Saltar ao contido

Drahomír Zobek

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaDrahomír Zobek
Biografía
Nacemento23 de outubro de 1956 Editar o valor en Wikidata (67 anos)
Nová Baňa, Eslovaquia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor Editar o valor en Wikidata

Drahomír Zobek, nado en Nová Baňa, na rexión de Banská Bystrica, o 20 de xullo de 1952, é un escultor, medallista e deseñador de moeda eslovaco.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Drahomír Zobek cursou entre 1967 e 1971 estudos profesionais artísticos na Escola de Artes Aplicadas SUPŠ, de Kremnica,[2] na especialidade de gravado gráfico, en placa metálica e en plástico.[3]

Logo do seu período formativo ingresou no cadro de gravadores da Casa da Moeda de Kremnica, e alí ocupou o cargo de gravador xefe entre 1992 e 1997. Neste último ano abandonou a ceca pública eslovaca para traballar como creador independente, con colaboracións puntuais con empresas privadas do sector da medallística.[2][3]

Nas súas creacións utiliza a modo de sinatura as súas iniciais DZ ou ben simplemente o Z do seu apelido.[3]

Drahomír Zobek é membro da Asociación de Medallistas de Eslovaquia, entidade que presidiu durante un longo período. Tamén é membro da Federación Internacional da Medalla de Arte, en cuxas exposicións internacionais participou asiduamente: Lisboa (1979), Florencia (1983), Estocolmo (1985), Helsinqui (1990), Budapest (1994), París (2002) Seixal (2004) e Kremnika (1995).[2]

Insignia militar eslovaca creada por Drahomír Zobek.

Esculturas

[editar | editar a fonte]

Dentro da súa escasa produción como escultor, cabe salientar a escultura do cineasta Viktor Kubal e do seu personaxe Zbojník Jurko ("Jurko o bandido") na "calella dos narices famosos" de Kremnica, ambas de 2006.[3][4]

Aínda que a súa obra abrangue tamén condecoracións, insignias, fichas, imáns e outros obxectos de pequeno tamaño, o máis salientable das súas creacións está na medallística. Algunhas das súas medallas están dedicadas a personaxes como Xoán Paulo II (1990) e outras, máis comunmente, a conmemoracións como 50 aniversario da Organización Numismática de Bratislava (1984) ou os 150 anos do ferrocarril en Eslovaquia (1998).[3]

Moeda eslovaca de céntimos de euro coa montaña Kriváň ao fondo.

Drahomír Zobek iniciouse na creación de moedas como autor de tres moedas conmemorativas da coroa checoslovaca, entre 1986 e 1991, e a partir de 1993 creou a primeira serie circulante da coroa eslovaca para a Eslovaquia independente.[5]

Coa integración do seu país na Eurozona, encomendóuselle tamén o deseño do anverso nacional das moedas circulantes divisionarias de 1, de 2 e de 5 céntimos de euro cuñadas na Casa da Moeda de Kremnica, para as que escolleu unha representación da montaña Kriváň, dos Altos Tatras, cargada de simbolismo para Eslovaquia.[5]

  1. "Drahomír Zobek". ABART.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Drahomír Zobek". Mezinárodní Medailérské Sympozium v Uherském Hradišti. 2010
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Drahomír Zobek". Mince na území Slovenska.
  4. "Viktor Kubal. The alley of famous noses". Kremnické Gagy (gagy.eu)
  5. 5,0 5,1 Moedas deseñadas por Drahomír Zobek. Numista.com

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]