Elevador de Bom Jesus
O Elevador do Bom Jesus é unha liña de ferrocarril situada no Santuario do Bom Jesus do Monte, na freguesía de Tenões (Braga, Portugal).
Operado pola Confraría do Bom Jesus do Monte, comunica a parte alta da cidade co Santuario, superando un desnivel de máis de cen metros de altura. Segue un percorrido paralelo á Escaleira do Bom Jesus e remata, na parte máis alta, xunto á estatua ecuestre de São Longuinho. Foi o primeiro funicular construído na Península Ibérica. Actualmente é o máis antigo do mundo en servizo que utiliza o sistema de contrapeso de auga.
O 23 de maio de 2013 foi declarado Monumento de Interese Público polo goberno da República Portuguesa.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Foi construído por iniciativa do empresario bracarense Manuel Joaquim Gomes. Tiña como obxectivo substituír a liña dos Carris de Braga (vehículos sobre carrís tirados por cabalos), que orixinariamente se prolongaba ata o santuario. Nos días de moita actividade a tracción era complementada por bois na forte subida.[2]
O autor do proxecto foi o enxeñeiro suízo Niklaus Riggenbach. Este enviou dende o seu país todas as indicacións necesarias para a execución do proxecto e a instalación do equipamento. As obras comezaron en marzo de 1880, coa supervisión e a colaboración técnica do enxeñeiro portugués de ascendencia francesa Raul Mesnier du Ponsard.[2] Os vagóns foron construídos en Suíza pola empresa SLM.[3]
A inauguración tivo lugar o 25 de marzo de 1882. O seu éxito levou a que ese mesmo ano se crease en Lisboa a Companhia dos Ascensores. Esta convidou a Mesnier a deseñar e instalar na cidade unha serie de funiculares, algúns dos cales aínda están en marcha.
A campaña de reparacións de 1946 utilizou material procedente do desmantelamento do Caminho de Ferro do Monte, na cidade de Funchal (Madeira).[2]
Características
[editar | editar a fonte]Funciona sobre unha rampla formada por dúas cabinas independentes, conectadas por un sistema de funicular con contrapeso de auga.[3] Cada vagón ten un depósito que se enche de auga cando está no nivel superior e se baleira no nivel inferior. Así, a diferenza de peso permite o desprazamento. A cantidade de auga calcúlase segundo o número de pasaxeiros nos vagóns en cada viaxe.
- Distancia: 274 m
- Nivel: 116 m
- Pendente: 42%
- Tempo de viaxe: 2,5 - 4 min. (segundo o número de pasaxeiros)
- Velocidade media: 1,2 - 1,8 m/s
Liña
[editar | editar a fonte]- Liña do elevador: dúas vías paralelas, cada unha con dobre carril e cremalleira central.
- Largo de vía: 1435 mm (largo internacional)
Cable
[editar | editar a fonte]- Ano de substitución do cable: 1956
- Lonxitude do cable de aceiro : 300 m
- Diámetro: 38 mm
- Peso: 1.500 kg
Vagón
[editar | editar a fonte]- Peso do vagón: 5.000 kg
- Capacidade por vagón: 38 persoas (30 sentadas)
- Capacidade do depósito de auga: 5850 l
Horario de funcionamento
[editar | editar a fonte]- Verán: 8:55-19:55 h
- Inverno: 8:55-12:55 e 13:55-17:55
- Viaxes diarios cada 30 minutos[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ República de Portugal (23 de maio de 2013). "Portaria n.º 305/2013" (PDF). Diário da República (en portugués) (99): 16433.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Do Pombal ao Bom Jesus de Braga". Jornal da Madeira (en portugués). 8 de setembro de 2007. Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2011. Consultado o 11 de xullo de 2023.
- ↑ 3,0 3,1 Gonçalves, Joaquim (2005). "Elevador do Bom Jesus do Monte". SIPA (Sistema de Informação para o Património Arquitetónico (en portugués).
- ↑ "Informações". Confraria do Bom Jesus do Monte (en portugués).