Efecto Baldwin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

En bioloxía evolutiva, o efecto Baldwin describe o efecto que ten sobre a evolución o comportamento aprendido ao longo da vida dos individuos. James Mark Baldwin suxeriu que a capacidade de aprender novos comportamentos que ten un organismo (por exemplo, para aclimatarse a un novo estresante) afectará ao seu éxito reprodutivo e terá un efecto sobre a composición xenética da súa especie por medio da selección natural. Aínda que este proceso parece similar á evolución lamarckista, Lamarck propuxo que os seres vivos herdaban as características adquiridas polos seus proxenitores, que é un aspecto que non se afirma no efecto Baldwin. O efecto Baldwin foi proposto independentemente varias veces, e foi polémico, pero hoxe é xeralmente recoñecido como parte da síntese evolutiva moderna.

"Un novo factor en evolución"[editar | editar a fonte]

Este efecto, inicialmente sen nome, foi exposto por primeira vez nunha publicación de 1896 titulada "A New Factor in Evolution" do psicólogo norteamericano James Mark Baldwin, na que se propoñía un mecanismo para a selección específica da capacidade xeral de aprender. Como explica Robert Richards:

Se os animais chegan a un novo ambiente — ou o seu vello ambiente cambia rapidamente — aqueles que puideron responder flexiblemente aprendendo novos comportamentos ou adaptándose ontoxeneticamente serían preservados naturalmente. Estes restos salvados terían, en varias xeracións, a oportunidade de mostrar variacións conxénitas similares espontáneas ás dos trazos adquiridos e esas variacións serían seleccionadas naturalmente. Parecería como se os trazos adquiridos se houbesen sumido na substancia hereditaria dun modo lamarckista, pero o proceso sería realmente neodarwinista.[1]

A descendencia seleccionada tendería a ter unha capacidade incrementada para aprender novas habilidades en vez de estar confinada ás súas capacidades relativamente fixadas xeneticamente codificadas. Ponse o énfase en que o comportamento sostido dunha especie ou grupo pode dar forma á evolución desa especie. O "efecto Baldwin" compréndese mellor na literatura da bioloxía evolutiva do desenvolvemento como un escenario no que o cambio nun carácter ou trazo biolóxico ocorre nun organismo como resultado de que a súa interacción co seu ambiente é gradualmente asimilada no seu repertorio epixenético ou xenético de desenvolvemento (Simpson, 1953; Newman, 2002). En palabras de Daniel Dennett,

Grazas ao efecto Baldwin, as especies pode dicirse que pre-comproban a eficacia dun deseño diferente determinado por exploración fenotípica (individual) do espazo de posibilidades próximas. Se unha configuración especialmente gañadora é así descuberta, este descubrimento creará unha nova presión de selección: os organismos que están próximos na paisaxe adaptativa a ese descubrimento terán unha clara vantaxe sobre os que están máis distantes. (p. 69,[2] Dennett, 1991)

Jean Piaget, Paul Weiss, e Conrad Waddington desenvoleron unha posta ao día do efecto Baldwin décadas de 1960 e 1970. Esta nova versión incluía un papel explícito para o social para dar forma a subseguintes cambios naturais nos humanos (tanto evolutivos coma do desenvolvemento), con referencia a alteracións das presións de selección.[3]

Exemplos[editar | editar a fonte]

Supoñamos que unha especie é ameazada por un novo predador e hai un comportamento que fai máis difícil que o predador mate aos individuos da especie. Os individuos que aprendan o comportamento máis rapidamente estarán obviamente en vantaxe. Co paso do tempo, a capacidade de aprender mellorará (por selección xenética), e chegado a un punto parecerá ser un instinto.

Baldwin puxo como exemplo o seguinte caso que implica cooperación: "Os animais poden manterse vivos digamos nun ambiente dado só por cooperación social; estes transmiten o seu tipo de variación social á posteridade; así a adaptación social establece a dirección da filoxenia física e a herdanza física é determinada en parte por este factor" (Baldwin, 1896, p. 553).

