Saltar ao contido

Crocodylus johnsoni

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Crocodilo australiano»)

Crocodylus johnsoni
Estado de conservación

Pouco preocupante [1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Reptilia
Orde: Crocodilia
Familia: Crocodylidae
Subfamilia: Crocodylinae
Xénero: Crocodylus
Especie: C. johnsoni
Nome binomial
Crocodylus johnsoni
Krefft, 1873[2]
Área de distribución de C. johnstoni en negro
Área de distribución de C. johnstoni en negro

Área de distribución de C. johnstoni en negro
Sinonimia

Crocodylus johnsoni (ou tamén Crocodylus johnstoni; véxase máis abaixo), chamado xeralmente crocodilo de auga doce australiano ou crocodilo australiano, é unha especie de crocodilo endémico de rexións do norte de Australia.

A difernza do seu parente australiano moito máis grande, o crocodilo de auga salgada, o crocodilo de auga doce non ataca normalmente ao ser humano e raramente causa vítimas, aínda que pode morder como autodefensa se se sente acurralado. Tampouco se aventura no mar, mentres que o crocodilo de auga salgada pode vivir en ríos ou no mar.

Taxonomía e etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Cando Gerard Krefft nomeou esta especie en 1873, pretendía homenaxear ao home que primeiro lle informou a el deste animal, o policía e naturalista australiano Robert Arthur Johnstone (1843-1905).[4][5] Porén, Krefft cometeu un erro ao escribir o nome, escribindo johnsoni en vez de johnstoni, e durante moitos anos a especie se coñeceu como C. johnsoni. Recentes estudos dos documentos de Krefft determinaron a ortografía correcta do nome, e gran parte da literatura foi actualizada ao uso correcto. Porén, aínda circulan na literatura as dúas versións. Ademais, segundo as regras do Código de Nomenclatura Zoolóxica Internacional, considérase que o válido é o epíteto johnsoni (en vez de johnstoni).[4][6]

Características

[editar | editar a fonte]

É un crocodilo relativamente pequeno. Os machos poden crecer ata os 2,3 a 3 m de longo, e as femias como máximo ata 2,1 m.[6] Os machos adoitan pesar uns 70 kg, e os espécimes máis grandes ata 100 kg ou máis, mentres que as femias pesan uns 40 kg.[7] En áreas como o lago Argyle e o canón Katherine existen varios individuos confirmados de 4 m. Esta especie é tímida e ten un morro máis delgado e dentes algo menores que o perigoso crocodilo de auga salgada. A cor do corpo é marrón clara con bandas máis escuras no corpo e cola, que tenden a desfacerse preto do pescozo. Algúns individuos posúen bandas ou manchas no fociño. As escamas corporais son relativamente grandes, con placas acoirazadas anchas, moi unidas no dorso. Escamas arredondadas avultadas cobren os flancos e partes externas das patas.[6]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Encóntranse en Australia nos estados de Australia Occidental, Queensland e o Territorio do Norte. Os principais háitats inclúen as zonas húmidas de auga doce, en lagoas e pozas de meandros abandonados de ríos (billabongs), ríos e regatos. Esta especie pode vivir en áreas onde o crocodilo de auga salgada non, e habitan áreas por encima da escarpa no Parque Nacional de Kakadu e en condicións rochosas e moi áridas (como o canón Katherine, onde son comúns e están relativamente a salvo do crocodilo de auga salgada durante a estación seca). Porén, son moi abundantes en billabongs de zonas baixas, vivindo xunto con crocodilos de auga salgada preto da zona de influencia mareal dos ríos.

En maio de 2013, un crocodilo de auga doce australiano foi visto nun río preto da cidade deserta de Birdsville, centos de quilómetros ao sur da súa área normal. Suxeriuse que puido chegar alí despois de anos de inundacións que o arrastraron cara ao sur, ou puido ser deixado alí cando era un individuo novo.[8]

Bioloxía e comportamento

[editar | editar a fonte]

Aínda que non pode competir co crocodilo de auga salgada, esta especie é tamén tolerante á auga salgada. Os crocodilos adultos comen peixes, aves, morcegos, réptiles e anfibios, aínda que os individuos máis grandes poden capturar presas tan grandes como un ualabí. Un foi filmado comendo unha pitón despois dunha loita que durou unhas 5 horas.[9]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Poñen os ovos en buratos durante a estación seca australiana (xeralmente en agosto) e eclosionan ao principio da estación húmida (novembro/decembro). Estes crocodilos non defenden os niños durante a incubación. Dun a cinco días antes da eclosión, as crías empezan a emitir chamadas desde dentro do ovo. Isto induce e sincroniza a eclosión de todos os irmáns e estimula os adultos a abriren o niño. Non se sabe se o adulto que abre o niño é sempre a femia que puxo os ovos. Cando saen as crías do niño, o adulto recólleas unha por unha na punta da boca e transpórtaos á auga. Os adultos poden tamén axudar as crías a abrir o ovo mordendo con coidado e manipulando o ovo na boca.[10]

