Saltar ao contido

Demo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A tentación de Santo Antón (c. 1475 ) de Martin Schongauer (1448-1491).

Un demo é, segundo o cristianismo, un anxo que se rebelou contra Deus e que pasou a loitar pola perdición da humanidade. Na antigüidade, porén, o termo tiña outra connotación, referíase a un xenio que inspiraba os individuos tanto para o ben coma para o mal.[1]

Nas relixións do Oriente Medio, así como nas derivadas das tradicións abrahámicas, incluíndo a demonoloxía medieval cristiá, un demo é considerado un "espírito impuro", o cal pode causar unha posesión demoníaca e pode ser expulsado polo ritual do exorcismo. No ocultismo de Occidente e a maxia renacentista (unha mestura de maxia greco-romana, demonoloxía xudía e tradición cristiá), un demo é unha entidade espiritual que pode ser conxurada e controlada. Na literatura moitos dos demos foron anxos caídos.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo «demo» vén do grego δαιμών (transliteración: daimōn), a través do termo latino daemonium, designando un espírito moi sabio.

O demo en Galicia

[editar | editar a fonte]

En Galicia, o demo recibe numerosas denominacións populares: abelurio, cachán, cachano, cachizo [2], demachiño (máis propiamente, aplícase a demos pequenos como o diano burleiro), démaro, demiño, demócharo, democho, demóncaro, demonche, demoncre, demontre, demóñaro, demoño, demoro, déncaro, dencho, déngaro, denllo, dentre, deño, diabo, diabro, diantre, diaño, mafarrico, rabeno, rabudo, resalgario, sucio, trasno ou zucio. Tamén se lle denomina mediante nomes propios, como Donai (que pode proceder de Adonai, un dos nomes que recibe Deus na Biblia), Leonardo, Pedro, Perecho, Perello, Perete, Xan ou Xan Moxico, ou Xuncras (posible contaminación con Xudas).

E, finalmente, denominacións eufemísticas coas que se pretende non pronunciar o seu nome, por se o demo o puidese interpretar como que se lle invoca: o Cornudo, o Escuro, o das botas, o das zapatillas, o dos dentes longos, o Nemigo, o Pecado, o Rabudo, papá xarriña. Resulta común referirse a el como Arrenegado sea! [3].

Por suposto, tamén se utilizan as denominacións literarias máis clásicas, como Belcebú, Luzbel e Lucifer (que resplandece [4]), Satán ou Satanás.

  1. "NPNF1-02. St. Augustine's City of God and Christian Doctrine - Christian Classics Ethereal Library". www.ccel.org (en inglés). Consultado o 2018-02-08. 
  2. Cachan, cachano e cachizo son unha referencia evidente ós pecados sexuais.
  3. Todos estes nomes do demo cóllense das seguintes fontes: DRAG, Xosé Luís Franco Grande, Eladio Rodríguez González e Vítor Vaqueiro.
  4. O nome, que se traduciría por luz bela, fai alusión a que antes era o anxo máis fermoso e luminoso.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Xosé Luís Franco Grande (1972): Diccionario galego-castelán, Galaxia, Vigo [en Diccionario de diccionarios]
  • Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo.
  • Vítor Vaqueiro (2011): Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo, s.v. demo.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]