Saltar ao contido

Dólar da Illa do Príncipe Eduardo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar da Illa do Príncipe Eduardo †
Ámbito:
Illa do Príncipe Eduardo
Fracción:Cent (¢)
Moedas:1 cent.
Billetes:1, 2, 5, 10 e 20 dólares.
Emisor:

O dólar da Illa do Príncipe Eduardo foi a moeda propia da Illa do Príncipe Eduardo entre 1871 e 1873, cando este territorio se integrou na Confederación do Canadá e asumiu o dólar canadense como unidade monetaria.

O dólar da Illa do Príncipe Eduardo dividíase en 100 centavos (cents).

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

As primeiras moedas utilizadas na Illa do Príncipe Eduardo, do mesmo xeito que no resto do Canadá, foron as levadas consigo polos primeiros colonos e polos comerciantes que se achegaban ás súas costas.[1]

Ao longo do século XIX utilizáronse tamén reais de oito españois aos que se lles recortaba a súa parte central. Deste xeito, o aro exterior resultante circulaba co valor de 5 xilins ou un cuarto de libra esterlina, e o núcleo co valor dun xilin.[2][3]

Neste contexto, á medida que os intercambios comerciais ían xerando unha maior necesidade de moeda circulante, algúns comerciantes e entidades locais comezaron a cuñar as súas propias moedas, baixo o sistema monetario inglés, coñecidas na tradición anglosaxoa como tokens.[1][4]

Emisión privada de medio penique de 1857.[5]

Foi moi frecuente a posta en circulación de moedas de cobre con valor de medio penique a partir de 1830, e que estiveron en uso ata despois de 1860. As máis habituais amosaban lendas alusivas á actividade pesqueira e ao comercio, como SHIPS COLONIES & COMMERCE,[6] ou SUCCESS TO THE FISHERIES,[7] ou tamén SELF GOVERNMENT AND FREE TRADE[5].[1][4]

O dólar da Illa do Príncipe Eduardo

[editar | editar a fonte]

A Illa do Príncipe Eduardo adoptou o sistema decimal no seu sistema monetario en 1871, e deste xeito o dólar, dividido en cen centavos (cents) pasou a substituír a libra como unidade monetaria deste territorio colonial. A lei que determinou esta reforma tamén fixou o tipo de cambio entre a libra esterlina e o dólar da Illa do Príncipe Eduardo, de maneira que unha libra equivalía a 4,8666 dólares, a mesma paridade cá do dólar canadense. Mediante esta mesma lei autorizábase tamén o Goberno colonial para dispor a impresión de papel moeda con valor facial expresado en dólares e para emitir moedas divisionarias de cobre co seu valor en centavos.[8][9]

A única moeda oficial cuñada dentro do efémero sistema monetario do dólar da Illa do Príncipe Eduardo foi a dun centavo, cunha única emisión, datada en 1871.[10]

O deseño de ambas as faces desta moeda débeselle a Leonard Charles Wyon, daquela gravador xefe da Royal Mint, de Londres. O seu anverso amosa un busto da raíña Vitoria rodeado pola lenda VICTORIA QUEEN e coa data no exergo. O reverso foi especialmente deseñado para esta emisión e estaba caracterizado polo símbolo da colonia: un gran carballo, que simboliza a Inglaterra, dando abeiro a outros tres máis novos, símbolo dos tres condados que compuñan a Illa do Príncipe Eduardo. Baixo este motivo principal áchase a inscrición PARVA SUB INGENTI ("O pequeno debaixo do grande"), e rodeando o conxunto, a lenda PRINCE EDWARD ISLAND e o valor facial: ONE CENT.[10][11][12]

1 centavo de 1871.[10][11]

Deste medio penique cuñouse un millón de exemplares na Ceca de Heaton, en Birmingham, coa supervisión da Royal Mint, de Londres, aínda que as moedas carecen de marca de ceca.[11][12]

O seu peso é de 5,80 gramos, o seu diámetro é de 25,40 milímetros, e está cuñada nunha aliaxe de 90-70 % de cobre e 10-30 % de estaño.[10][11]

O Tesouro da Illa do Príncipe Eduardo xa emitira con anterioridade, entre 1848 e 1858, papel moeda co seu valor facial expresado en libras esterlinas, unha serie composta polos billetes de 5 e de 10 xilins, e de 1, 2 e 5 libras.[13]

Posteriormente, o Merchant Bank of Prince Edward Island emitiu entre 1871 e 1891 billetes de 1, 2, 5, 10 e 20 dólares,[14] e preparou tamén probas dun billete de 5 dólares en 1900, aínda que este non chegou a ver a luz.[15]

En 1872, novamente o Tesouro emitiu billetes de 10 e de 20 dólares, e o mesmo ano, dous bancos autorizados, o Bank of Prince Edward Island e o Union Bank of Prince Edward Island, comezaron tamén a emitir os seus propios billetes de 1, 2, 5, 10 e 20 dólares. Tamén emitiron papel moeda nesta época o Merchants Bank of Prince Edward Island e o Summerside Bank of Prince Edward Island.[16][17]

A partir do ano seguinte, os bancos privados da Illa do Príncipe Eduardo comezaron a emitir os seus billetes en dólares canadenses, para o que inicialmente se aproveitaron os xa emitidos ata entón e postos en circulación, aos que se lles engadía un selo coa expresión "CANADIAN CURRENCY".