Status de conservación

[editar | editar a fonte]
Crocodilo de auga doce australiano no Australia Zoo

Ata hai pouco, esta especie era común no norte de Australia, especialmente onde os crocodilos de auga salgada estaban ausentes (como as zonas máis áridas do interior e zonas elevadas). Nos últimos anos, a poboación caeu drasticamente debido á inxestión do sapo invasor Rhinella marina. Este sapo é velenoso para estes crocodilos, pero non para o crocodilo de auga salgada, e o sapo está espallándose incontroladamente por todas as áreas naturais australianas.[11] Estes crocodilos son tamén infectados polo trematodo parasito Griphobilharzia amoena en rexións como Darwin.[12]

Perigo para os humanos

[editar | editar a fonte]

Aínda que o crocodilo de auga doce australiano non ten os humanos como unha presa potencial, pode dar perigosas trabadas. Houbo uns poucos incidentes nos que foron mordidas persoas mentres nadaban con estes crocodilos e outras producíronse durante o estudo científico do animal. Un ataque rexistrouse no canón Barramundi (tamén chamado Maguk) no Parque Nacional de Kakadu e causou lesións de pouca gravidade; a vítima puido safarse e nadar e marchar correndo. Aparentemente pasara por riba do crocodilo na auga, pero en xeral considérase relativamente seguro nadar con estes crocodilos na auga, sempre e cando estes non sexan molestados.[13]

  1. Crocodile Specialist Group (1996). "Crocodylus johnsoni". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 31 de xaneiro de 2010. 
  2. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Crocodylus johnsoni' (TSN 551774)" (en inglés). 
  3. [ . . johnstoni signific "de Johnstone", derivado do nome do primeiro europeo que descubriu e informou sobre el a Krefft. Desafortunadamente Krefft escribiu mal o nome como "johnsoni" na súa descrición inicial e a súa posterior corrección foi ignorada ata 1983 cando a nomenclatura foi revisada completamente por Hal Cogger (Cogger 1983). Aínda que a maioría da literatura científica, incluíndo toda a lexislación territorial, estatal e federal de Australia está usando "johnstoni" correctamente desde entón, a versión incorrecta é aínda popular especialmente nos EUA baseándose nunha posterior revisión taxonómica (King e Burke 1989) que ignorou a revisión de Cogger. http://crocodilian.com/cnhc/csp_cjoh.htm Arquivado 27 de outubro de 2011 en Wayback Machine. Crocodilian Species List, Crocodylus johnstoni (KREFFT, 1873)]
  4. 4,0 4,1 4,2 "Crocodylus johnsoni ". The Reptile Database. www.reptile-database.org.
  5. Beolens B, Watkins M, Grayson M. 2011. The Eponym Dictionary of Reptiles. Baltimore: Johns Hopkins University Press. xiii + 296 pp. ISBN 978-1-4214-0135-5. ("Johnstone, R. A.", p. 136).
  6. 6,0 6,1 6,2 Adam Britton. "Crocodylus johnstoni". Florida Museum of Natural History. Consultado o 16 de xuño de 2009. 
  7. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2013. Consultado o 23 de xullo de 2017. 
  8. "Crocodile turns up in river near Birdsville". 23 May 2013. Consultado o 2013-05-25. 
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2017. Consultado o 23 de xullo de 2017. 
  10. Somaweera, Ruchira; Shine, Richard (September 2012). "Australian freshwater crocodiles (Crocodylus johnstoni) transport their hatchlings to the water". Journal of Herpetology 46 (3): 407–411. doi:10.1670/11-056. 
  11. "Crocodiles falling victim to cane toads". ABC News. 29 December 2008. 
  12. T. R. Platt; D. Blair; et al. (1991). "Griphobilharzia amoena n. gen., n. sp. (Digenea: Schistosomatidae), a parasite of the freshwater crocodile Crocodylus johnstoni (Reptilia: Crocodylia) from Australia, with the erection of a new subfamily, Griphobilharziinae". Journal of Parasitology 77 (1): 65–68. JSTOR 3282558. doi:10.2307/3282558. 
  13. http://aebrain.blogspot.com/2003/09/how-embarressing.html