Emberiza pusilla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Emberiza pusilla é unha ave paseriforme que pertence á familia Emberizidae. É asiática e algunhas aves errantes poden chegar a Europa, incluída Galicia.[2]

Nome[editar | editar a fonte]

En galego ténselle dado a esta ave na literatura zoolóxica os nomes de escribenta pigmea[3] e escribenta anana,[2] pero o dicionario da Academia non acepta a palabra escribenta para os paxaros emberícidos, senón escribente (feminino)[4] ou escribidora[5]. No dicionario DiGalego só se acepta escribente (masculino).[6]

O nome do xénero Emberiza vén da palabra do alemán antigo Embritz, que era o nome que se lle daba alí a estas aves.[7] O nome específico pusilla en latín significa 'moi pequeno'.[7]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Foi descrita inicialmente por Peter Simon Pallas en 1776 e é unha especie monotípica,[8] sen variacións ao longo da súa extensa área de distribución euroasiática.[9]

Descrición[editar | editar a fonte]

É un pequeno emberícido, que mide só de 12 a 14 cm de lonxitude.[8] Ten un dorso marrón moi veteado e partes inferiores brancas cun fino veteado negro. Pola súa face castaña e banda malar branca, lembra unha pequena femia de escribente das canaveiras, pero diferénciano as bandas negras do píleo, o anel ocular branco e a beira fina negra da parte posterior das meixelas castañas. Os sexos son similares.

A chamada é un distintivo zik, e a canción é un vibrante siru-sir-sir-siru.

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Esta ave cría na taiga do extremo norte de Europa e norte de Asia. É unha ave migratoria, que inverna nos subtrópicos no norte da India, sur da China e parte norte do sueste asiático.[9] As aves permanecen nos seus cuarteis de inverno durante moito tempo; recolléronse exeplares en Yunnan a finais de marzo.[10] Aparece como ave errante rara no oeste de Europa,[9] e en Galicia está considerada como unha ave accidental rara.[2] Esta especie é adaptable; nas montañas de Bután por exemplo, onde inverna un pequeno número delas, atópase normalmente en hábitats agrícolas, maiormente entre os 1000 e 2000 m de altura.[11]

Reprodúcese en bosques de coníferas abertos, a miúdo con algúns bidueiros ou salgueiros. Poñen de catro a seis ovos nun niño feito nas árbores. A súa comida natural consiste en sementes ou, cando están alimentando as crías, insectos.

E. pusilla.

A especie é común e ten unha ampla área de distribución, polo que non é considerada especie ameazada na Lista Vermella da IUCN.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Emberiza pusilla". Consultado o 26 November 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  3. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escribente.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escribidora.
  6. Definición de Emberiza pusilla no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  7. 7,0 7,1 Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London, United Kingdom: Christopher Helm. p. 145. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  8. 8,0 8,1 Byers, Olsson & Curson (1995), p. 154.
  9. 9,0 9,1 9,2 Byers, Olsson & Curson (1995), p. 156.
  10. Bangs, Outram (1932). "Birds of western China obtained by the Kelley-Roosevelts expedition". Field Mus. Nat. Hist. Zool. Ser. 18 (11): 343–379. 
  11. Inskipp, Carol; Inskipp, Tim; Sherub (2000). "The ornithological importance of Thrumshingla National Park, Bhutan" (PDF). Forktail 16: 147–162. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de agosto de 2014. Consultado o 23 de febreiro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliogaría[editar | editar a fonte]

  • Byers, Clive; Olsson, Urban; Curson, Jon (1995). Buntings and Sparrows: A Guide to the Buntings and North American Sparrows. Mountfield, East Sussex, UK: Pica Press. ISBN 1-873403-19-4. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]