Empanadilla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Prato de empanadillas fritidas no que pode apreciarse a textura crocante da masa exterior (coa típica formación de burbullas durante a súa fritura).
Unha cornish pasty (empanadilla de Cornualles, no sur de Inglaterra)
Empanadillas fritidas prontas nunha fonte.
Tapa de empanadillas conxeladas.

A empanadilla[1] é unha empanada pequena de forma semicircular e que se prepara frixíndoa ou cocéndoa no forno[2]. É típico da cociña galega así como doutras moitas zonas do mundo, con diferentes variantes.

Adoita facerse cunha masa rechea de carne, atún ou outros ingredientes en forma de torta que posteriormente se frixir en aceite a ferver ou, como no caso da empanada, métense no forno. No resto de España a empanadilla acostuma ser só a frita, mais en Galicia é común atopalas de masa no forno (masa de pan ou de follado.) Nos bares galegas son comúns como tapas, feitas cunha masa semellante ás chulas fritidas en aceite a ferver e recheas de todo tipo de ingredientes, sendo o máis habitual a carne picada. Nos supermercados e tendas de conxelados atopamos unha versión prefabricada de empanadillas pequeniñas recheas de atún con tomate. As empanadillas fritas adoitan ter unha textura corcante que contrasta coa moleza do miolo. Acostuman servirse frías, mais hai zonas onde se serven quentes e incluso con mollos.[3]

Características[editar | editar a fonte]

A empanadilla é un alimento recheo xeralmente dun contido salgado (carne picada, polo, bonito, xoubas ou atún por regra xeral con algunha verdura crúa ou en vinagre, un ovo duro picado) nalgúns casos con salsa de tomate (non en Galicia) ou de doce (pode ser pataca doce, pataca, noz, marmelo etcétera) como poden ser os casadielles da cociña asturiana. Existen tamén empanadillas vexetarianas hoxe en día, de cogomelos, algas, queixos etc.

A masa elabórase en forma de torta dun diámetro aproximado de 12 cm e sélase por regra xeral cos dentes dun garfo nas fritidas ou dobrando a masa coma nas empanadas nas cocidas no forno.

Na literatura galega[editar | editar a fonte]

Como receita tipicamente galega, a empanadilla aparece en documentos en galego xa dende comezos do século XIX. Nun texto anónimo de 1807 aparece nomeada:

  • e un sabor que gorentaba : tamén mercara rusquillas , biscoitos , e empanadillas, e unas que viñan en agua que eran como sirigüelas ; pro pra min estas non eran , que metín una na boca e huben de botar os fígados: en fin caixas , e caixós , atacados de papeles e outras moitas endrómenas que non sei como lle chaman....

Aparecen tamén nun texto de 1858 de Juan Manuel Pintos da súa obra Contos da aldea que parecen historias da vila e historias da vila que parecen contos de aldea:

  • Esta tarde unha merenda teremos farta e comprida en Lérez que é boa terra que din a carabuñiña ; Levaremos unha cesta con boas empanadiñas[4] mexida a masa en manteiga con ovos ben remexida ; Serán dos fornos que teñan máis fama dentro da Vila e levarán as súas letras repinicadas enriba ; De raxo color de tella co seu pimentón que pica será unha que resenda pola parroquia ó abrí-la ; Outra de unha boa parexa de polos de papo arriba azafranados que metan os pescozos na barriga outra.[5]

Variantes noutros países[editar | editar a fonte]

  • Pasty (empanadillas británicas, semellantes ás galegas. As máis coñecidas son as Cornish pasty, empanadillas de Cornualles)
  • Bridie (empanadillas de carne escocesas).
  • Lörtsy (empanadillas de carne finlandesas).
  • Fleischkuekle (empanadillas de carne alemás)
  • Chiburekki (empanadillas de carne e cebola rusas e ucraínas)
  • Haliva (empanadillas principalmente de queixo do Cáucaso)
  • Paste (empanadillas mexicanas)
  • Khuushuur (empanadillas de carne de Mongolia)
  • Curry puff (especie de empanadilla de carne con curry do sueste asiático)
  • Samosa e aloo pie (especies de empanadillas de forma triangular fritidas e recheas de carne finamente picada e moi especiada, do sur de Asia: India, Paquistán e Tíbet).
  • Pastilla (especie de empanadillas de carne de pomba marroquinas)
  • Quijadilla, empanadilla que se elaborou noutrora en España, de orixe ladina, que se facían no forno.[6]
  • Empanadillas arxentinas, especialmente na rexión do norte, adóitanse elaborar a base de doce de pataca doce caseiro e bañadas en glasé.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome galego do alimento en Dicionario de alimentación e restauración, VV. AA. (2012) Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. Definición en Portal das palabras da RAG.
  3. Rafael Aguirre Ruiz, Conceptos básicos sobre cocina: Principios culinarios, Editorial Limusa, 1998, ISBN 968-18-5507-8
  4. O termo aparece como empanadiña en moitas referencias bibliográficas galegas, quizais un hipergaleguismo
  5. Entrada empanadilla no Tesouro Informatizado da Lingua Galega, da Universidade de Santiago de Compostela.
  6. Manuel Alvar, El Ladino, judeo-español calco: Judeo-español calco, Real Academia de la Historia, 2000, ISBN 84-89512-53-1

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]