Día da Candeloria
<< | Febreiro | >> | ||||
Lu | Ma | Mé | Xo | Ve | Sá | Do |
1 | 2 | 3 | 4 | |||
5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 |
12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 |
19 | 20 | 21 | 22 | 23 | 24 | 25 |
26 | 27 | 28 | 29 | |||
2024 Todos os días |
O Día das Candeas ou Día da Candeloria celébrase o 2 de febreiro.
Historia
[editar | editar a fonte]O Día da Candeloria ten orixe nos cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza, que como a noite de San Xoán, a Semana Santa, o Nadal e moitos outros, acabou por ser cristianizado. Neste caso tratábase do ritual do lume, coas súas virtudes apotropaicas (de afastamento de desgrazas, protectoras).
Na antiga Roma celebrábase as Lupercais, a festa do lume e na honra da fertilidade. Nesta festa, realizábase unha procesión con candeas acendidas de noite.
No ano 492, o Papa Xelasio crea a festa da Purificación da Virxe María, que é conmemorada o 2 de febreiro. O nome da Candeloria está orixinado pola procesión realizada dentro da igrexa con candeas benditas, festa que substitúe e cristianiza a festa pagá romana e que posibelmente sexa orixe do actual Día da Candeloria.
Características
[editar | editar a fonte]No 2 de febreiro, nas parroquias o crego bendice as candeas que a xente ten de manter acesas mentres dure a misa. Estas candeas lévanse, posteriormente, para a casa pois atribúenselles poderes como calmar as treboadas ou alumear o camiño das almas que deixan este mundo.
Esta festa das luces celébrase en parroquias como Oseiro, Becerreá, Cervo, Meaño, O Rosal e Cedeira.
Noutras parroquias, como a de Cordeiro, no concello pontevedrés de Valga, realízase unha procesión en que as mulleres portan lacóns en cestos con que, posteriormente se organiza unha poxa.
Presenza no refraneiro
[editar | editar a fonte]Os distintos refraneiros populares de Galiza recollen refráns sobre a Candeloria e o seu día:
- Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar.
- Cando a Candeloria chora a mitá do inverno está fóra; se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro.
- O día da Candelaria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra.
- Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola.
- Pola Candeloria casan os paxariños e vaise a galiñola.
- Pola Candelaria, inverno fóra; se chove ou venta, inda entra.
- Pola Candeloria, metade do inverno fóra; e se chove e fai vento, metade fóra e metade dentro.
- Pola Candeloria, mitá do inverno vai fóra; se chora ou venta, inda entra.
- Pola Candeloria pon a pita vella e a nova.
- Polo santo Antón toda galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
- Que a Candelaria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está pasado e a metade está por pasar.
- Se a Candelaria chora, o inverno está fóra; se ri, aínda está por vir
- Se a Candeloria chora vai o inverno fóra; se ri, o inverno quer vir; mais cal chorar, cal rir, medio inverno está por vir.
- Se a Candelaria empola, o inverno vai fóra.
- Se a Candelaria chora, o inverno xa vai fóra. Se a Candelaria ri, o inverno está por vir; pero que ría e que cante hai inverno para tras e para diante.
- Se a Candeloria vén mal o inverno está caroal.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.