Outro exemplo que se suxeriu é a aparición da tolerancia á lactosa en poboacións humanas cunha longa tradición de criar animais domésticos para a produción de leite. Este argumento sostén que opera un bucle de retroalimentación onde unha cultura que usa os produtos lácteos incrementa a vantaxe selectiva deste trazo xenético, mentres que o xenotipo da poboación media incrementa as recompensas colectivas dunha cultura de produtos lácteos.

Controversia e aceptación[editar | editar a fonte]

A teoría do efecto Baldwin foi controvertida, e os eruditos dividíronse entre os "adeptos a Baldwin" e "escépticos de Baldwin".[4] A teoría denominouna por primeira vez "efecto Baldwin" George Gaylord Simpson en 1953 (p. 3[4]). Simpson "admitía que a idea era teoricamente consistente, é dicir, non inconsistente coa síntese evolutiva moderna" (p. 4[4]), pero dubidaba que o fenómeno ocorrese moi a miúdo, ou se o facía, puidese probarse que ocorría. Na súa discusión da recpción da teoría do efecto Baldwin, Simpson sinala que a teoría parece proporcionar unha reconciliación entre un enfoque neodarwinista e outro neolamarckista e que “O mendelismo e a posterior teoría xenética descartaron tan concluintemente a posición neolamarckista extrema que a reconciliación acabou por parecer innecesaria”.[5] En 1942, o biólogo evolutivo Julian Huxley promoveu o efecto Baldwin como parte da síntese evolutiva moderna, dicindo que o concepto fora indebidamente pasado por alto polos evolucionistas.[6] Na década de 1960, o biólogo evolutivo Ernst Mayr sostiña que a teoría do efecto Baldwin era indefendible porque: (1) o argumento preséntase en termos de xenotipo individual, mentres que o que está realmente exposto á presión de selección é unha poboación fenotípica e xeneticamente variable, (2) non se enfatiza suficientemente que o grao de modificación do fenotipo está xeneticamente controlado, e (3) asúmese que a rixidez fenotípica é selectivamente superior á flexibilidade fenotípica.[7] En 1987 Geoffrey Hinton e Steven Nowlan demostraron por simulación por computador que a aprendizaxe pode acelerar a evolución, e asociaron isto co efecto Baldwin.[8][9][10]

Paul Griffiths[11] suxeriu dúas razóns do continuo interese no efecto Baldwin. O primeiro é o papel que se comprende que xoga a mente no efecto. O segundo é a conexión entre o desenvolvemento e a evolución do efecto. A explicación de Baldwin de como os factores mentais conscientes e neurofisiolóxicos poden contribuír ao efecto [12][13][14] pon no foco a cuestión do posible valor de supervivencia que ten a consciencia.[15]

E aínda, "é sorprendente que un grupo bastante diverso de teóricos evolutivos contemporáneos, a maioría dos cales se consideran eles mesmos como seguidores da Síntese moderna, convertéronse ultimamente en 'adeptos de Baldwin'" (p. 4[4]). Estes adeptos de Baldwin

son normalmente psicólogos evolutivos que están a buscar escenarios nos cales unha poboación pode acceder por si mesma por medio de esaios e erros de comportamento a unha parte "difícil de atopar" da paisaxe de fitness na cal o cerebro, linguaxe e mente humanos, poidan coevolucionar rapidamente. Están a buscar o que Daniel Dennett, outro adepto de Baldwin, chama un "guindastre evolutivo", un instrumento que fai que as cousas pesadas suban rápido. (p. 4[4])

