Conversa:Teoría do envellecemento por danos no ADN

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Esta teoría describe por que se produce o envellecemento, que sería causado por acumulación de danos no ADN que non se poden reparar. Tendo en conta esta definición, na miña opinión unha boa tradución de DNA damage theory of aging é teoría do envellecemento por danos no ADN. Danos pode ir perfectamente en plural, xa que é unha acumulación de danos. Os adxectivos son singulares en inglés (damage control = control de danos). A tradución que se usou como título da páxina non me parece a mellor opción. Miguelferig (conversa) 4 de abril de 2024 ás 00:07 (UTC)[responder]

Estou de acordo. Non acabo de entender o significado que ten agora. Existe tal cousa como ADN do envellecemento? Breogan2008 (conversa) 4 de abril de 2024 ás 06:03 (UTC)[responder]
@Miguelferig, @Breogan2008 entendo o que dicides e acabo de mudar a entradiña. Casualmente, hai dous artigos inglés ('en' e 'simple') co mesmo título, pero varía en castelán e portugués, por iso incluín unha frase sobre a terminoloxía. Gasparoff (conversa) 4 de abril de 2024 ás 09:27 (UTC)[responder]
Saúdos Gasparoff e grazas polo teu labor nas moitas páxinas que estás facendo. Xa notarías que eu consulto moitas veces as páxinas de bioloxía que fas ti e ás veces fago algunha contribución. É normal, eu son biólogo e as páxinas de bioloxía son as que máis me interesan. En canto á terminoloxía, eu creo que a maior parte das veces como se diga noutros idiomas (castelán, portugués...) non nos interesa demasiado, excepto en ocasións para indicar como se di na lingua en que se acuñou o termo (inglés neste caso e na maioría dos casos dos termos modernos) porque é a orixe do termo e ese é o termo que realmente hai que traducir. Moito máis aínda se son abreviaturas internacionais ou usadas despois nas referencias do artigo, en bases de datos internacionais ou no propio texto do artigo, xa que algunhas abreviaturas se usan sempre en inglés. Por exemplo, se eu digo "fixéronme unha RCP" non todo o mundo o entendería, pero se digo "fixéronme unha PCR" seguro que xa o temos todos claro. Ás veces hai máis dunha denominación para un mesmo termo, incluso na lingua orixinal, polo que é normal poñer as traducións en galego das varias denominacións. Ou o termo pode ser traducido lexitimamente de varias maneiras (punctuated equilibria = equilibrios puntuados = equilibrios interrompidos).
Un caso especial son os nomes de animais. Xeralmente, se non hai referencias do nome común galego habería que usar o nome científico, pero pode ser útil comentar que nos países da súa área de distribución chámanlle X ; por exemplo que un animal do Amazonas ten os nomes locais A e B no Brasil e C no Perú, ou que ten un nome coincidente (equivalente) en moitas linguas (mole-rat, rata topo, rata-toupeira, rat-taupe).
Volvendo ás abreviaturas, un caso conflitivo é ADN/ARN ou DNA/RNA. A política da wikipedia favorece ADN/ARN, pero eu son partidario de DNA/RNA. Os ADN/ARN coñecidos e os únicos estudados en secundaria son o ADN, ARNm, ARNr e ARNt, pero o problema é que hai ducias máis e non é doado traducilos. Por exemplo, snRNA, snoRNA, siRNA, piRNA, ncRNA, tmRNA e un longo etcétera, que non sempre é fácil traducilos, porque é confuso e as traducións non son termos establecidos polo uso. Un caso aínda peor é miRNA porque neste caso mi (micro) é un prefixo (como en microorganismo, microscopio) e non é un adxectivo en palabra separada (como en messenger RNA), polo que a tradución da abreviatura sería miARN (en cambio diriamos ARNm no segundo exemplo). Hai artigos en que hai que usar os dous tipos (ARNm e snoRNA) e queda mal, pero se poño ARNnop case ninguén se dará conta ao que me refiro (small nucleolar RNA) e é confuso. ARNnop propóñeno nun Vocabulario de termos, pero, por que con o se é nucleolar? (podería tamén ser ARNnup). Polo meu gusto, polo menos neses casos, gustábame poñelos todos como RNA, DNA.
Por certo, está cambiado o título, pero no texto do artigo aínda aparece a denominación vella varias veces.--Miguelferig (conversa) 4 de abril de 2024 ás 16:34 (UTC)[responder]
Graciñas, @Miguelferig!
A min tamén me apaixona a bioloxía e agradezo moito o teu labor, que vou atopando en moitas páxinas. Creo que pode axudar a calquera lector de galego, estudantes de Biololoxía, Coñecemento do Medio e demais, e mesmo outras consecuencias inesperadas, como ensinar ás IAs a entender e usar a nosa lingua; por exemplo modelos de linguaxe como GPT agora dan falado galego (daquela maneira, aínda, pero é un bo salto para a galeguidade ... :)
Sobre a xenética, Carracedo explicou que tivo que introducir termos que non existían en ningunha lingua, e tanto el como o SNL da USC recomendan a converxencia coa Lusofonía (comentado aquí: Diccionario galego de termos médicos), que neste caso en concreto coincide coa terminoloxía inglesa. Sobre este artigo, estaría ben mudar ADN por DNA, polo que dis, desde logo no texto e polo menos facer algunhna redirección. Entendo que ás veces a sobreabundancia de termos pode interferir no miolo do artigo (é comprensible que @Breogan2008 retirase esa frase), pero se hai varios sinónimos está ben poñer todos (como en anosmia), e ás veces tamén ten sentido poñer brevemente algo sobre a etimoloxía.
Saúdos! Gasparoff (conversa) 5 de abril de 2024 ás 10:40 (UTC)[responder]