politécnica de Ferrol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°29′59″N 8°14′39″O / 43.49976, -8.2442798333333

Escola Universitaria Politécnica

Edificio da Escola Universitaria Politécnica
Universidade: Universidade da Coruña
Localización: Ferrol
Campus: Campus de Serantes
Enderezo: Avda. 19 de Febreiro s/n. 15405
Ano de fundación: 1972
Decano: Manuel Ángel Graña López (director)
Docentes: 72 + 16 (Persoal administrativo e de servizos)
Estudantes:
Teléfono: 981 337 400
Correo electrónico: secretaria.eup@udc.es
Páxina web: https://www.udc.es/eup/

Os estudos de Enxeñaría Técnica Naval créanse por orde ministerial de decembro de 1963. As orixes da Escola Universitaria Politécnica de Ferrol en Serantes están no Instituto Concepción Arenal de Ferrol xa que entón non había outro edificio dispoñible.

Historia[editar | editar a fonte]

O edificio actual en Serantes da Escola Universitaria Politécnica inaugúrase en 1972 para acoller os estudos de Enxeñaría Técnica Naval, no curso 1972-73 iniciaron estudos os primeiros titulados de peritos navais. A construción do edificio orzouse en 35 600 000 pesetas e o arquitecto encargado da redacción do proxecto foi D. F. García-Escudero y Torroba.

Nos anos oitenta faise a transformación da Escola de Enxeñeiros Técnicos Navais en Escola Universitaria Politécnica (EUP) coa incorporación dos estudos de Enxeñería Técnica Industrial. A EUP foi creada pola Xunta de Goberno en novembro de 1987, recibiu informe favorable do Consello de Universidades en abril de 1988 e a creación da EUP pola Xunta de Galicia foi publicada no DOG do 19 de agosto de 1988. No curso 1988-89 iniciáronse os estudos do primeiro curso de Enxeñería Técnica Industrial en Electricidade, especialidade en Automática e Electrónica. Posteriormente a Xunta de Escola de xuño de 1989 solicitou a especialidade de Centrais e Redes, que foi aprobada pola Xunta de Goberno da Universidade en marzo de 1990.

En xaneiro do 1990 a Escola de Serantes, co total do seu profesorado, foi transferida por Decreto da Xunta de Galicia á Universidade da Coruña. Ata entón a Escola dependía da Universidade de Santiago de Compostela.

Desde entón e ata estes días realizáronse diversas ampliacións, modificacións e melloras no Centro fundamentalmente para dar capacidade ás novas demandas de laboratorios e espazo para o alumnado. Transformouse o ximnasio en aula magna, melloras nas instalacións de tódolos departamentos, a ampliación de aulas e despachos na zona do corredor entre o edificio central e a zona de obradoiros, o pintado e subdivisión da zona de obradoiros, creación das aulas CAD, aula NET e distintos laboratorios de Electricidade e Electrónica, instalación do servizo contraincendios ou escaleiras de emerxencia. Mellora de todo o mobiliario das aulas, ampliación da biblioteca e a cafetería, servizo de reprografía e salón de actos.

En 1993 créase no Campus de Esteiro a Escola Politécnica Superior primeiro para impartir estudos para enxeñeiro naval e máis tarde tamén de enxeñeiro industrial.

En conformidade co disposto no apartado 2 do artigo 10 do Real decreto 1497/1987 de 27 de novembro, a Escola de Serantes comezou no ano 96 a renovación dos Planos de Estudo para os adaptar ás novas titulacións e homologacións cos da CE e así ao longo do ano 1998 fóronse publicando os acordos do Consello de Universidades homologando os Planos de Estudo conducentes ás titulacións oficiais de Enxeñeiro Técnico Industrial en Electricidade, Enxeñeiro Técnico Industrial en Electrónica, Enxeñeiro Técnico Naval en Estruturas Mariñas e Enxeñeiro Técnico Naval en Propulsión e Servizos.

Departamentos da EUP[editar | editar a fonte]

  • Computación
  • Filoloxía Inglesa
  • Física
  • Enxeñería Industrial
  • Enxeñería Industrial II
  • Matemáticas
  • Química Analítica
  • Enxeñería Naval e Oceánica

Titulacións[editar | editar a fonte]

  • Grao en Enxeñería Electrónica Industrial e Automática
  • Grao en Enxeñería Eléctrica
  • Enxeñería Técnica Naval especialidade en Propulsión e Servizos do Buque (plan antigo)
  • Enxeñería Técnica especialidade en Estruturas Mariñas (plan antigo)
  • Enxeñería Técnica Industrial especialidade en Electricidade (plan antigo)
  • Enxeñería Técnica Industrial especialidade en Electrónica Industrial (plan antigo)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]