Dólar de prata Robert F. Kennedy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata Robert F. Kennedy
A/: Busto de fronte de Robert F. Kennedy. Data e marca de gravador (TDR).

Lendas: ROBERT F. KENNEDY / IN GOD WE TRUST / LIBERTY

R/: Selos do Departamento de Xustiza e do Senado dos EEUU superpostos. Marcas de ceca (S), de deseñador (JP) e de gravador (TDR).

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / JUSTICE / ONE DOLLAR

O dólar de prata Robert F. Kennedy é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1998 e cuñada pola Ceca de San Francisco.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 103-328, do 29 de setembro de 1994,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda na honra de Robert F. Kennedy (1925-1968), en conmemoración do 30 aniversario do seu asasinato nos Ánxeles, California.[2][3]

Deseño[editar | editar a fonte]

No anverso da moeda, deseñado e gravado por Thomas D. Rogers, represéntase un busto de fronte do personaxe conmemorado, Robert F. Kennedy, que foi Fiscal Xeral dos EEUU e senador por Nova York. A lenda principal correspóndese co seu nome, ROBERT F: KENNEDY, e complétase cos lemas IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), tradicionais das moedas estadounidenses.[2][3]

Fotografía de Robert F. Kennedy en 1968.

Pola súa banda, o reverso, deseñado por Jim Peed e gravado por Thomas D. Rogers, reproduce os selos superpostos do Departamento de Xustiza e do Senado dos Estadous Unidos, as dúas institucións das que formou parte Robert F. Kennedy. Ademais da Palabra JUSTICE ("Xustiza"), as lendas do reverso son alusivas ao nome do país e ao valor facial da moeda.[2][3]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de San Francisco e a emisión estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación desde o 2 de xaneiro ao 31 de decembro de 1998.[2][3]

A súa produción foi de 106.422 moedas na súa condición estándar e 99.020 en versión con acabamento especial (proof) o que fai un total de 205.442 exemplares.[3][4]

Este dólar conmemorativo comercializouse aos prezos de 32 dólares en condición estándar e 37 en versión proof.[3] Consonte a lei que autorizou a moeda, o beneficio acadado pola súa venda foi destinado á organización sen ánimo de lucro Robert F. Kennedy Memorial, de Washington.[2][3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]