Santuario do Bom Jesus do Monte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Santuario do Bom Jesus do Monte
Igrejabomjesusbraga.JPG
Fachada da igrexa do Bom Jesus
Datos xerais
TipoIgrexa
AdvocaciónSeñor Bom Jesus (Xesús Cristo)
Coordenadas41°33′17″N 8°22′39″O / 41.5546, -8.3775Coordenadas: 41°33′17″N 8°22′39″O / 41.5546, -8.3775
Culto
CultoCatólico
DioceseBraga
Arquitectura
Construción1784 - 1834
EstiloNeoclásico, Barroco
editar datos en Wikidata ]
Escaleiras e igrexa do Bom Jesus do Monte.

O Santuario do Bom Jesus do Monte (ou Santuario do Bo Xesús de Braga) é un santuario construído a finais do século XVIII, que se localiza na freguesía de Tenões (dende 2013 fusionada na de Nogueiró), na cidade, concello e distrito de Braga, en Portugal. Trátase dun santuario católico dedicado ao Senhor Bom Jesus (advocación portuguesa de Xesús Cristo).

O santuario é un exemplo notábel de peregrinación. A súa característica máis prominente son as súas escaleiras monumentais barrocas, que salvan un desnivel de 116 metros e onde se desenvolve a Vía Sacra do Bom Jesus, unha área forestal (Parque do Bom Jesus), algúns hoteis e un funicular (Elevador do Bom Jesus). É unha importante atracción turística da cidade de Braga.

Foi elevado a basílica menor o 5 de xullo de 2015.[1]

A súa peculiar disposición serviu de inspiración para outras construcións, como por exemplo o Santuario de Nosa Señora dos Milagres en Baños de Molgas (Ourense), o Santuario de Nossa Senhora dos Remédios en Lamego, e o Santuario do Bom Jesus de Matosinhos na cidade de Congonhas, en Minas Gerais, no Brasil.

O 20 de xullo de 2015, foi presentada a candidatura do Bom Jesus a Patrimonio Mundial da Humanidade na Comisión Nacional da Unesco.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Disque a primitiva ocupación deste sitio remóntase ao inicio do século XIV, cando se tería erguido unha cruz monumental no alto do monte Espinho. No ano 1373 xa se menciona unha ermida no lugar, so a invocación da Santa Cruz. Esta ermida estaría anexa á parroquia de Tenões.

Local de devoción e peregrinación das xentes da rexión de Braga, en 1494 foi erguida unha segunda ermida, por iniciativa do entón Arcebispo de Braga, Jorge da Costa, conforme atestan as armas dese prelado, encontradas durante as obras emprendidas en 1839.

Unha terceira ermida foi erguida en 1522 por iniciativa do deán da Sé de Braga, João da Guarda, período no que se rexistrou un aumento da devoción no lugar.

En 1629 un grupo de devotos constituíu a Confraría do Bom Jesus do Monte, sendo edificada unha capela onde foi colocada unha imaxe de Cristo Crucificado, alén de casas para abrigo dos romeiros, e as primeiras capelas dos Pasos da Paixón, baixo a forma de pequenos nichos, dedicados aos episodios da Deposición da Cruz, da deposición no túmulo, da Resurrección e da Ascensión. Foi nomeado o primeiro eremitán, Pedro do Rosário.

A partir de 1722, o entón arcebispo de Braga, Rodrigo de Moura Teles, concibiu e iniciou un gran proxecto que desembocaría no actual santuario.

A Igrexa do Bom Jesus[editar | editar a fonte]

Igrexa do Bom Jesus c. 1849-1873.

O templo foi proxectado polo arquitecto Carlos Amarante, por encomenda do entón arcebispo de Braga, Gaspar de Bragança, para substituír ao anterior, ergueito por Rodrigo de Moura Teles. Os traballos iniciáronse o 1º de xuño de 1784, ficado concluídas en 1811.

O adro, tamén proxectado por Amarante, presenta oito estatuas que representan personaxes que interviñeron na condena, paixón e morte de Cristo.

A igrexa presenta planta en forma de cruz latina, sendo un dos primeiros edificios en estilo neoclásico no país. A súa fachada atópase ladeada por dúas torres, rematada por un frontón triangular.

Escalinata[editar | editar a fonte]

Santuario do Bom Jesus: aspecto da escalinata do Pórtico.

A escalinata vence un desnivel de 116 metros e está dividido en tres treitos:

Escaleira do Pórtico[editar | editar a fonte]

Accédese polo Pórtico do Bom Jesus, un arco no inicio da escaleira, onde se encontra o brasón coas armas do responsábel da súa construción, en 1723, o entón arcebispo de Braga, Rodrigo de Moura Teles. Neste treito inicial encóntranse as primeiras capelas da Via Sacra do Bom Jesus, erguidas no mesmo período.

Escaleira dos Cinco Sentidos[editar | editar a fonte]

Fontes alegóricas aos Cinco Sentidos.

