Damon Che

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Damon Che
Nome completoDamon Che Fitzgerald
OrixePittsburgh, Pensilvania Flag of the United States.svg
Ocupaciónmúsico
Xénerorock instrumental
Instrumento(s)batería, percusión, guitarra, voz
Selo(s) discográfico(s)Touch and Go Records, Relapse Records, Joyful Noise Recordings
Relacionado conDon Caballero, Speaking Canaries, Bellini
Tempo en activo1985 - presente
editar datos en Wikidata ]

Damon Che Fitzgerald, nado en Pittsburgh, Pensilvania, é un batería e guitarrista de música rock estadounidense. Contribuíu ao indie rock e ao rock progresivo a través do seu traballo cos pioneiros do math rock Don Caballero dende o ano 1991. O seu estilo está fortemente influenciado polo metal, o hard rock, o punk, o jazz, e a música de fusión.

Che ten un estilo de tocar a batería flotante e extrovertido á vez que contundente. En Don Caballero a súa batería toma un papel máis como instrumento principal que como só para marcar o tempo. Hai moitos casos onde as guitarras actuarían como base rítmica, mentres Che tocaba en solitario libremente sobre a música.[1]

Biografía[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Che recibiu a súa primeira batería aos catorce anos. O seu pai era guitarrista de blues con algún renome a nivel local.[2] Mentres estaba no instituto toco na banda de new wave Syndicate, e despois co-fundou o trío de synthpop Pynknoys (1985-1986), onde cantaba, tocaba a batería e programaba a caixa de ritmos. Posteriormente uníuse á banda de hardcore punk de Pittsburgh Half Life, que chegou a actuar como abreconcertos de Descendents.[2] Che tocou o EP de 7 polgadas do grupo Under The Knife (publicado en 1986) e participou nunha reunión de Half Life en 2003. Che completou a década dos 80 tocando a batería na banda de garage rock The Heretics, na de noise rock Punching Contest e tocando co guitarrista Ian Williams na banda Rocco Rocco.[2]

Speaking Canaries[editar | editar a fonte]

Che formou Speaking Canaries en 1991, algúns mese antes de formar Don Caballero. A diferenza dos seus anteriores grupos nos que era o batería, Damon Che cantaba e tocaba a guitarra en Speaking Canaries. Songs for the Terrestrially Challenged foi o primeiro álbum da banda en ser editado en CD, e o primeiro en ser distribuído en todo o mundo. En Get Out Alive: The Last Type Story, o máis recente dos catro álbums de Speaking Canaries, Che tocou todos os instrumentos en todas as cancións agás tres.

Don Caballero[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Don Caballero.

Che formou Don Caballero, nome que segundo o seu pai non funcionaría, a finais de 1991 co guitarrista Mike Banfield e o baixista Pat Morris.[2] Ian Williams disolveu Rocco Rocco e uníuse á banda como segundo guitarrista en 1992.[2] Entre 1993 e 2000, Don Caballero editou cinco influintes álbums, For Respect, Don Caballero 2, Singles Breaking Up (Vol. 1), What Burns Never Returns, e American Don a través do selo Touch and Go Records e relizou centos de concertos, gañándose a reputación da banda de math rock definitiva.

Che era coñecido na comunidade da música underground polo seu comportamento errático e impredicible, dende quitarse a roupa para tocar a batería, ata rematar unha actuación cuspindo lume.[2] A disolución de Don Caballero en 2000 foi en gran parte debida aos estoupidos de Che no escenario e á tensión entre Che e o guitarrista Ian Williams. En anos recentes Che foi bastante hostil con Williams na prensa, deixando de lado aínda máis as esperanzas da reunión da formación "clásica" de Don Caballero.

American Don sería o derradeiro álbum da formación "tradicional" de Damon Che, Ian Williams e Eric Emm (coñecido como Topolsky).

Che reformou Don Caballero en 2003, sendo o único membro orixinal da banda (aínda que a Che gústalle dicir que é o único membro orixinal que queda dende a marcha de Mike Banfield en marzo de 1999). Esta nova formación realizou varias xiras e en 2006 publicou un álbum titulado World Class Listening Problem.

Punkgasm apareceu en 2008, contando coas habilidades na guitarra de Che e as súas voces en varios temas. No presente Don Caballero está fichado por Relapse Records/Touch and Go Records/Joyful Noise Recordings, e publicou un álbum ao vivo en novembro de 2012 titulado Gang Banged With a Headache, and Live. A formación en 2013 incluía a Gene Doyle na guitarra e a Jason Jouver no baixo.

Bellini[editar | editar a fonte]

Algúns meses despois da separación de Don Caballero en novembro do ano 2000, Damon Che comezou a colaborar co guitarrista siciliano Agostino Tilotta, da banda Uzeda, baixo o nome de Bellini. Esta colaboración medrou para incluír á cantante Giovanna Cacciola e ao baixista Matthew Taylor, e a banda produxo un álbum de estrea titulado Snowing Sun.

Nun incidente moi publicitado, Che tivo unha discusión cos seus compañeiros de banda durante un concerto en Athens, Xeorxia, mentres xiraban promocionando Snowing Sun no mes de outubro de 2002,[3] recolleu o seu equipo e conduciu a furgoneta da banda só ata Chicago, deixando aos outros en Athens. Che, porén, cuestiona esta versión dos eventos dicindo que a súa marcha foi acordada cos outros membros da banda.[4] Che foi rapidamente substituído polo batería de Girls Against Boys, Alexis Fleisig, colleron prestada unha furgoneta da banda OXES e conseguiron completar a xira. Damon Che non volveu a traballar con Bellini dende entón.

Carreira en solitario[editar | editar a fonte]

Damon Che actuou e gravou ocasionalmente como artista en solitario. Na xira de novembro de 2000 de Don Caballero, Che actuou como abreconcertos tocando a batería e acompañado dunha guitarra en bucle, samples e voces. Che tamén realizou concertos en solitario de forma esporádica pola área de Pittsburgh en 2001 e 2002. Ningún do seu material foi editado; a única gravación oficial de Damon que víu a luz ata a data é o solo de batería "Oh Suzanna" que apareceu no recompilatorio de Monitor Records Membranophonics en 2001.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Parrillo, Michael (agosto de 2006). "Don Caballero's Damon Che - Return of the Don". Modern Drummer. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Vellucci, Justin (2019-09-02). "American Don: The Damon Che Story" (en inglés). Consultado o 2019-11-28. 
  3. "Bellini timeline". www.snowingsun.com. Consultado o 2019-11-29. 
  4. "The Trap Set". The Trap Set with Joe Wong (en inglés). Consultado o 2019-11-29.