Saltar ao contido

Educación inclusiva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A educación inclusiva é un concepto teórico da pedagoxía referido ao modo en que a escola debe dar resposta á diversidade. A expresión comezou a aplicarse neste ámbito en 1990, e pretende substituír o de integración, até entón dominante na práctica educativa. O seu suposto básico é que hai que modificar o sistema escolar para que responda ás necesidades de todos o alumnado, en vez de que sexa este o que se adapte ao sistema, integrándose nel. A opción consciente e deliberada pola heteroxeneidade na escola constitúe un dos piares centrais do enfoque inclusivo.

Ideas esenciais da educación inclusiva

[editar | editar a fonte]

A educación inclusiva preséntase coma un dereito de todo o alumnado (tanto o infantil, como adolescente como o adulto), e non só daquel cualificado como con necesidades educativas especiais (NEE). Pretende pensar nas diferenzas en termos de normalidade (o normal é que sexamos diferentes) e de equidade no acceso a unha educación de calidade para todos. A educación inclusiva non só respecta o dereito a ser diferente como algo lexítimo, senón que valora explicitamente a existencia desa diversidade. Asúmese así que cada persoa difire doutra nunha gran variedade de formas e que por iso as diferenzas individuais deben ser vistas coma unha das múltiples características das persoas. Polo tanto, inclusión total significaría a aposta por unha escola que acolla a diversidade xeral, sen ningunha exclusión, nin por motivos relativos á discriminación entre distintos tipos de necesidades, nin por motivos relativos ás posibilidades que ofrece o centro educativo.

Desde esta postura resultan criticables, polo seu carácter excluínte, os modelos de integración baseados no uso de espazos e tempos separados para o traballo con determinados alumnos con problemas. Pola contra, favorécense as prácticas educativas e didácticas que non só acollan a diversidade, senón que tiren proveito dela.

Se a heteroxeneidade constitúe un valor, a homoxeneización na escola, que á súa vez ocorre como resultado das prácticas selectivas nos sistemas educativos, é vista desde esta perspectiva como un empobrecemento do mundo de experiencias posibles que se ofrece ao alumnado, prexudicando tanto aos escolares mellor "dotados" como aos "menos dotados".

Os principios da escola inclusiva están ideoloxicamente vencellados coas metas da educación multicultural.

Posta en funcionamento

[editar | editar a fonte]

A educación inclusiva supón un modelo de escola no que o profesorado, o alumnado e as nais e pais participen e desenvolvan un sentido de comunidade entre todos os participantes, teñan ou non discapacidades, ou pertenzan a unha cultura, raza ou relixión diferente. Preténdese unha reconstrución funcional e organizativa da escola integradora, adaptando a instrución para proporcionar apoio a todo o estudantado. Neste modelo, o profesorado ordinario e o profesorado especialista ou de apoio traballa de modo conxunto e coordinado dentro do contexto natural da aula ordinaria, favorecendo o sentido de pertenenza á comunidade e a necesidade de aceptación, sexan cales fosen as características de cada alumno ou alumna.

A escola inclusiva forma parte dun proceso de inclusión máis amplo: a inclusión social. Supón a aceptación de todo o alumnado, valorando as súas diferenzas; esixe a transmisión de novos valores na escola; implica incrementar a participación activa (social e académica) do alumnado e diminuír os procesos de exclusión; supón crear un contexto de aprendizaxe inclusiva desenvolvido desde o marco dun currículo común; esixe unha profunda reestruturación escolar que debe ser abordada desde unha perspectiva institucional; é un proceso inacabado, en constante desenvolvemento, non un estado.

Delimitación conceptual entre integración e inclusión

[editar | editar a fonte]

Aquí se expoñen algunhas diferenzas esenciais entre integración e inclusión:

A inclusión presenta o recoñecemento e valoración da diversidade coma unha realidade e coma un dereito humano, o que fai que os seus obxectivos sexan sempre prioritarios. Desde a perspectiva inclusiva, a heteroxeneidade é entendida como o normal, de modo que a postura inclusiva se dirixe a todo o alumnado e a todas as persoas en xeral.

  • A integración céntrase no alumnado con necesidades educativas especiais, habilitando determinados apoios, recursos e profesionais;

A inclusión baséase nun modelo sociocomunitario no que o centro educativo e a comunidade escolar están fortemente implicados, o que conduce á mellora da calidade educativa no seu conxunto e para todo o alumnado. Trátase dunha organización inclusiva en si mesma, na que se considera que todos os membros están capacitados para atender a diversidade.