Neste treito da escalinata desenvólvense cinco lances de escaleiras, intervalados por patamares con fontes alegóricas aos cinco sentidos, pola seguinte orde: "Visión", "Audición", "Olfacto", "Gusto" e "Tacto". Estas fontes precédense unhas por outras, a "Fonte das Cinco Chagas", onde se le a seguinte inscrición: "Fontes de púrpura abriu então o ódio amargo; agora o amor transforma-os aqui em cristais para ti."

Fonte da Visión

Caracterízase por unha figura que lanza auga polo ollos, e posúe a inscrición: "Varão prudente, toma-as por um sonho e assim vigiarás." Do lado dereito, unha estatua de Moisés leva a inscrición "Aqueles que feridos olhavam saravam", e outra de Xeremías, coa inscrición "Eu vejo uma cara vigilante".

Fonte da Audición

Caracterízase por unha figura que lanza auga polos ouvidos, cunha estatua de Idito a tocar a cítara e a inscrición "Que cantava ao som da cítara, presidindo os que cantavam e louvavam o Senhor". Do lado esquerdo encóntrase David, coa inscrición "Ao meu ouvido darás gozo e alegria", de fronte a unha muller coa inscrición "Tua voz soe aos meus ouvidos".

Fonte do Olfacto

A fonte do olfacto (do olfato) caracterízase por unha figura que lanza auga polo nariz, cunha estatua dun varón encabezada pola inscrición "Dai flores como o lírio e rescendei suave cheiro". Do lado esquerdo encóntrase a figura de Noé, e do dereito Sulamita coa inscrición: "A tua estatura é semelhante a uma palmeira... e o cheiro da tua boca é como o das maçãs".

Fonte do Gusto

A fonte do gusto (do paladar), caracterízase por unha figura que lanza auga pola boca, cunha estatua de Xosé de Exipto cun cáliz e un prato nas mans, e a inscrición "A tua terra seja cheia das bênçãos do Senhor, dos frutos do céu e do orvalho". Do lado esquerdo, a figura de Xónatas coa inscrición "Provei um pouco de mel na ponta duma vara e eis porque morro" e, do dereito, Esdras coa inscrición "Prove o pão, e não nos abandones, como o pastor no meio dos lobos".

Fonte do Tacto

A fonte do tacto (do tato) caracterízase por unha figura que sostén un xerro coas dúas mans, de onde lanza auga, coa estatua de Salomón e a inscrición "As minhas entranhas estremeceram ao seu toque". Esta estatua está acompañada pola de Isaías, coa inscrición "Tocou a minha boca", e a de Isaac, cego, coas mans estendidas á procura do fillo e a inscrición "Chega-te a mim, meu filho, para que te toque".

Escaleira das Tres Virtudes[editar | editar a fonte]

Fontes alegóricas ás Tres Virtudes.

Na mesma escaleira dos Cinco Sentidos aparece este treito que data de 1837. Posúe tres fontes dedicadas ás Virtudes teologais: a fe, a esperanza e a caridade.

Fonte da Fe

Presenta a inscrición "Correrão dele águas vivas", e as súas alegorías refírense á docilidade e à confesión.

Fonte da Esperanza

Caracterízase por unha figura da arca de Noé por baixo da cal cae a auga. Presenta a inscrición "Arca na qual... se salvaram almas", e as alegorías refírense á confianza e á gloria.

Fonte da Caridade

Caracterízase por unha estatua de muller con dous nenos no colo, coa inscrición "São três estas virtudes... a maior delas, porém, é a caridade". A auga abrolla do corazón dun dos nenos, e as alegorías refírense á benignidade e á paz.

A escalinata, cun total de 581 chanzos, culmina no "Terreiro de Moisés", onde se localiza a Fonte do Pelicano e a Estatua de San Longuiño, á que se segue o adro e a igrexa do Bom Jesus.

Elevador[editar | editar a fonte]

Elevador do Bom Jesus
Artigo principal: Elevador do Bom Jesus.

Trátase dun funicular que liga a parte alta da cidade de Braga co santuario. Xestiónao a Confraría do Bom Jesus do Monte.

Foi construído por iniciativa do empresario bracarense Manuel Joaquim Gomes, con proxecto do enxeñeiro suízo Niklaus Riggenbach. As especificación foron recibidas por correo e a instalación do equipamento fíxose baixo a orientación do enxeñeiro Raul Mesnier. O funicular foi inaugurado o 25 de marzo de 1882, sendo o primeiro en ser instalado na península Ibérica, un dos sete do xénero no mundo, e sen rexisto de calquera accidente. É actualmente o máis antigo no mundo a utilizar o sistema de contrapeso de auga.

Os seus carros soben e baixan cada media hora e lévalles entre 2,5 e catro minutos a facer todo o percorrido, conforme o número de pasaxeiros a bordo.

Parque[editar | editar a fonte]

O parque constitúese nunha área arborizada, con diversos xardíns e lagos artificiais (o maior con barcos para alugar), un campo de tenis, xardín infantil, estabelecementos de restauración, prazas como o “Terreiro dos Evangelistas” e outras infraestruturas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Agência Ecclesia (5 de xullo de 2015). "Braga: Santuário do Bom Jesus elevado a Basílica". Agência Ecclesia (en portugués). 
  2. "Bom Jesus de Braga candidato a Património da Humanidade". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 21 de decembro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]