Segundo pensa Dennett, os traballos recentes converteron o efecto Baldwin en algo que "xa non é unha engurra controvertida no darwinismo ortodoxo" (p. 69[2]).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Richards, Robert J. (1987). Darwin and the Emergence of Evolutionary Theories of Mind and Behavior. Chicago: The University of Chicago Press. p. 399. ISBN 0-226-71199-4. 
  2. 2,0 2,1 Dennett, Daniel (2003), "The Baldwin Effect, a Crane, not a Skyhook" in: Weber, Bruce H.; Depew, David J. (2003). Evolution and learning: The Baldwin effect reconsidered. Cambridge, MA: MIT Press. pp. 69–106. ISBN 0-262-23229-4. 
  3. Burman J. T. (2013). "Updating the Baldwin Effect: The biological levels behind Piaget's new theory". New Ideas in Psychology 31 (3): 363–373. doi:10.1016/j.newideapsych.2012.07.003. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Depew, David J. (2003), "Baldwin Boosters, Baldwin Skeptics" in: Weber, Bruce H.; Depew, David J. (2003). Evolution and learning: The Baldwin effect reconsidered. Cambridge, MA: MIT Press. pp. 3–31. ISBN 0-262-23229-4. 
  5. Simpson, George Gaylord (1953). "The Baldwin effect". Evolution 7 (2): 110–117. doi:10.2307/2405746. 
  6. Huxley, Julian (1942). Evolution: The Modern Synthesis. London: George Allen & Unwin Ltd. 
  7. Mayr,Ernst (1963). Animal Species and Evolution. Cambridge, MA: Harvard University Press. ISBN 0-674-03750-2. 
  8. Hinton, Geoffrey E.; Nowlan, Steven J. (1987). "How learning can guide evolution". Complex Systems 1: 495–502. 
  9. Maynard Smith, John (1987). "When learning guides evolution". Nature 329: 761–762. doi:10.1038/329761a0. 
  10. Puentedura, Ruben R. (2003). "The Baldwin effect in the age of computation". En Weber,Bruce H.; Depew, David J. Evolution and Learning: The Baldwin Effect Reconsidered. Cambridge, MA: MIT press. pp. 219–234. 
  11. Griffiths, Paul E. (2003). "Beyond the Baldwin effect: James Mark Baldwin’s ‘social heredity,’ epigenetic inheritance, and niche construction". En Weber, Bruce H.; Depew, David J. Evolution and Learning: The Baldwin Effect Reconsidered. Cambridge, MA: MIT press. pp. 193–215. 
  12. Baldwin, J. Mark (1896). "Heredity and instinct". Science 3: 438–441, 558–561. doi:10.1126/science.3.64.438. 
  13. Baldwin, J. Mark (1896). "Consciousness and evolution". Psychological Review 3: 300–309. doi:10.1037/h0063996. 
  14. Baldwin, J. Mark (1896). "A new factor in evolution". The American Naturalist 30: 441–451, 536–553. doi:10.1086/276408. 
  15. Lindahl, B. I. B. (2001). "Consciousness, behavioural patterns and the direction of biological evolution: implications for the mind–brain problem". En Pylkkänen, Paavo; Vadén, Tere. Dimensions of Conscious Experience. Amsterdam: John Benjamins Publishing Company. pp. 73–99. ISBN 90-272-5157-6. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Baldwin, J. Mark; A New Factor in Evolution, The American Naturalist, Vol. 30, No. 354 (June 1896), 441-451
  • Osborn, Henry F.; Ontogenic and Phylogenic Variation, Science, New Series, Vol. 4, No. 100 (November 27, 1896), 786-789
  • Baldwin, J. Mark; Organic Selection, Science, New Series, Vol. 5, No. 121 (April 23, 1897), 634-636
  • Hall Brian K (2001). "Organic Selection: Proximate Environmental Effects on the Evolution of Morphology and Behaviour". Biology and Philosophy 16: 215–237. 
  • Bateson Patrick (2004). "The Active Role of Behaviour in Evolution". Biology and Philosophy 19: 283–298. doi:10.1023/b:biph.0000024468.12161.83. 
  • Simpson G. Gaylord (1953). "The Baldwin effect". Evolution 7: 110–117. doi:10.2307/2405746. 
  • Newman Stuart A (2002). "Putting Genes in their place" (PDF). Journal of Biosciences 27: 97–104. doi:10.1007/bf02703765. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de decembro de 2008. Consultado o 04 de xuño de 2016. 
  • Richards, Robert J.; Darwin and the Emergence of Evolutionary Theories of Mind and Behavior, Chicago: The University of Chicago Press, 1987.
  • Cochran, Gregory; Harpending, Henry (2009). The 10,000 Year Explosion: How Civilization Accelerated Human Evolution. New York: Basic Books. ISBN 0-465-00221-8.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]