Ditíscidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ditíscidos
Sandracottus vivindo nunha poza rochosa en Thiruvannamalai, India
Sandracottus vivindo nunha poza rochosa en Thiruvannamalai, India
Clasificación científica
Reino: Animalia
(sen clasif.) Euarthropoda (clado)
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Superfamilia: Dytiscoidea
Familia: Dytiscidae
Leach, 1815

Os ditíscidos (Dytiscidae), do grego δυτικός, dytikos, 'que pode mergullarse', son uha familia de escaravellos acuáticos mergulladores predadores. Aparecen en practicamente calquera hábitat de auga doce do mundo, pero unhas poucas especies viven entre as follas caídas.[1] Os adultos adoitan ter unha lonxitude entre 1 e 2,5 cm, aínda que hai moita variación entre especies. A especie europea Dytiscus latissimus e a brasileira Megadytes ducalis son as de maior tamaño, e chegan aos 4,5 cm e 4,75 cm, respectivamente.[1][2] Os menores son probablemente os da especie australiana Limbodessus atypicali, de augas subterráneas, que só mide uns 0,9 mm.[1] A maioría son marróns escuros, anegrados ou de cor oliva escura con zonas douradas nalgunhas subfamilias. Teñen mandíbulas curtas pero afiadas. Inmediatamente despois de morderen, segregan encimas dixestivos.[3] A familia comprende algo máis de 4 000 especies descritas en numerosos xéneros.[4]

Larvas e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Larva de escaravello acuático predadora

Cando aínda están en forma larvaria, o tamaño destes escaravellos varía de 1 a 5 cm. Os corpos larvarios teñen forma de lúa crecente, cunha longa cola e están cubertos de pelos finos. Ao longo do tórax sobresaen seis patas, tamén peludas. A cabeza é plana e cadrada, cun par de pinzas longas e grandes. Cando cazan, cólganse de plantas ou cachos de madeira do fondo, e permanecen totalmente inmóbiles ata que unha presa pasa polas proximidades, e entón bótanse a ela, atrápana e coas patas anteriores e mórdena coas pinzas. As súas presas adoitan ser cágados e larvas dos dípteros Chaoborus, entre outras pequenas criaturas acuáticas.

A medida que a larva madura, repta desde a auga coas súas robustas patas, e entérrase no barro para realizar a pupación. Despois dunha semana ou, nalgunhas especies algo máis, emerxe do barro como adulto.

Comestibilidade[editar | editar a fonte]

Os ditíscidos adultos, en particular os do xénero Cybister, son comestibles. Atopáronse restos de C. explanatus en coprólitos humanos prehistóricos nunha cova de Nevada, probablemente recollidos no lago Humboldt Sink.[5] En México, C. explanatus cómese asado e salgado acompañando os tacos. En Xapón, C. japonicus foi utilizado como alimento en certas rexións, como a prefectura de Nagano. Na provincia chinesa de Guangdong, esta última especie, xunto con C. bengalensis, C. guerini, C. limbatus, C. sugillatus, C. tripunctatus e probablemente tamén o máis coñecido Dytiscus marginalis, críanse para o consumo humano, aínda que como son complicados de criar debido aos seus hábitos carnívoros e teñen un gusto bastante insípido (pero parece que non malo) e pouca carne, esta actividade está diminuíndo. Tamén se comen Dytiscidae en Taiwan, Tailandia e Nova Guinea.[6]

Como son animais grandes e lentos en terra e os adultos non son especialmente feroces, tamén os comen con gusto os paxaros de medio tamaño, mamíferos e outros predadores máis grandes. As larvas normalmente corren menos perigo debido á súa camuflaxe e capacidade de escapar emitindo un chorro de auga a presión; poden ser bastante difíciles de capturar e poden converterse nos superpredadores de pequenas pozas ou lagoas.

Importancia cultural e etnobioloxía[editar | editar a fonte]

Os escaravellos acuáticos desempeñan un papel importante na historia da creación dos cherokee. Segundo a narración, despois de non encontrar ningún sitio para descansar no "caos líquido" o escaravello trouxo lama branda do fondo. Esta lama estendeuse despois formando todas as terras do mundo.[5]

Os ditíscidos adultos, xunto cos xirínidos, recóllenos as rapazas en zonas de África oriental, onde se cre que inducir a que os escaravellos mordan as mamilas estimula o crecemento dos peitos.[5]

Sistemática[editar | editar a fonte]

A seguinte secuencia taxonómica indica as subfamilias e os seus xéneros asociados.[7]

Subfamilia Agabinae Thomson, 1867

Subfamilia Colymbetinae Erichson, 1837

Subfamilia Copelatinae Branden, 1885

Subfamilia Coptotominae Branden, 1885

Subfamilia Dytiscinae Leach, 1815

Subfamilia Hydrodytinae K.B.Miller, 2001

Subfamilia Hydroporinae Aubé, 1836

Subfamilia Laccophilinae Gistel, 1856

Subfamilia Lancetinae Branden, 1885

Subfamilia Matinae Branden, 1885

Subfamilia Incertae sedis

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 G.N. Foster; D.T. Bilton (2014). "The Conservation of Predaceous Diving Beetles: Knowns, Unknowns and Anecdotes". En D.A. Yee. Ecology, Systematics, and the Natural History of Predaceous Diving Beetles (Coleoptera: Dytiscidae). pp. 437–462. ISBN 978-94-017-9109-0. 
  2. "Archived copy". Arquivado dende o orixinal o 2015-05-21. Consultado o 2015-05-19. 
  3. G.C. McGavin (2010). Insects. pp. 86–87. ISBN 978-1-4053-4997-0. 
  4. Nilsson, A.N. (2013). "A World Catalogue of the Family Dytiscidae, or the Diving Beetles (Coleoptera, Adephaga)" (PDF). University of Umeå. Consultado o 10 April 2018. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Miller, Kelly; Bergsten, Johannes (3 October 2016). Diving Beetles of the World: Systematics and Biology of the Dytiscidae. Baltimore: Johns Hopkins University Press. p. 20. 
  6. De Foliart (2002), Jäch (2003), CSIRO (2004)
  7. Dytiscidae Species List at Joel Hallan's Biology Catalog. Texas A&M University. Retrieved on 7 May 2012.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]