  • A integración propón adaptacións curriculares como medidas de superación das diferenzas do alumnado con necesidades especiais;

A inclusión propón un currículo inclusivo, común para todo o alumnado, no que implicitamente se vaian incorporando esas adaptacións. O currículo non debe entenderse como a posibilidade de que cada alumno ou alumna aprenda cousas diferentes, senón máis ben que as aprenda de diferente xeito.

  • A integración supón, conceptualmente, a existencia dunha anterior separación ou segregación. Unha parte da poboación escolar encóntrase fóra do sistema educativo regular e debe ser integrada neste. Neste proceso o sistema permanece máis ou menos intacto, mentres que quen se debe integrar ten a tarefa de adaptarse a el;

A inclusión supón un sistema único para todos, o que implica deseñar o currículo, as metodoloxías empregadas, os sistemas de ensinanza, a infraestrutura e as estruturas organizacionais do sistema educativo, de tal modo que se adapten á diversidade da totalidade da poboación escolar que o sistema atende.

Desenvolvemento do concepto de inclusión educativa

[editar | editar a fonte]

A orixe da idea de inclusión sitúase no foro internacional da Unesco celebrado en Jomtien (Tailandia) en 1990, que marcou pautas no campo educativo no evento, onde se promoveu a idea dunha educación para todos e todas: satisfacción das necesidades básicas de aprendizaxe, cuxo propósito é desenvolver o benestar individual e social das persoas a través da Educación Formal.

Na declaración de Salamanca de 1994, produciuse unha ampla adscrición a esa idea entre as delegacións, determinándose a urxencia de impartir o ensino a toda a infancia, mocidade e xente adulta con necesidades educativas especiais dentro do mesmo sistema común de educación. A resolución de Salamanca xeneraliza a inclusión como principio central que debe guiar a política e a práctica da construción dunha educación para todos e todas.

Discusión

[editar | editar a fonte]

Unha crítica frecuente á pedagoxía inclusiva baséase no temor a que o alumnado mellor dotado quede atrás e non sexa suficientemente estimulado polo sistema. Non obstante, diversos estudos demostraron estatisticamente que a diversidade non só favorece aos máis débiles, senón que tamén o alumnado "mellor dotado" obtén amplo proveito dela. Así o demostran os estudos realizados en torno ao programa de valoración internacional de estudantado realizado pola OCDE (véxase Informe PISA).

Outra visión crítica sostén que se se acabase coa selección que hoxe opera no ensino básico e medio só se obtén unha maior proporción de aspirantes á educación superior ou universitaria, onde antes ou despois tería que existir un filtro social que impedise o masivo e innecesario ingreso nas universidades.

Critícase ademais á inclusión que non considera suficientemente a sobrecarga adicional que significaría para o profesorado, esixindo un desmedido aumento das horas de traballo dedicadas a planificación e posta en funcionamento, moito máis complexa cun currículo para todos. A posta en práctica significaría ademais unha completa revisión dos plans e programas universitarios para a formación do profesorado, cos correspondentes custos financeiros e burocráticos que implicaría.

Por outra banda, critícase o aspecto de que existirían grupos con necesidades especiais para os que o actual sistema de escolas especiais sería plenamente beneficioso, xa que a escola lles outorgaría a posibilidade de encontro entre iguais e axudaría á formación da súa identidade. Isto sería moi evidente no caso das discapacidades sensoriais (trastornos da vista ou da audición e a linguaxe) e a escola inclusiva non lles ofrecería esta posibilidade. Os partidarios da inclusión desestiman esta crítica co argumento de que xustamente unha identidade propia sa e sen dano para a autoestima só se pode desenvolver en medio da diversidade e nun contexto de igualdade de oportunidades.

Con todo, a concreción da inclusión non se debe centrar só no ámbito educativo, nin tampouco exclusivamente enfocarse no tocante ás persoas con necesidades educativas especiais. As súas concepcións son igualmente extensibles a outros sectores da vida social. A súa aplicación como principio reitor en instancias locais de toma de decisión (coma os gobernos locais) podería axudar a impedir a discriminación ou a segregación de determinados grupos en desvantaxe (a mocidade, as mulleres, as minorías sexuais ou as minorías raciais, por exemplo).

[editar | editar a fonte]

Tanto a Lei Orgánica de Educación (2004) como o currículo da educación primaria de Galiza (2007) mencionan explicitamente que as escolas deben ser inclusivas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]