Emisións do Bank of Prince Edward Island

[editar | editar a fonte]

O Bank of Prince Edward Island constituíuse o 14 de abril de 1856 en Charlottetown,[18] logo de case dous anos de negociacións coa metrópole para que esta aceptase a legalidade do establecemento dun banco na colonia.[19] O 13 de agosto dese mesmo ano, o banco abriu as súas portas,;[20] fundado por James Peake, Richard Heartz, Daniel Davies, Henry Haszard e Daniel Brenan.[21] Foi a primeira entidade bancaria en entrar en funcionamento na illa.[22]

En 1857, este banco pechou temporalmente durante tres meses, logo de se descubrir que se realizaran préstamos que superaban o seu propio capital,[20] o que motivou a renuncia do seu presidente, Ralph Brecken.[23] Finalmente, en 1881, unha nova concesión desmesurada de préstamos levou o banco ao seu pechamento definitivo e á súa liquidación durante os oito anos seguintes (1882-1887).[24] Foi o primeiro banco canadense en se declarar en creba.[25]

A primeira emisión de papel moeda do Bank of Prince Edward Island foi datada o mesmo día da súa apertura (13 de agosto de 1856) e correspondíase con valores aínda pertencentes ao sistema anterior: 5 e 10 xilins, e 1 e 5 libras.[26] En 1859 emitiuse unha nova serie cos valores de 10 xilins e 2 libras.

En dólares da Illa do Príncipe Eduardo, o Bank of Prince Edward Island levou a cabo dúas emisións, compostas ambas polos mesmos valores e cos mesmos deseños; unha primeira datada o 1 de xaneiro de 1872 e unha segunda con data do 1 de xaneiro de 1877:[27]

Serie completa de billetes do Bank of Prince Edward Island
Valor facial Datas Imaxes de anverso e reverso Medidas Impresor
1 dólar[28] 1872 e 1877 180 x 78 mm British American Bank Note Co. Ltd., Montreal.
2 dólares[29] 187 x 82 mm
5 dólares[30] 186 x 78 mm
10 dólares[31] 183 x 78 mm
20 dólares[32] 185 x 79 mm
  1. 1 2 3 Willey, R. C. (2013). "Coins and Tokens". The Canadian Encyclopedia.
  2. "5 Shillings - Charles IIII Holey Dollar". Numista.com
  3. "The Royal Canadian Mint Currency Timeline Arquivado 17 de outubro de 2013 en Wayback Machine.". Royal Canadian Mint. Páxina 2.
  4. 1 2 "19th Century Canada Genuine Trade Tokens". London Numismatic Club.
  5. 1 2 "½ Penny Prince Edward island - Self government and free trade". Numista.com
  6. "½ Penny. Ships Colonies & Commerce". Numista.com
  7. "½ Penny Speed the Plough". Numista.com
  8. Pawell, J. (2005). Páxinas 22-44.
  9. An Act to establish a Decimal system of Currency on this Island, Statutes of Prince Edward Island, 34 Vict. (1871), c. 5.
  10. 1 2 3 4 "Canada. Prince Edward Island: 1 Cent - Victoria". Numista.com
  11. 1 2 3 4 "Prince Edward. 1 cent. 1871". Colnect.com
  12. 1 2 "1 Cent, Prince Edward Island, Canada, 1871". Museums Victoria Collections.
  13. Cuhaj, G. S. (ed.) (2009). Páxina 181.
  14. Cuhaj, G. S. (ed.) (2009). Páxinas 227-228.
  15. Cuhaj, G. S. (ed.) (2009). Páxina 228.
  16. "Billets de banque des banques du Canada (billets de banque à charte)". Numicanada.com
  17. "Canada. Chartered Banks". Banknote.ws
  18. "Customs House". Canada's Historic Places.
  19. Baldwin, D. O. (1985). "The Growth and Decline of the Charlottetown Banks, 1854-1906". En Acadiensis. Vol 15. Nº2. Páxina 32..
  20. 1 2 Baldwin, D. O.; Gill, H. (1983). "The Island's First Bank". En Island Magazine (Charlottetown). Nº 14. Páxina 9.
  21. Baldwin, D. O. (1985). Op. cit. Páxina 33.
  22. Baldwin, D. O.; Gill, H. (1983). Op. cit. Páxina 8.
  23. Baldwin, D. O. (1985). Op. cit. Páxina 34.
  24. Forbes, E. R.; Muise, D. A. (1993). The Atlantic Provinces in Confederation. University of Toronto Press. ISBN 0-8020-6817-0. Páxina 97.
  25. Ben-Ishai, S. (2009). "Bank Bankruptcy in Canada: A Comparative Perspective". En Banking and Finance Law Review, 25 (59).
  26. Cuhaj, G. S. (ed.) (2009). Páxinas 277-278.
  27. Cuhaj, G. S. (ed.) (2009). Páxina 278.
  28. "Bank of Prince Edward Island, 1 dollar". Bank of Canada Museum.
  29. "Bank of Prince Edward Island, 2 dollars". Bank of Canada Museum.
  30. "Bank of Prince Edward Island, 5 dollars". Bank of Canada Museum.
  31. "Bank of Prince Edward Island, 10 dollars". Bank of Canada Museum.
  32. "Bank of Prince Edward Island, 20 dollars". Bank of Canada Museum.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]